Benxamín
Segundo a xenealoxía bíblica, o último dos doce fillos de Xacob, nado da súa unión con Raquel, e xefe dunha das doce tribos de Israel. Por ser o máis novo da familia era o preferido de seu pai, xunto co seu irmán Xosé. Este último, agraciado co don da videncia, espertou a envexa dos seus irmáns que terminarían por vendelo a uns mercadores ismaelitas e convertelo en escravo. Transcorridos os anos e habitando xa na próspera corte de Exipto, tal e como lle profetizara ao faraón, viu chegar os seus once irmáns na procura de trigo para a súa subsistencia. Xosé decidiu entón sometelos a unha proba co fin de comprobar se realmente estaban arrepentidos do mal que lle fixeran: ordenou meter unha copa de prata na saca de trigo de Benxamín. Cando xa ían de volta a Canaán foron cacheados por uns soldados exipcios mandados por Xosé quen, ao atopar o vaso, levaron preso a Benxamín acusándoo de roubo. Desta vez, os fillos de Xacob non abandonaron o irmán pequeno, senón que defenderon a súa inocencia e mesmo se ofreceron a purgar o seu delito. Isto abondoulle a Xosé para recuperar a confianza nos seus irmáns; descubriu, daquela, a súa identidade e mandou buscar o seu pai Xacob, convidando a toda a súa familia a instalarse en Exipto.