bodegón

bodegón

(< bodega)

  1. s m

    Mesón ou casa de comidas.

    Ex: Fomos comer a un bodegón da zona vella.

    Confrontacións: taberna, baiuca.
  2. s m [COMUN]

    Anuncio composto por unha única imaxe do produto. Este tipo de anuncios utilízanse para artigos moi coñecidos nos que aparece unha clara identificación da marca, normalmente acompañada polo logotipo do fabricante. En termos técnicos, o bodegón final coñécese co nome en inglés de pack shot.

  3. s m [IND/ARTE]

    No campo da fotografía, imaxe en primeiro plano do obxecto que se quere fotografar.

  4. s m [PINT]

    Representación pictórica de obxectos inanimados como viandas, froitos, libros, instrumentos musicais, utensilios ou animais mortos procedentes da caza. O tema representado non ten importancia en si mesmo, é un pretexto para practicar a composición e a representación dos motivos e detalles. As primeiras representacións de naturezas mortas atópanse nos mosaicos e pinturas romanas, temática que se recuperou na Idade Media coa representación de escenas sagradas, como nas obras de Giotto. No s XV os artistas flamengos dotaron aos obxectos de connotacións relixiosas e simbólicas. O verdadeiro bodegón, sen ningunha connotación, naceu na Italia do s XVI, e considérase a obra de Iacopo de Barbari A perdiz, que representa unha perdiz morta e un par de manoplas, como o primeiro bodegón. Este tipo de representacións recibiu os nomes de cose naturali (cousas naturais), cose picole (cousas pequenas), still-leven (vida silenciosa), natureza morta e no s XVII en España adoptouse o termo bodegón para designar esas escenas de taberna ou mercado, e por extensión as representacións de naturezas mortas. O momento de maior auxe deste tipo de representación foi o s XVII, tempo no que foi cultivado, entre outros, por Rembrandt, Snyders ou Claesz de Heda, e en España por Sánchez Cotán, Velázquez ou Zurbarán. Do s XVIII destaca a obra de Luis Meléndez. A principios do s XX os movementos das vangardas como o Cubismo, o Futurismo e o Expresionismo, deron un novo pulo a este tipo de representacións, cultivándoo Picasso, Juan Gris, Henri Matisse e Georges Braque.