bizantino -na
(< topónimo Bizancio)
-
adx
Relativo ou pertencente á cidade de Bizancio ou ao Imperio Bizantino.
-
s
Natural ou habitante da cidade de Bizancio ou do Imperio Bizantino.
-
adx
Aplícase ás discusión que son moi sutís ou minuciosas ata a esaxeración e, normalmente, baleiras de contido.
Ex: O debate sobre o sexo dos anxos é unha discusión bizantina.
-
arte bizantina
[ARTE]
Arte desenvolvida no Imperio Bizantino entre os ss IV e XV, aínda que a súa influencia se manifesta no mundo balcánico e eslavo ata o s XVIII. A súa evolución histórica está marcada polos acontecementos político-relixiosos: por unha banda, as loitas entre iconoclastas e iconódulos, e o enfrontamento entre as igrexas grega e romana; por outra, as continuas guerras que mantiveron, fundamentalmente contra os árabes. Na súa concepción recibiu a influencia das artes romana, grega e oriental. O factor relixioso, moi presente en todas as manifestacións culturais, dirixe tamén a arte. O artista non tivo unha importancia como tal, foi un funcionario máis ao servizo de Deus e do Imperio. Traballaba con prototipos iconográficos cos que se pretendía acadar a perfección, necesaria para alcanzar a salvación. As características propias da arte bizantina fixáronse en tempos de Xustiniano I, ata ese momento desenvolveuse unha arte continuadora das tradicións romanas e paleocristiás. Formalmente se dividen tres períodos: primeira idade de ouro, dende o s VI ata os ss VIII-IX e que acada o seu máximo esplendor na época de Xustiniano (527-565); segunda idade de ouro, dende o s IX ata o 1204, data da toma de Constantinopla polos cruzados; e terceira idade de ouro, nos ss XIII e XIV, época da dinastía dos Paleólogos ata a caída de Constantinopla ante os otomanos (1453). A cidade de Constantinopla, a nova Roma, foi o principal centro construtivo, aínda que practicamente non se conservan restos da primitiva cidade. Situada sobre un promontorio, estendeuse sen seguir o trazado ortogonal propio da cidades grecorromanas. As rúas estaban trazadas seguindo as dificultades do terreo e as diferentes alturas salváronse mediante ramplas e escaleiras. No centro da cidade, situado no extremo oriental, estaba o palacio imperial, continuamente modificado polos emperadores, formado por distintas dependencias: residencias, salas de audiencias, xardíns, patios, talleres artesanais, etc. As demais cidades bizantinas seguiron o trazado clásico. No eido arquitectónico, os bizantinos desenvolveron nas igrexas novas tipoloxías. Ata o s V continuaron utilizando o esquema paleocristián de planta basilical con nártice, espazo lonxitudinal dividido en tres ou cinco naves e espazo transversal ou transepto, que daba acceso ao presbiterio, xeralmente formado por unha ábsida semicircular. A necesidade de aumentar o ancho das naves e a escaseza de madeira para cubrilas, levou á adaptación dos martyria, construcións que albergaban a tumba dalgún mártir ou que conmemoraban algún acontecemento. Tiñan planta centralizada e estaban cubertos por medio dunha cúpula. En tempos de Xustiniano combinouse o plano basilical coas cubertas abovedadas e cupuladas. A planta máis común foi a de cruz grega inscrita nun cadrado con cúpula central. O problema de cubrir con cúpula un espazo cadrado foi resolto coa utilización das pendentes. Por outra banda, o problema dos empuxes solucionouse mediante a utilización de semicúpulas, muros con arcadas de medio punto e columnas con capiteis nos que aparece un novo elemento, o cimacio, que permite unha maior superficie de apoio. Mentres que o espazo interior estaba decorado con mosaicos e pinturas, o exterior amosaba toda a súa sinxeleza e deixaba o ladrillo ou a pedra ao natural. A maior representación da arquitectura bizantina foi a igrexa de Santa Sofía de Constantinopla, obra de Artemio de Tralles e Isidoro de Mileto (532-537). Destacan tamén a igrexa dos Santos Serxio e Baco (Istambul, 527-536), o conxunto de construcións de Ravenna, capital do exarcado de Italia, onde se seguiu a tradición paleocristiá, co mausoleo de Gala Placidia, as basílicas de San Apollinare Nuovo, San Apollinare in Classe ou San Vitale, e en Venecia a basílica