Breogán

Breogán
[MIT]

Heroe e caudillo lendario galego ao que se lle atribúe a fundación da antiga cidade de Brigantium. A primeira mención que se fai deste personaxe é no Leabhar Ghabhála ou Libro das Invasións irlandés. Foi escrito no mosteiro irlandés de Terryglass no s XII, pero nel recóllense lendas e relatos anteriores (s VI-VII). Segundo esta fonte, Breogán era o rei dun gran territorio dentro da Península Ibérica. Era descendente dos escitas, que despois de moitas penalidades se estableceron na Península e dos que Breogán foi rei. El foi quen fundou a cidade de Brigantium ou Brigantia, da que se coñece a súa existencia grazas aos distintos historiadores latinos. Aínda hoxe se discute se a cidade de Brigantium se corresponde coa Coruña ou con Betanzos, sendo maioritaria a opinión dos que a localizan nesta primeira cidade, xa que a presenza da Torre de Hércules se identifica co gran faro que mandou construír Breogán nas proximidades de Brigantium. Conta o Libro das Invasións que Breogán tiña dous fillos: Ith e Mil. Un día claro de inverno, Ith subiu á torre de Brigantium para observar o horizonte. Desde alí viu reflectida nos espellos de bronce a imaxe afastada dunha terra moi verde que se perdía no alén. Sorprendido polo descubrimento preparou un barco e partiu cara a Irlanda. Unha vez alí foi asasinado polos Tuatha Dé Dannan (adoradores da deusa Danna), antigos habitantes da illa. Cando a noticia chegou a Brigantium, o seu irmán Mil preparou unha expedición para invadir Irlanda e así vingar a morte de Ith. Os fillos de Mil: Emer, Donn e Eremon, xunto co guía espiritual Aimirgin, invadiron a illa e poboaron Irlanda eliminando os Tuatha. A historia de Breogán e dos seus fillos é a cuarta e definitiva invasión que aparece contada neste libro. Moitos estudiosos pensan que esta historia é produto dos contactos marítimos que estableceran Irlanda e Galicia antes da chegada dos romanos. Estes contactos eran frecuentes debido á riqueza en minerais de ambas as dúas terras. Outros autores opinan que a historia de Breogán chegou a Galicia a través das migracións británicas que se produciron no s VI a Armórica fuxindo das presións dos anglos e saxóns. Un continxente destes emigrantes chegou ao norte de Galicia e alí fundou o núcleo de Bretoña, do que o bispo Mahiloc era o seu xefe. Pode que esta fose a vía de penetración da lenda de Breogán en Galicia, pero tamén existe a posibilidade de que a historia se coñecese de antes, de cando os contactos marítimos con Irlanda. Sexa como fose, a lenda deste personaxe non foi divulgada ata o s XIX, cando Eduardo Pondal e Manuel Murguía mitificaron a figura deste caudillo, chegando a construír todo un mundo mítico arredor del. Pondal, ao igual que fixo J. Macpherson con Ossian, tomou o personaxe de Breogán e creou ao seu redor todo un mundo céltico imaxinario moi propio da corrente literaria romántica que se estendía por Europa. Manuel Murguía intentou demostrar a existencia de Breogán a través de distintos indicios que sobre Brigantium e o seu faro deixaran escritos os historiadores gregos e latinos.

Palabras veciñas

Brenzos, río | breo | Breogán | Breogán | Breogán | Breogán | Breogán, Club Baloncesto