biblioteca

biblioteca

(< lat bibliothēca

    1. s f

      Servicio cultural que organiza e mantén o depósito, a clasificación, a conservación e a consulta ou lectura de documentos diversos (libros, revistas, material audiovisual, etc). Unha biblioteca pode constituír un organismo funcionalmente autónomo ou ser un servicio subordinado dunha institución, como por exemplo unha universidade, unha academia, etc. As bibliotecas poden ser obxecto dunha clasificación sumaria, segundo o réxime de posesión e o obxecto (estatal, nacional, municipal, universitario, corporativo, público ou privado) ou segundo o contido (xeral ou especializada). Como institucións de cultura, as bibliotecas constitúen unha peza clave no sistema educativo e de investigación científica e erudita dun país.
      Organización e funcionamento das bibliotecas
      Unha das funcións máis delicadas dunha biblioteca é a adquisición de novo material bibliográfico. Para esta tarefa imponse un criterio sistemático de selección en función do carácter da biblioteca ou dos campos que ten a misión de cubrir. Canto máis grande é unha biblioteca máis inservible é sen unha boa clasificación e catalogación e conexión con bases de datos bibliográficos. O proceso de catalogación e clasificación ten as seguintes partes: encabezamento da ficha ou entrada do catálogo, descrición do obxecto catalogado, determinación do tema ou materia, clasificación e ordenamento das fichas ou datos de catalogación. A clasificación consiste en establecer agrupacións entre os obxectos que forman parte dunha biblioteca que teñen algo en común. O máis útil baséase en materias ou temas. As grandes bibliotecas e moitas redes de bibliotecas automatizaron os seus catálogos, mediante algún dos sistemas de xestión documental deseñados para procesar datos. A maioría baséanse no formato MARC (Machine Readable Cataloging) da Library of Congress dos EE UU, aínda que existen numerosas variacións (Ibermarc no caso galego) permite o intercambio internacional de datos. O servizo ou circulación dunha biblioteca ten dúas dimensións. Unha, a máis tradicional, consiste en atender os lectores que esperan unhas determinadas prestacións. Unha segunda dimensión orixínase no feito de que a biblioteca ten que ser un servizo que chegue a todos os sectores dunha comunidade. Isto non o pode proporcionar unha biblioteca illada, senón un conxunto de bibliotecas territorialmente ben repartidas e coordinadas entre elas mediante un servizo de préstamo interbibliotecario.
      As bibliotecas da antigüidade
      As máis antigas coleccións de textos escritos conservadas que merecen o nome de biblioteca son a gran colección de táboas de arxila en escritura cuneiforme procedentes do pazo real de Ebla (2400-2250 a C). No Exipto pre-ptolomeico existen coleccións de documentos e textos en papiro en templos e pazos reais. A primeira mención segura da existencia de bibiotecas na antiga Grecia fai referencia ás grandes escolas filosóficas do s IV a C en Atenas; a biblioteca máis importante semella que foi a da escola peripatética de Aristóteles. As bibliotecas máis famosas da antigüidade clásica, que a de Alexandría (295 a C; contiña entre 200 e 500.000 volumes) e a de Pérgamo (s II a C, cuns 200.000 volumes), constituían os centros de atracción dos eruditos do seu tempo. As primeiras bibliotecas romanas foron privadas e os seus fondos principais proviñan das bibliotecas gregas e dos reinos da Asia Menor. A primeira biblioteca pública abriuna en Roma o senador Asinio Polión (39 a C) e Augusto erixiu unha serie de bibliotecas, todas anexas a un templo e de estrutura semellante á de Pérgamo, como a Octaviana e a Palatina. A máis importante das bibliotecas romanas debeu de ser a Ulpiana, fundada por Traxano (100 d C), que subsistiu ata o s V. A biblioteca antiga estaba normalmente anexa a un santiario, un templo ou un sepulcro dun home ilustre; adoitaba ter carácter monumental, con ornamentación de estatuas, medallóns ou pinturas. As primeiras comunidades cristiás posuían dende o s I coleccións de libros, especialmente das Escrituras. A biblioteca máis importante da nacente Igrexa foi a de Oríxenes na súa escola de Cesarea, no s III.
