Breogán

Breogán

Nome de orixe celta que significa ‘xefe dunha briga’, sendo briga unha ‘altura, elevación, monte’ e, por extensión semántica, ‘comunidade que vive nunha altura’. O elemento céltico brig, que forma parte deste topónimo, foi moi produtivo na toponimia galega, pois deu lugar ao -bre que levan tantos nomes de lugar como Barallobre, Callobre, Xobre, O Grove, Alcabre, Cecebre, etc. Breogán é o patriarca fundador da nación galaica, que a tradición remonta á Idade do Bronce (1º milenio a C), e ao que se lle atribúe a fundación de Brigantium ou Brigantia (A Coruña ou Betanzos). Entre as moitas lendas de heroes míticos semellantes ás galegas que están espalladas por terras de Irlanda e Bretaña, destaca a de Breogán (en gaélico Breoghan), recollida no manuscrito irlandés do s XII Leabhar Ghabhála ou Libro das invasións, copia doutros anteriores do s VIII redactados por monxes irlandeses. Despois da desgraciada expedición do seu fillo Ith, quen embarcara para poboar Eirín ou Irlanda, e na que acabou asasinado, o pai Breogán, en vinganza pola súa morte, mandou unha expedición mellor ao mando doutro dos seus fillos, Mil, quen se asentaría na terra conquistada. Eduardo Pondal recreou en toda a súa poética a figura deste mítico patriarca como heroe epónimo de Bergantiños e raíz da Galicia céltica, de feito a súa composición “Os pinos” foi o texto escollido, xunto coa música de Pascual Veiga, como representación do himno galego.

Palabras veciñas

Brenza | Brenzos, río | breo | Breogán | Breogán | Breogán | Breogán