de San Marco. Outras construcións bizantinas foron os mosteiros, formados por un patio central ao que se abrían o templo ou catolicón e as dependencias, todo enmarcado nun recinto fortificado. As artes plásticas recolleron a herdanza clásica da harmonía e do antropomorfismo, xunto á expresividade das representacións paleocristiás. As representacións caracterízanse por ter un contido simbólico, os protagonistas serán Cristo, a Virxe e o Emperador, fóxese da representación do home individualizado, representándose arquetipos ou modelos, agás no caso do Emperador. Nos templos, as pinturas e mosaicos ocupan sobre todo a cúpula, onde se representa a Cristo Todopoderoso, e as ábsidas coa representación da Virxe como Theotokos (nai de Deus) ou Hodigitria (co neno). Os muros das naves tamén adoitaban estar decorados. Os mosaicos destacan pola súa maxestosidade manifesta no abundante uso dos dourados; destacan os conservados nas igrexas de Ravenna. Xunto cos mosaicos empregouse a pintura ao fresco, sobre todo na última época do Imperio, o pouco custo desta técnica permitía decorar grandes espacios en pouco tempo (frescos de Mistra e Capadocia). As iconas foron outra das achegas bizantinas, centradas en calquera representación de Cristo, da Virxe, dos santos ou calquera tema sagrado. Os bizantinos cultivaron tamén a arte da miniatura sobre todo na ilustración de libros sagrados como o Salterio ou o Libro dos Profetas. Ilustraban tamén textos científicos como libros de Medicina ou Historia Natural. A escultura desenvolveuse nun lugar secundario. Continuou coa tradición tardorromana baseada na exaltación da figura do Emperador e na realización de relevos caracterizados pola rixidez e a frontalidade. Destacan os dípticos consulares (díptico Barberini, s VI) e os relevos de marfil (cadeira do bispo Maximiano, 546-556).
-
filosofía bizantina
[FILOS]
Movemento ideolóxico que se desenvolveu desde o s VI ao XV dentro do ámbito de influencia do Imperio Bizantino, caracterizado sobre todo pola incorporación da filosofía grega ao Cristianismo. Presenta unha fisionomía propia, na que destacan os aspectos seguintes: unha filosofía orientada orixinariamente á relixión, implicada nas loitas teolóxicas e con predominio dun misticismo espiritual que favoreceu a incorporación do Neoplatonismo ao Cristianismo, coa influencia do pseudo-Dionisio e a difusión que fixo Máximo o Confesor; predominio da intuición metafísica profunda tendente a captar a unidade do mundo e o lugar que o home ocupa na orde universal; certa tendencia ao formalismo retórico, lingüístico e interpretativo; e referencia constante ao pensamento grego antigo, que se move entre a tendencia aristotélica e platónica. Pódese dividir a historia do pensamento bizantino en catro períodos. Nos ss VI-VII unha primeira época na que se acudiu ao Platonismo para explicar e desenvolver a dogmática cristiá (Xoán Filipón, Máximo o Confesor e os tres pensadores de Gaza); nos ss VII-X a caracterizada polos intentos de sistematización do dogma cristián (Xoán Damasceno, máximo representante da escolástica bizantina); nos ss XI-XII unha época na que, xunto a un novo florecemento do misticismo especulativo (Simeón o Novo, Kállistos Katagisiotis), apareceu un interese filosófico de inspiración neoplatónica (fundación da escola de Filosofía de Constantinopla) e un espírito humanista novo, que influíu no Renacemento italiano (Miguel Psellos, Ítalos); e finalmente nos ss XIII-XV un período no que, malia a polémica entre platónicos e aristotélicos, se propagou o Neoplatonismo de Psellos e atinxiu o seu desenvolvemento máis alto con Plēthōn. Este tivo un papel importante no Renacemento italiano e na creación da Academia Platónica de Florencia, mentres, outro sector foi influído polo Aristotelismo da escolástica latina e por santo Tomás. Ao mesmo tempo Bessaríon intentou facer unha síntese de Platón e Aristóteles, contribuíndo á aceptación de Platón en Occidente. Neste sentido, a filosofía bizantina cumpriu unha misión importante na expansión do Platonismo e na preparación do Renacemento en Italia. O espírito do pensamento bizantino perviviu na civilización dos pobos ortodoxos.
