Bertomeu
, san Apóstolo de Cristo, de vida bastante descoñecida e contraditoria segundo as fontes. Nos evanxeos sinópticos aparece citado con este nome, pero no de san Xoán atéstase co de Natanael. Seica predicou en Palestina, India, Mesopotamia, Etiopia, Arabia, Persia ou Armenia; neste último país, o Rei pagán Astiaxe, furioso trala conversión da súa propia irmá, ordenou o seu martirio. Segundo o martiroloxio romano, foi esfolado vivo, mentres que para a tradición oriental, morreu crucificado e decapitado. Como taumaturgo de posesos curou demos agochados nas imaxes de ídolos e nos corpos dos entarangañados. En Galicia é titular de 36 parroquias. Con santo Antón é avogoso do gando bovino, protexéndoo de enfermidades, e dos ataques dos lobos; con santa Bárbara é protector do raio, da faísca, da treboada e dos incendios. Protexe, tamén, os partos e os meniños, sobre todo os que choran asustados sen poderen durmir polas noites, así como os rebeldes e rebuldeiros: “Onde san Bertomeu for mentado / non cairá faísca nin raio, / nin morre muller parida / nin crianciña de espanto”. Este santo cura mesmo o herpes, a tolemia e a morte repentina. En Maceda crese que san Bertomeu garda o gando de lobos e bestas feras, sanda as feridas, defende do meigallo, do pedrazo, de morreren os nenos sen bautismo e das enfermidades da gorxa: “San Bartolomé te afogue, si Dios non pode!”. Os seus santuarios adoitan estar no cumio dos outeiros elevados, como a ermida de san Bartolo de Salto (Terra de Soneira) situada nun outeiro do mesmo nome. O Ciprianillo ensina a facer a Cruz de san Bertomeuo, amuleto contra o mal de ollo: empréganse tres anacos de pau de cedro, cubertos con alecrín, ruda e apio, chántase nunha mazá de alcipreste e déixase tres días en auga bendicida. Na iconografía represéntase vestido cunha túnica e manto de apóstol e leva como atributos persoais: un gran coitelo na man ou o propio pelico sobre o brazo; ás veces tamén un demo aos seus pés. A súa festa celébrase o 24 de agosto; é patrón do concello de Xove (23 de agosto) e dos de Rubiá, Cariño (24 de agosto) e da Gudiña (26 de agosto). Abondosa fraseoloxía dá mostra da devoción popular por este santo: “Día de san Bertomeu anda o demo unha hora solto” emprégase para sinalar que ese día sempre hai unha desgracia; “Día de san Bartolomé a xuso anda o fuso”, pode aludir a que xa as noites empezan a medrar e poden empezar os fiadeiros ou tratarse dunha versión metafórica do refrán anterior; “Estar feito un san Bartolomé” aplícase a quen está moi ferido, lembrado o seu doloroso martirio; “Por san Bartolomeu brada o caparro por primeira vez (ou brúa o sabelo por primeira vez)”, alude á cría da cabra montés, etc.