      As bibliotecas na Alta Idade Media
      As invasións dos pobos nórdicos iniciadas a comezos do s V destruíron as bibliotecas imperiais romanas. Así mesmo, moitos dos seus volumes foron conservados en bibliotecas particulares ou pasaron a engrosar as coleccións eclesiásticas. Durante toda a Idade Media, dende o s VI deica o s XV, as bibliotecas de Europa occidental foron exclusivamente eclesiásticas. A regra beneditina, coas súas prescripcións obrigando á lectura e á escritura, puña os fundamentos do scriptorium e da biblioteca que había en todos os mosteiros que a orde espallou por Europa. Destacaron as tarefas dos copistas dos mosteiros como San Martiño de Tours, Corbie, Luxeuil ou Bobbio. A reforma beneditina de Cluny (910) incrementou a creación de mosteiros, todos eles coas súas bibliotecas e scriptoria. As bibliotecas monásticas, cara ao s XV, estaban repartidas por diversos lugares. No claustro estaba a biblioteca xeral nos seus correspondentes armaria. A tradición das bibliotecas nos pobos do Islam remóntase ao s VIII, incorporando o árabe á tradición de textos gregos médicos, matemáticos e científicos. Dende o s IX unha importante rede de bibliotecas espallouse por todo o mundo islámico.
      As bibliotecas da Baixa Idade Media e do Humanismo
      Os ss XIII e XIV supuxeron un cambio profundo nas bibliotecas medievais. Diversos factores confluíron nesta transformación: a expansión da cultura fóra dos mosteiros e das catedrais trala creación das universidades e o interese real e da nobreza na formación de bibliotecas privadas; o incremento do comercio de libros e a progresiva substitución do pergameo polo papel, co conseguinte abaratemento do libro, e o lento espertar do humanismo, que se encamiñou cara á biblioteca moderna. As bibliotecas universitarias tiveron a súa orixe en doazóns dos seus fundadores, como a de París en 1253 iniciada coa de Robert de Sorbon. As coleccións privadas de libros e a formación de grandes bibliotecas particulares compendiadas polos humanistas aumentaron notablemente, sobre todo trala caída de Constantinopla (1453), que supuxo a conseguinte dispersión dos textos gregos conservados nas bibliotecas imperiais e o sucesivo descubrimento dos textos clásicos latinos xa iniciado no s XIV. A biblioteca do convento de San Marcos de Florencia fundada en 1444 por Cosme de Medici, foi a primeira bibioteca pública con préstamo de Europa. En París foi importante a biblioteca establecida por Carlos V no Louvre, a mediados do s XV, baixo Nicolao V, organizouse e abriuse ao público a Biblioteca Apostólica Vaticana.
      As bibliotecas da época moderna
      A definitiva adaptación do papel como material librario e a invención de tipos móbiles na imprenta, tiveron unha considerable influencia na evolución da biblioteca. Esta separouse definitivamente dos scriptoria e, pola contra, foi dotada invariablemente dunha asignación para adquisición de libros. Para intentar solucionar os problemas da organización de grandes coleccións de libros apareceu en 1627 Avis pour dreser une Bibliothèque, de Gabriel Naudé, a primeira obra sobre biblioteconomía de grande influencia posterior. Non obstante , foi Leibniz quen puxo as primeiras bases para unha organización bibliográfica que tivese como fin esencial o acceso o coñecemento científico. Os ideais de Leibniz foron realizados na biblioteca universitara de Göttingen (Alemania). Estendeuse a reorganización das bibliotecas universitarias, académicas e eclesiásticas, en función do seu novo cometido de axuda aos estudios históricos e á filosofía experimental ou a investigación científica. Despois da revolución francesa expropiáronse as bibliotecas eclesiásticas e os seus fondos pasaron a enriquecer as bibliotecas universitarias ou a formar bibliotecas de cultura popular.
