bombo

bombo

(< lat bombu ‘ruído, zunido’)

  1. s m [MÚS]

    Instrumento de percusión presente en case todas as culturas. Está composto por un aro de madeira central e dous laterais máis estreitos que serven para aguantar e tensar a pel, habitualmente de cordeiro, sobre a que se golpea cunha maza de madeira, normalmente tamén forrada de pel ou dalgún tipo de tea. Trátase dun instrumento rítmico, antigamente moi empregado en determinados tipos de festas, como as chamadas treboadas, que se adoitaban levar a cabo na zona comprendida na raia do norte de Portugal e sur da provincia de Pontevedra. Hoxe é un instrumento básico na formación dos grupos de gaitas tradicionais, así como nas máis modernas baterías empregadas en todo tipo de músicas, aínda que aquí xa se atopa moito máis evolucionado, con tensores metálicos, parches plásticos, e accionado a través dunha maza con pedal que permite liberdade nas mans para poder tocar o resto dos elementos que a compoñen.

    Ex: Cando era máis novo tocaba o bombo na banda da vila.

  2. s m [MÚS]

    Músico que toca o bombo.

    Ex: No desfile, os bombos van todos colocados ó final da banda de música.

  3. s m

    Caixa xiratoria, cilíndrica ou esférica, que contén as bólas numeradas ou fichas dun sorteo.

    Ex: Unha das bólas do bombo caeu rodando polo chan.

  4. s m

    Loanza excesiva que se fai dalgunha cousa ou dunha persoa, especialmente para atraer a atención da xente. OBS: Con esta acepción tamén pode formar parte da construción dar(se) + bombo.

    Ex: Anunciaron a estrea con moito bombo. Non fai falta darlle tanto bombo ó asunto.

  5. s m [ETN]

    Tapadeira de madeira que cobre a moa do muíño.

    Sinónimos: tambor.
  6. s m [ETN]

    Almofada de pequeno tamaño que empregan as mulleres para facer os encaixes ou puntillas de Camariñas.

Palabras veciñas

bombilio | bombilla | Bombina | bombo | Bombo, El | bombón | bombona