-
literatura bizantina
[LIT]
Nome dado ao período medieval da literatura grega que abarca desde o reinado de Xustiniano (527) ata a caída de Constantinopla (1453). Pódese incluír tamén a literatura patrística do período anterior, especialmente a do século de ouro desa corrente (ss IV-V). Nela destacan os alexandrinos Atanasio e Cirilo de Alexandría; os capadocios Basilio o Grande, Gregorio de Nacianzo e Gregorio de Nisa; os antioquenses e palestinos Cirilo de Xerusalén, Diodoro de Tarso, Epifanio de Salamina, Xoán Crisóstomo, Teodoro de Mopsuesto, Proclo de Constantinopla e Teodoreto de Ciro. Adóitase dividir a literatura propiamente bizantina en catro períodos. No primeiro, desde Xustiniano a Heraclio (527-641), destacan os himnógrafos de orixe siríaca ou palestina, especialmente Romano o Méloda, así como o himno anónimo Acatista, talvez obra do mesmo autor. Os principais escritos teolóxicos pertencen a Máximo o Confesor, Leoncio de Bizancio (s VI) e Xoán Clímaco. No campo da historiografía, destacan o Chronicon paschale (s VII) e a historia de Procopio de Cesarea (s VII). Do segundo período (641-850), marcado pola guerra contra a puxanza do Islam e polas loitas iconoclastas, sobresaen Xoán Damasceno, Andrés de Creta e Cosme de Xerusalén ou de Maiuma, introdutores do canon, seguidos despois por Teodoro Estudita. No terceiro período (850-s XI) hai un renacemento político e literario. Volveuse cultivar a Filosofía, a erudición e a poesía (destaca o ciclo de Digenís Akritis). O patriarca Focio e outros dedicáronse a recoller e copiar códices antigos cos que se fixeron obras eruditas como a Biblioteca de Focio, o Libro das cerimonias de Constantino VII Porfiroxeneta, a Antoloxía palatina de Constantino Céfalas, o Lexicon Suidae, entre outras. No campo estritamente relixioso, cómpre mencionar o haxiógrafo Simeón Metafrasto (s X), o poeta J. o Himnógrafo (s IX), e o místico Simeón o Novo Teólogo. E, entre os historiadores, destaca M. Pseleos. O cuarto e derradeiro período (ss XII-XV), comprende a era dos Comnenos e dos Paleólogos, e caracterízase polo Clasicismo. No campo da Filosofía e da erudición, destacan M. Planudes e J. Tzetzes, eséxeta dos autores clásicos; na novela destacan T. Pródromo e C. Manassés. A literatura relixiosa vese dominada pola cuestión palamita e polas controversias cos latinos. No s XIV sobresaen os autores G. Palamás e N. Cabasilas, así como M. Eugenikós (s XV); entre os antipalamitas, Barlaam e N. Grégoras. Sobresae o campo da historiografía, iniciado neste período polo matrimonio N. Brienne e Ana Commeno, e seguido por Grégores, J. Acropolita, B. Paquimeres, L. Calcóndila, entre outros. Ao producirse a caída do Imperio (s XV), a chegada a Occidente de escritores e pensadores gregos influíu sobre a cultura occidental e conectou o Renacemento coa tradición helenística e os textos clásicos. Doutra banda, a literatura popular do Imperio Bizantino alicerzou unha literatura que, a pesar da ruptura política, tivo continuidade na literatura grega moderna.
-
música bizantina
[MÚS]
Repertorio musical, profano e relixioso, sobre textos gregos, creado no Imperio Bizantino. O canto bizantino recibiu unha influencia importante da tradición musical litúrxica siríaca e palestina. Ademais dos salmos ou doutros textos bíblicos, as pezas de canto de composición eclesiástica e forma himnódica foron o sticherarion, o kontakion e o kanon. A música bizantina é vocal. Só modernamente, por influencia occidental, foi introducida a polifonía. En territorio eslavo, a música bizantina, inicialmente tamén monódica, seguiu un camiño propio. A música bizantina estúdiase en diversos centros de Grecia e no mosteiro de Grottaferrata, preto de Roma. Entre as publicacións científicas de música bizantina cómpre destacar os Monumenta Musicae Byzantinae, iniciados en 1931 en Copenhaguen.