      As bibliotecas en Galicia
      A orixe das bibliotecas galegas atópase nos centros relixiosos, mosteiros e catedrais. A maioría das bibliotecas monacais desapareceron co paso do tempo: a biblioteca do mosteiro de San Xulián de Samos, estivo formada principalmente por libros litúrxicos para o rezo dos monxes; o mosteiro de Celanova contou cunha biblioteca que sufriu a dispersión dos seus fondos; da biblioteca de Santa María de Sobrado dos Monxes soamente hai referencias sobre algún dos libros doados, o mesmo sucede para os mosteiros de San Vicente de Almerezo, San Sebastián do Pico Sacro, San Salvador de Lérez e San Xoán de Caaveiro, no 969 o fundador do mosteiro de Vilanova de Lourenzá, o conde Osorio Gutiérrez, donou os seus libros para a biblioteca do cenobio. Outras bibliotecas das que está constatada a súa existencia pero que non chegaron ata nós foron: a Biblioteca Pública Arcebispal de Santiago de Compostela que funcionou dende a segunda metade do s XVIII ata principios do s XIX, estivo composta polos fondos que legaban os prelados ao morrer; a biblioteca do Convento da Mercé de Conxo, activa nos primeiros anos do s XIX, perdeu a maioría dos seus fondos durante a ocupación francesa, os que se salvaron pasaron o mosteiro de San Xoán de Poio; a biblioteca do Hospital de San Miguel do Camiño en Santiago de Compostela foi fundada no s XV mais só existen datos documentais sobre ela. Actualmente pódense consultar os fondos das bibliotecas monásticas de Santa María de Oseira fundada en 1674, do convento de San Francisco de Santiago creada en 1832, do mosteiro de San Xoán de Poio formada en 1890, de San Martiño Pinario e do mosteiro de Samos. As bibliotecas catedralicias foron o outro foco de transmisión e conservación da cultura e hoxe forman parte dos arquivos catedralicios ou dos museos diocesanos. A biblioteca da catedral de Lugo tiña fondos eclesiásticos e de medicina e ciencias naturais empregados na Escola Catedralicia que funcionaba dende o s XI. A partir do s XV, co fin da vida comunitaria na catedral, os seus fondos dispersáronse. A catedral de Mondoñedo conserva fondos do s XVII. A biblioteca da catedral de Ourense garda libros de carácter eclesiástico, histórico e filosófico; os seus fondos máis antigos corresponden ao s XIII. A biblioteca da catedral de Santiago de Compostela naceu trala doazón en 1238 do arcebispo Bernaldo II de todos os seus libros; posteriormente e, despois doutras doazóns, estableceuse un andel en 1454 na torre do claustro. O primitivo fondo estaba composto por un gran número de libros xurídicos, hoxe os seus fondos son máis variados. Non se sabe con certeza a data de fundación da biblioteca da Universidade de Santiago de Compostela. Un dos seus primeiros fondos foi a compra realizada polo bispo Carmona ao cabido da catedral en 1571; en 1591 os estudiantes comezaron a utilizala despois das primeiras reticencias do claustro. No s XIX naceron as bibliotecas públicas, a primeira biblioteca pública coruñesa foi a Biblioteca do Real Consulado da Coruña fundada en 1806, posteriormente naceron as bibliotecas públicas de Ourense en 1845 e de Pontevedra en 1848. En 1845 fundouse a biblioteca da Deputación da Coruña, en 1941 a de Pontevedra e en 1982 a de Ourense. No s XX asístese á creación das bibliotecas dos diferentes museos galegos como a biblioteca do Museo de Pontevedra en 1927, do Museo Provincial de Belas Artes da Coruña en 1947 ou a do Museo do Pobo Galego en 1975. Ao mesmo tempo, institucións de carácter privado crearon bibliotecas de uso público como a da Real Academia Galega en 1905, a Biblioteca Penzol en 1963 ou a do Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses en 1964, entre outras. O actual sistema