Belchite, Batalla de
Enfrontamento militar da Guerra Civil española (1936-1939) que se enmarca dentro dos contraataques republicanos organizados para evitar o avance das tropas nacionais na fronte do Norte. O 24 de agosto de 1937, o exército republicano lanzou unha ofensiva en Aragón, que foi no aspecto estratéxico unha continuación da batalla de Brunete. A fronte de Aragón estabilizárase desde había un ano conformada por unha serie de puntos de resistencia, polo que o mando republicano considerou que era o lugar indicado para a ofensiva que tiña por obxectivo Zaragoza. O mando supremo estaba en mans do xeneral Pozas, xefe do exército do Leste, xunto co tenente coronel Antonio Cordón como xefe do Estado Maior e Virgilio Campos como comisario. As tropas mobilizadas foron o V Corpo do Exército, mandado por Modesto coas tres divisións de Líster, Campesino e Walter, a 27 División de Trueba, a 35 de Kleber e o XII Corpo do Exército de Sánchez Plaza. O exército republicano entrou en Zuera, abríndose a fronte entre Quinto e Belchite, nun combate que durou varios días. A penetración republicana viuse dificultada pola resistencia tenaz da vila de Belchite, fortificada e defendida por 2.000 homes de guarnición. Belchite caeu o 6 de setembro, pero foi unha amarga vitoria republicana.