Berrón, O

Berrón, O
[PUBLIC]

Revista de periodicidade irregular subtitulada “Boletín informativo e cultural do Centro Cultural e Recreativo de Fisterra”, que foi publicada por primeira vez o 28 de outubro de 1987 e que desapareceu en abril de 1991. Pretendía ter carácter mensual, de feito no seu terceiro número o subtítulo era “Periódico mensual do Centro Recreativo e Cultural e do Casino de Fisterra”, pero como non se levou a cabo, pasou a ser “Máis ou menos mensual”. A partir do sexto número subtitulouse “Revista independente”. De redacción bilingüe, abranguía de 20 a 28 páxinas, ao comezo sen anuncios e logo con publicidade local. O seu director era Roberto Traba Velay, quen asinou moitos artigos, colaborando tamén entre outros: Manuel Martínez, Miro Villar, Teresa Arán Trillo e Severiano Pérez Suárez. A temática da revista, onde abundaban o sarcasmo e o humor, era variada: historia local, biografías ou entrevistas de persoeiros da vila, crítica literaria, textos poéticos de Celso Emilio Ferreiro, Manuel Curros Enríquez, o “Poema Ecolóxico” do Xefe Seattle e prosas de Benxamín Trillo, Ángel López Canosa ou Manolo de Antonio.