bibliotecario galego está rexido pola lei de Bibliotecas de Galicia de 1989. Posteriormente, o decreto 57/1992 do 19 de febreiro, estableceu as funcións dos órganos do sistema bibliotecario. Este sistema está organizado nuns servicios bibliotecarios dependentes da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, do Consello de Bibliotecas, órgano consultivo e asesor, e dos Centros Territoriais de Bibliotecas, órganos de orientación e coordinación da rede bibliotecaria. Ademais, a lei recolle a existencia dos centros bibliográficos: o Centro Superior Bibliográfico de Galicia Xosé Filgueira Valverde e outros centros que entren no ámbito da lei. Na formación da rede bibliotecaria, a lei prevé que a Xunta de Galicia estableza convenios cos concellos e outros organismos públicos e privados para crear servicios bibliotecarios e bibliotecas públicas. Así os núcleos de poboación de máis de 2.000 habitantes contarán cunha biblioteca que pode ser a do colexio público ou de entes de carácter público. Os núcleos de menor poboación serán atendidos por bibliotecas móbiles ou axencias de lectura. Para as cidades de máis de 50.000 habitantes establécese a creación de redes bibliotecarias coordinadas por unha biblioteca nodal. Segundo a lei a cabeceira da rede de bibliotecas será o Centro Superior Bibliográfico de Galicia do que dependerán as bibliotecas nodais e, destas, as comarcais e as cabeceiras de redes urbanas ou municipais. O eixo fundamental da rede son as bibliotecas municipais; os concellos poden solicitar o seu ingreso na rede comprometéndose a manter aberta e ben dotada a biblioteca, así como participar nos programas comúns da rede. Na realidade a xestión das bibliotecas galegas está en mans de diferentes organismos. A administración central cedeu a xestión das bibliotecas provincias á administración autonómica en 1989 pero non a súa propiedade, así xestiona o sistema de catalogación do patrimonio bibliográfico e a conservación dos seus centros. A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo xestiona o seu sistema propio de bibliotecas formado polo Centro Superior Bibliográfico de Galicia e as Bibliotecas Públicas da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, ademais da Biblioteca Pública de Santiago de Compostela, en colaboración con Caixa Galicia, e a Biblioteca Central de Vigo. A lei de bibliotecas de 1989 estableceu os servicios e seccións das bibliotecas públicas: lectura en sala, préstamo a domicilio, publicacións periódicas, sección infantil e xuvenil, sección local e información. As axencias de lectura contarán co servizo de préstamo a domicilio, sección infantil e xuvenil e información. Pola súa banda, as bibliotecas móbiles terán servicios de información e de préstamo a domicilio. As bibliotecas itinerantes de préstamo han de estar organizadas en tres tipos de servicios: maletas viaxeiras, formadas por lotes audiovisuais, ou bibliográficas prestadas por un período determinado, bibliobuses, pequenas bibliotecas establecidas nos autobuses que teñen servicios de información e préstamo, préstamo directo, envíos ao lector a través dos servicios de transporte. Os centros bibliotecarios públicos están formados polas seguintes bibliotecas: nodais, comarcais, públicas municipais, axencias de lectura municipais, bibliotecas públicas de titularide privada, especiais e de especial interese para Galicia. As universidades galegas contan con bibliotecas destinadas ao estudo e á investigación. Cada universidade conta cuns servicios centrais e unha serie de centros nos distintos campus, facultades e escolas. Ademais das bibliotecas das universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, hai outras dúas que dependen da Universidad Nacional de Educación a Distancia (UNED): unha na sede da Coruña e outra na de Pontevedra. As bibliotecas especializadas dependen de diversos organismos: dos arquivos (Biblioteca Auxiliar do