Breogán

Breogán

Nome dun proxecto, inspirado na lenda de Breogán, que puxeron en marcha algúns investigadores novos da Universidade de Santiago entre os anos 1974 e 1976. Consistía na realización dunha expedición marítima desde Galicia a Irlanda, seguindo o ronsel doutras aventuras similares como a que levou a Thor Heyerdahl a atravesar o Pacífico nunha embarcación feita de xuncos. O seu traballo inicial consistía na construción dun prototipo de barco, de vimbio e coiro, ao xeito dos que se utilizarían en Galicia na época prerromana. Para o prototipo baseáronse nas referencias dos autores clásicos, no sistema de construción dos curraghs (pequenos barcos pesqueiros de Irlanda e Gales) e nos datos da arqueoloxía mariña. Os petroglifos bretóns de motivos mariños e o petroglifo galego de Borna supuxeron outra fonte de inspiración. Malia os problemas para construír a armazón do barco e para o curtido, cosido e impermeabilización do coiro, o prototipo foi probado con éxito na ría de Vigo. A nave posuía unha capacidade para un máximo de catorce persoas, mais o ideal eran sete. Deste experimento tiraron como conclusión que as naves prerromanas estaban capacitadas para navegar polo océano e que as orixes da vela e o remo deberon ser moi remotas, consecuencias lóxicas do feito de navegar. Ao non poder conseguir unha embarcación máis grande a expedición de Breogán non chegou a realizarse. O prototipo, “o barco de Breogán”, consérvase hoxe no Museo Arqueolóxico do castelo de San Antón (A Coruña).