béisbol
(< ingl baseball)
Xogo entre dous equipos de nove xogadores que se alternan en posicións ofensivas e defensivas e que tratan de completar o maior número de carreiras válidas (runs), arredor dun campo, segundo as convencións regulamentarias. A pelota, dura e elástica, ten 22,86-23,50 cm de circunferencia e pesa 142,5-148,3 gramos. O pivote do equipo defensor (pitcher), situado no centro xeométrico dun cadrado perfecto, lanza a pelota ao seu compañeiro receptor (catcher), situado nun dos ángulos do cadrado e diante do cal está parado o primeiro xogador do equipo atacante brandindo bate (bat), co que tenta interceptar e golpear a pelota. Se o bateador consegue golpear a pelota, ten que correr e conseguir chegar ao maior número posible de bases (situadas en cada un dos catro ángulos do cadrado) antes de que a pelota sexa collida por algún defensor que a pase ao vixilante de base (baseman). A vitoria é do equipo que consegue máis carreiras válidas. Deporte nacional dos EE UU, é unha transformación do criquet inglés. En 1845 apareceu o máis antigo dos clubs de béisbol, o Knickerboker Baseball Club of Nova York, e no ano 1858 estableceuse o regulamento definitivo. Os equipos máis destacados son o Nova York Yankees, o Saint Louis Cardinals, o Philadelphia Athletics, o Nova York Giants, o Washington Senators e o Pittsburg Pirate. As Major Leagues dos EE UU son campionatos profesionais que moven grandes cantidades de cartos e xeran importantes negocios, de xeito que os clubs son franquicias ou sociedades mercantís administradas dun xeito empresarial, e foron pioneiras no desenvolvemento de estratexias de promoción, xestión e comercialización de produtos vinculados aos clubs e na explotación dos seus recursos (dereitos de retransmisión televisiva, publicidade, etc), imitadas posteriormente por outros equipos doutras disciplinas. Dende os EE UU a práctica do béisbol estendeuse a todo o mundo, arraigando extraordinariamente nos países centroamericanos por mor da influencia e, mesmo en ocasións, da presenza militar ianqui en moitos deles a principios do s XX. En Cuba, Nicaragua, Puerto Rico ou Panamá, entre outros, o béisbol é o primeiro deporte nacional e mesmo unha gran porcentaxe dos mellores xogadores das competicións profesionais proceden deses países. En España introduciuno en 1930 o periodista Agustí Peris de Vargas, que o importou de Cuba e foi o primeiro xogador e adestrador. O campionato de España celebrouse por vez primeira en 1943. O primeiro Campionato do Mundo disputouse en 1976 coa vitoria da selección cubana. Nos Xogos Olímpicos de Barcelona (1992) este deporte formou parte por vez primeira do programa oficial. Na final dos Xogos Olímpicos de Atlanta 1996, no medio dunha intensa loita propagandística entre os dous países, o equipo nacional de Cuba venceu o anfitrión, EE UU, ao lograr o título de Campión e a medalla de ouro, constituíndo aquel feito un dos acontecementos de maior repercusión desa XXVI olimpíada.
Ex: Hoxe botan un partido de béisbol na televisión.
Citas
- Hoxe botan un partido de béisbol na televisión.