Arquivo do Reino de Galicia), cámaras oficiais, (Biblioteca da Cámara Oficial de Comercio de Pontevedra), centros de documentación e investigación (Biblioteca do Centro de Documentación Europea), colexios profesionais (Biblioteca do Colexio Oficial de Arquitectos), eclesiásticas (Biblioteca Auxiliar do Arquivo Diocesano de Santiago de Compostela), fundacións (Biblioteca da Fundación Penzol), médicas (Biblioteca da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia), museos (Biblioteca Auxiliar do Centro Galego de Arte Contemporánea) e organismos administrativos (Biblioteca e Centro de Documentación do Parlamento de Galicia). Entre as bibliotecas de especial interese para Galicia salientan: a Biblioteca da Real Academia Galega, a Biblioteca de Estudios Galegos Padre Sarmiento, a Biblioteca do Consello da Cultura Galega e a Biblioteca do Instituto da Lingua. As bibliotecas especiais agrupan as pertencentes aos centros da terceira idade, centros penitenciarios, hospitais e as da ONCE, entre outras.
      As bibliotecas no mundo
      Os países británicos son os de maior tradición de bibliotecas, en antigüidade, calidade e extensión. Un sistema flexible e eficaz, caracterizado pola súa reducida centralización, cubrindo todo o ámbito do estado británico e abarcando os diversos planos sociais (escolas, concellos, hospitais, universidades, establecementos penitenciarios, etc). A función de biblioteca nacional exércea a British Library herdeira directa da biblioteca do British Museum (1753). É un dos centros máis importantes do mundo en canto a suministro de documentos e a investigación no campo das ciencias da información. Entre as universitarias inglesas están as máis da Gran Bretaña, como a Bodleian Library de Oxford (1602) e a de Cambridge (s XIV). A xeral universitaria de Londres é a máis importante das modernas. Unha parte importante das bibliotecas de Francia dependen administrativamente da Direction des Bibliothèques de France (1945): a Bibliothèque Nationale, e as bibliotecas universitarias, municipais, provinciais, de préstamo e de grandes establecementos científicos como a de l’Institut de France (1795), la Bibliothèque Mazarine (1643), la Bibliothèque du Musée National d’Histoire Naturelle (1635), etc. Á parte deste sistema, existen as bibliotecas de institucións científicas superiores como as do College de France, o École Polytechnique e do Conservatoire National des Arts et Métiers (1789). A maior parte das bibliotecas universitarias francesas foron fundadas no s XIX. Cómpre destacar a biblioteca universitaria de París, que comprende a da Sorbonne (1762) xeral e as das diversas facultades e institucións afins. O estado español posúe unha rede de bibliotecas de estrutura semellante á francesa. Os servicios están compostos de tres clases de centros: as biblitecas públicas estatais de servizo xeral, as bibliotecas incorporadas a institucións, corporacións, establecementos de ensino e centros de investigación e as bibliotecas públicas non estatais. As primeiras dependen da Dirección Xeral de Arquivos e Bibliotecas. Á cabeza do sistema está a Biblioteca Nacional de Madrid. Entre os establecementos ou de ensino destaca sobre todo a universitaria de Madrid (s XVI) ou as do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). De entre as bibliotecas portuguesas, a Biblioteca Nacional de Lisboa (1796), rica en fondos antigos e en temas portugueses, é a máis importante do país. En Italia a riqueza bibliográfica é extraordinaria: dispón de 8 bibliotecas de carácter nacional, se ben a creación da bibliografía nacional corre a cargo do Instituto Centrale per il Catalogo Unico da Biblioteche Italiane. Cabe salientar a Biblioteca Nazionale Centrale Vittorio Emanuele II de Roma (1876), a Biblioteca Nazionale Centrale ou a Biblioteca Medicea-Laurenziana (ambas en Florencia). É reseñable a Biblioteca Ambrosiana de Milán. Entre as universitarias