-
novela bizantina
[LIT]
Termo que designa a novela de aventuras, viaxes e perigos que ten as súas orixes na literatura grega. Entre os cultivadores deste tipo de relato cóntanse Heliodoro de Emesa (Teáxenes e Cariclea, s IV d C); Aquiles Tacio (Aventuras de Leucipa e Clitofonte, s II d C); Caritón de Afrodisia (Aventuras de Quéreas e Calírroe, s I d C); e Longo de Lesbos (Dafnis e Cloe, ss II-III d C), entre outros. A novela bizantina presenta un mesmo esquema estrutural e argumental: un rapaz e unha rapaza en idade de casar, de orixe descoñecida e posuidores dunha beleza extraordinaria, atópanse inesperadamente e xorde entre os dous unha paixón recíproca e irresistible. Non obstante , os seus desexos non poden cumprirse decontado e aparecen atrancos que os atrasan ou impiden. Os namorados vense obrigados a separarse e hai sucesivos encontros e desencontros. Os obstáculos que máis adoitan aparecer son o rapto da moza antes da voda, o desacordo dos pais, a fuxida dos namorados, a viaxe, a tempestade no mar, o naufraxio, a salvación milagrosa, o ataque dos piratas, o cativerio e a prisión, guerras ou batallas, a escravitude, mortes fiticias, disfraces, recoñecementos, tentacións de castidade e fidelidade, etc. Xogan un papel importante os encontros con amigos ou inimigos inesperados, os vaticinios, as predicións, os soños reveladores, ou os presentimentos. A novela remata coa unión feliz en matrimonio dos namorados. A acción da trama desenvólvese nun marco espacial moi amplo. Ofrécense ademais detalladas descricións acerca de particularidades de países, cidades, costumes da poboación e outras curiosidades, así como reflexións sobre temas relixiosos, filosóficos ou políticos e o amor aparece tratado con idealismo. Teñen un gran peso os discursos dos personaxes, sobre todo aqueles nos que o protagonista entra en conflito co universo e loita con el. Dende o punto de vista da técnica narrativa destacan a verosimilitude da acción e a descrición de espacios, a verdade psicolóxica dos personaxes, o enxeño da composición e o comezo in media res. En Francia a novela bizantina deu lugar a unha das formas principais da novela cortesá na segunda metade do século XII, centrada na temática do erotismo e do exotismo. A este xénero pertencen, entre outras, Partonopeus de Bois (1182-1185), de Gautier d’Arras; Florimont (1188), de Aimont de Varennes ou Cléomadès (1280), de Adenet le Roi. Na literatura española aparece unha primeira mostra deste tipo de relatos no Libro de Apolonio (1250?). Durante o Renacemento, este tipo de obras gozaron de grande aceptación e mesmo se converteron no modelo ideal de lectura humanista fronte á literatura cabaleiresca. Deste xeito, xurdiron unha serie de publicacións que imitan a novela bizantina e deron lugar á novela amorosa de aventuras, á que pertencen por exemplo Historias de los amores de Clareo y Florisea y de los trabajos de la sinventura Isea (1552), de Alonso Núñez de Reinoso ou Persiles y Sigismunda (1617), de Miguel de Cervantes.
-
rito bizantino
[RELIX]
Forma de celebración cultural propia da Igrexa de Constantinopla e outras relacionadas con ela. O rito bizantino actual é o resultado da fusión dos elementos constantinopolitanos (Typikón da Gran Igrexa) e dos elementos palestinos, procedentes, sobre todo, da laura de San Saba, preto de Xerusalén (Typikón de San Saba). A lingua orixinal do rito bizantino era o grego, pero foi adoptando as linguas dos países polos que se espallou.
-
teatro bizantino
[ESPECT]
No pequeno xardín que rodea o flanco dereito da catedral de Santa Sofía, en Constantinopla, é posible admirar unha pequena e fermosa columna na que destaca a careta, enorme e grotesca, dun cómico. Unha reliquia que amosa a importancia da tradición teatral no Imperio Romano de Oriente, herdeira, en definitiva, do teatro grego e latino. Unha tradición que, por outra banda, presenta unha sorprendente variedade pois, cabo das representacións dos clásicos gregos que perduraron, nun lento e progresivo proceso de degradación, en moitos dos teatros da Asia Menor, haberá que sumar as realizadas por mimos e por outros variados actores dos que dan conta san Xoán Crisóstomo ou san Gregorio de Nisa, ou os espectáculos que se presentaban en pazos e noutros lugares públicos, tal e como mostran os baixorrelevos da Catedral de Santa Sofía de Kiev. A pesar das múltiples e permanentes prohibicións, entre as que se poden contar as do Emperador Anastasio I, Xustiniano, casado coa célebre actriz Teodora, e Teodosio II, o teatro será un referente fundamental na vida cultural do Imperio, na formación das clases dirixentes, como demostra, por exemplo, o fondo coñecemento que da obra de Eurípides tiña o arcebispo Eustaquio de Tesalónica, e constitúe un dos instrumentos dos que vai facer uso a Igrexa para dar maior pompa e esplendor ás celebracións litúrxicas, sumamente dramatizadas, que tiñan lugar na basílica de Santa Sofía e noutros moitos templos e igrexas, tal e como aconteceu en Europa occidental a finais do século XI. O drama da paixón, Christon Pashon, (ss XII ou XIII), e outros moitos testemuños literarios e históricos mostran a importancia das prácticas teatrais en toda a extensión do Imperio e a súa influencia no desenvolvemento do teatro europeo medieval.