Boulogne
[nome oficial: Boulogne-sur-Mer] Cidade do departamento de Pas-de-Calais, Francia, á beira do Canal da Mancha (43.678 h [1990]). Núcleo pesqueiro asentado sobre un antigo centro fortificado, posúe industrias derivadas da pesca e estaleiros. O seu porto é unha das principais escalas nas rutas marítimas do Mar do Norte. Antiga capital da tribo celta dos moríns, os romanos construíron unha fortaleza (Gesoriacum) cerca da cidadela de Bononia, que usaron como ponte para conquistar Gran Bretaña. Na Idade Media converteuse na capital do condado de Boulogne, anexionado á Coroa francesa en tempos de Luís XI (1477). Durante a Guerra dos Cen Anos estivo temporalmente baixo dominio inglés (1544-1550). Entre 1803 e 1805 Napoléon concentrou alí a expedición para invadir Gran Bretaña. Durante a Segunda Guerra Mundial foi ocupada polos alemáns (1940-1944). A parte alta da cidade conserva as murallas da cidadela.