son notables a de Boloña (1605) e a de Turín e entre as relixiosas destacan a Biblioteca Apostolica Vaticana. Bélxica comezou a organización dun extenso sistema de bibliotecas populares o ano 1921. A Bibliothèque Royale Albert I é a nacional. A Koninklijke Bibliotheek (Biblioteca Real, 1879) da Haia é a biblioteca central holandesa. Son notables as bibliotecas universitarias de Leiden (1575), Utrecht (1584) e Amsterdam (1578). En Suíza a Schweizerische Landesbibliothek de Berna (1895) fai as funcións de nacional. Alemaña é un país con organización de bibliotecas tradicionalmente descentralizada; desde a reunificación a función de biblioteca nacional estivo asumida pola Deutsche Bibliothek, con sedes en Frankfurt e Leipzig. Entre as universidades máis antigas cabe destacar a de Hamburgo (1479), a de Göttingen (1734), a de Bochum (para a investigación en novas tecnoloxías) así como a de Heidelberg (1386), a máis antiga biblioteca universitaria alemana. En Austria subsisten diversas bibliotecas milenarias, como as dos mosteiros de Sankt Peter (Salzburgo), Kremsmünster, Admont e Melk, con notables coleccións de manuscritos e de impresos antigos. A biblioteca máis importante é a Osterreichische National-bibliothek de Viena. Entre as bibliotecas gregas destacan, ademais da biblioteca nacional (1832) de Atenas, as monásticas do monte Athos, ricas en manuscritos dos primeiros séculos do Cristianismo. O sistema de bibliotecas da antiga URSS comezou coa revolución de 1917. Cada unha das repúblicas posuía polo menos unha biblioteca estatal e unha rede moi ampla que cubría a totalidade das repúblicas. As máis reseñables serían a Gosudarst-vennaja Biblioteka de Moscova (1862) e a Biblioteca pública estatal E. Saltykova-ščedrina (1795) de San Petersburgo, antiga biblioteca imperial. A Naučno-tekhničeskaja publičnaja biblioteka (Biblioteca pública científico técnica), en Moscova, é a cabeza dunha extensa rede de bibliotecas especiais e de investigación científica. O inicio e o fundamento das bibliotecas dos EE UU atópase nos centros de ensino. As máis antigas son a Harvard University Library e a Yale University Library. Destacan a Library of Congress, que fai as funcións de nacional (conta cuns 100.000.000 de documentos) e que nos seus inicios (1800) servía exclusivamente ao congreso americano, a New York State Library, a New York Public Library e a Boston Public Library (1852). Fundacións privadas tamén de notable importancia son a Pierpont Morgan Library de Nova York, rica en textos antigos; a John Crerar Library, unida en 1984 á universidade de Chicago ou a Newberry Library, especializada en humanidades, ambas en Chicago. A biblioteca máis importante de Hispanoamérica e a Biblioteca Nacional de Rio de Janeiro, fundada pola familia real en 1810. Nos países árabes existen bibliotecas nacionais e universitarias en case que todos os países. Cómpre destacar as bibliotecas de institutos científicos, como o Instituto de Exipto do Cairo ou a Arab Academy de Damasco. A principal biblioteca do estado de Israel é a Jewish National an University Library (1892), en Xerusalén, que contén a colección máis importante do mundo de obras hebreas e xudaicas. Unha das bibliotecas nacionais africanas máis importante é a de Etiopia (1944), en Addis Abeba. As máis importantes pertencen a universidades, como a da University of East Africa (1963). En Sudáfrica existen dúas bibliotecas principais: a South African Library (1818), en cidade do Cabo, e a State Library, en Pretoria (1887), que se encarga de compilar a bibliografía nacional. En China a función de biblioteca foi exercida historicamente polas coleccións de libros do pazo imperial, conservándose os seus restos actualmente na Biblioteca Nacional de Pequín (1910) e na de Nanquín (1933). En Xapón destaca a biblioteca imperial de Toquio (1872), reorganizada e restaurada dentro da Biblioteca Nacional do Parlamento (1948).

