bilingüismo

bilingüismo

(< bilingüe)

  1. s m

    Condición de bilingüe.

    Ex: Estudiou o bilingüismo do estado belga.

  2. s m [LING]

    En xeral, o bilingüismo é o emprego de dúas linguas, e como tal se opón ao monolingüismo (emprego dunha soa lingua). Non obstante , o fenómeno do bilingüismo presenta dous aspectos ben diferentes: un individual e outro social. Como fenómeno social, o bilingüismo consiste na copresencia de dúas linguas no seo dun país, rexión, cidade ou grupo social. O bilingüismo non é un fenómeno da lingua, senón do seu uso; á Lingüística, en consecuencia, interésalle principalmente en función dos fenómenos de interferencia. A Psicoloxía e a Pedagoxía interésanse, pola contra, polas consecuencias do bilingüismo na formación do individuo. Modernamente, a Socioloxía ocúpase tamén do bilingüismo como elemento do conflito entre culturas diversas, o que contribuíu ao nacemento da Sociolingüística, de xeito que o bilingüismo individual é obxecto de estudo da Psicolingüística e o bilingüismo colectivo da Sociolingüística. No que atinxe ao primeiro, a cuestión que se presenta inicialmente é cál é o nivel mínimo de competencia en dúas linguas a partir do que se pode considerar que un individuo é bilingüe. Aquí convén ter en conta as nocións de destrezas lingüísticas, fluencia e corrección. Verbo das destrezas, por unha banda hai que distinguir a competencia activa ou produtiva, que remite para a capacidade de producir enunciados aceptables nunha lingua, da competencia pasiva ou receptiva, que consiste na habilidade para comprendelos; por outra banda, en cada un deses dous planos, convén diferenciar a competencia oral, que se aplica á fala, da competencia alfabética, que se refire á escrita. Deste xeito, obtéñense as catro destrezas básicas: comprensión oral, fala, lectura e escritura. Como é evidente, as destrezas receptivas (comprensión e lectura) son máis doadamente asequibles ca as correspondentes produtivas (fala e escritura) e, en xeral, a posesión das segundas presupón a das primeiras, isto é, quen é capaz de falar un idioma é capaz tamén de entendelo, do mesmo xeito que quen é capaz de escribilo tamén debe saber lelo. Segundo isto, pódese distinguir o bilingüismo produtivo (o bilingüismo propiamente dito) do bilingüismo receptivo. En xeral, tamén se considera que a competencia oral precede á competencia alfabética, aínda que isto é máis problemático. Deste xeito, tamén se pode distinguir o bilingüismo en sentido estricto, que se referiría exclusivamente ás destrezas orais, do bialfabetismo, que se aludiría ás destrezas escritas; así e todo, esta distinción non se acostuma ter en conta, e aínda a situación galega mostra a posibilidade inversa: bialfabetismo sen bilingüismo. Por outra parte, a noción relevante é, a de fluencia: esta refírese á soltura con que se manexan as linguas, isto é, rapidez e seguridade tanto na recepción como na produción de enunciados lingüísticos. Por último, está a noción, máis problemática, de corrección, isto é, de adecuación dos enunciados producidos en cada lingua ás normas correspondentes. Os bilingües perfectos ou ambilingües posúen unha competencia equivalente á dos falantes nativos de cada unha das linguas. Pero moito máis frecuente ca o ambilingüismo é o bilingüismo asimétrico, que implica maior fluencia ou corrección global nunha lingua ca noutra, coa aparición de fenómenos de interferencia entre ambas (isto é, desviación das normas de cada unha delas), principalmente da lingua inicial sobre unha segunda lingua; tamén é frecuente o bilingüismo especializado, que implica o dominio dunha gama reducida de rexistros dunha lingua (por exemplo, por razóns profesionais), ou mesmo a maior fluencia nun ou noutro idioma dependendo do ámbito, ou o tema, ou outras circunstancias. Pola súa parte, o bilingüismo pode ser resultado da adquisición temperá de competencia en dúas linguas, que se mantén ao longo da vida, ou ben da aprendizaxe dunha segunda lingua. Neste caso, pódese distinguir a aprendizaxe dunha segunda lingua por impregnación, isto é, por contacto directo e mediante a práctica, sen o estudio formal do idioma (ou sendo este de importancia secundaria), da aprendizaxe propiamente dita, é dicir, conseguida mediante o estudo regular do idioma. Pero, ademais do bilingüismo aditivo, isto é, o que comporta un incremento da competencia lingüística do individuo, existe un bilingüismo substractivo, no que a obtención de competencia nunha segunda lingua provoca a perda de competencia na inicial. En casos extremos, o bilingüismo substractivo desemboca no semilingüismo, que aparece cando o falante perdeu competencia na súa lingua inicial sen obter a suficiente capacidade na segunda lingua, quedando nunha situación de grande inestabilidade e inseguridade lingüísticas, que pode ter graves consecuencias psicosociais. É o caso, en Galicia, de moitos falantes “acastrapados” que se esforzan por manexar unha vacilante amálgama de galego e castelán. Ademais de usarse en referencia ás competencias dos individuos, o termo bilingüismo tamén se emprega en referencia á copresencia de dous idiomas no seo dun grupo social determinado. Neste caso, é importante ter en conta que o bilingüismo social non implica a distribución regular ou proporcional das competencias lingüísticas que antes se distinguen entre os individuos e grupos sociais, e, particularmente, non implica o bilingüismo de todos os individuos, nin sequera de todos os sectores, do grupo social considerado. A miúdo, existen desigualdades máis ou menos marcadas en termos demográficos, territoriais, económicos, sociais e culturais ou políticos entre os grupos lingüísticos, e, correspondentemente, entre as linguas. A Sociolingüística prefire tratar estas situacións baixo o rótulo xeral de diglosia, mellor co de bilingüismo.

Palabras veciñas

bilinear | bilinga | bilingüe | bilingüismo | bilioso -sa | biliproteido | bilirrubina