bilirrubina
(< bile + rubina)
Pigmento tetrapirrólico que se atopa nunha alta porcentaxe na bile, de cor amarela avermellada. Procede da degradación que o grupo hemo da hemoglobina sofre nas células do sistema reticuloendotelial do fígado, do bazo e da médula ósea. Transpórtase no sangue (bilirrubina indirecta ou libre) ata o fígado, onde se conxuga co ácido glucurónico (bilirrubina directa ou conxugada), procede da redución da biliverdina e elimínase por vía biliar. No intestino, a bilirrubina redúcese pola acción bacteriana e convértese en urobilinóxeno, que se elimina en gran parte coas materias fecais en forma de estercobilinóxeno; ou ben se reabsorbe, pasa ao sangue e fíxase no fígado, ou se elimina nos ouriños. Normalmente se atopa unha pequena cantidade de bilirrubina no sangue (bilirrubinemia), que nos casos patolóxicos determina a itericia.