    2. biblioteca ambulante

      Biblioteca instalada nun vehículo automóbil que percorre aqueles lugares que carecen de biblioteca co fin de proporcionarlles libros.

    3. biblioteca central

      Biblioteca cabeza dunha determinada rede de bibliotecas.

    4. biblioteca circulante

      Biblioteca que destina os seus libros a préstamos domiciliarios baixo determinadas condicións.

    5. biblioteca de libre acceso

      Biblioteca ou sección dunha biblioteca na que se poden coller os libros sen ningún permiso especial.

    6. biblioteca nacional

      Bibliteca pública oficial que ten o privilexio de recibir en depósito legal exemplares de todas as novas publicacións dentro do ámbito dun estado ou dunha cultura recoñecida e que exerce unha función de decanato e coordinación do sistema de bibliotecas existente nesa mesma zona.

    7. biblioteca popular

      Según a Federación Internacional de Asociacións Bibliotecarias (IFLA), biblioteca creada e financiada por un organismo público de tipo local ou central ou por algunha outra institución autorizada, utilizable por calquera persoa. A súa finalidade, tal como expresa o Manifesto da UNESCO sobre a biblioteca pública do ano 1972, é ser un instrumento ao servizo da educación, a cultura, a información e o ocio. A condición de biblioteca pública réxese polas directrices marcadas pola IFLA á Guidelines for Public Libraries (1985), institución que diferenza os seguintes tipos de biblioteca: pública xeral, hospitalaria, infantil, escolar, móbil, de cegos e de presos.

    8. biblioteca pública

      Biblioteca aberta ao público, aínda que pode pertencer a unha persoa ou institución privada.

    9. biblioteca xeral

      Sección xeral dunha biblioteca, especialmente cando esta está instalada en edificios separados.

  1. s f

    Cuarto dun edificio ou dunha casa destinado a conter unha gran cantidade de libros para a súa lectura.

    Ex: A humidade obrigounos a cambiar a biblioteca de lugar.

  2. s f

    Moble no que se colocan os libros.

    Ex: Colle o libro da biblioteca que está no meu cuarto.

    Confrontacións: librería.
  3. s f

    Conxunto ordenado dun importante número de libros.

    Ex: Ó longo da súa vida foi xuntando unha boa biblioteca.

  4. s f
    1. Obra que recolle os escritores dun país ou dun saber e as obras que escribiu.

      Ex: Esta obra constitúe a mellor exposición da biblioteca de Álvaro Cunqueiro.

    2. Colección ou escolma de libros que presentan homoxeneidade entre si, tanto polas materias que trata, época ou país que abrangue como polos autores a que pertence.

      Ex: A editorial Galaxia publicou no ano 1995 a Biblioteca da Cultura Galega.

  5. [INFORM]
    1. s f

      Colección de arquivos, programas de ordenador ou subrutinas.

    2. biblioteca de cargador

      Arquivo que contén subrutinas que poden ser vinculadas dentro dun programa de linguaxe máquina.

    3. biblioteca de ligazón dinámica

      Arquivo que contén unha biblioteca de procedementos en código máquina que poden ser vinculados a programas cando se necesiten no tempo de execución. Tamén se coñece coas siglas DLL (Dinamic Link Library) que se utilizan en Microsoft Windows e OS/2. A súa vantaxe práctica é que os programas non necesitan incluír código para realizar funcións comúns xa que o código está dispoñible na DLL. O programa é máis pequeno e poden facerse cambios unha vez na rutina da DLL en vez de independentemente en cada programa.

    4. biblioteca dixital

      Colección de documentos de texto, son e imaxe almacenada nun soporte informático como o CD-ROM ou o DVD-ROM.

    5. biblioteca virtual/en liña

      Biblioteca que ofrece algún ou a totalidade dos seus servicios a través da Internet ou doutras redes telemáticas semellantes. Por exemplo, a Universidade de Santiago de Compostela ou a Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos permiten que se consulten os seus catálogos en liña. A miúdo identifícase a propia Internet como a Biblioteca Universal que ofrece enormes cantidades de información en forma de texto, imaxe ou son que se poden consultar en tempo real desde un ordenador conectado á rede.