británico -ca

británico -ca

(< topónimo Gran Bretaña)

  1. adx

    Relativo ou pertencente ás illas Británicas, a Gran Bretaña, ao Reino Unido, ao Imperio Británico ou aos seus habitantes.

  2. s

    Natural ou habitante das illas Británicas, de Gran Bretaña ou do Reino Unido.

  3. cine británico [ARTE/IMAX]

    Cine feito no Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda do Norte, aínda que a achega inglesa é case exclusiva. Os primeiros avances técnicos (as follas animadas, o biophantascope, o cinematógrafo) fixeron de Inglaterra un dos berces do cine. Pero o verdadeiro fundador do cine británico foi Robert William Paul, autor de The Sea in Dover (O mar en Dover) e Persimmon’s Derby (A carreira de Persimmon). O período inicial defínese polo impulso dado á técnica coa elaboración dunha primeira gramática. Acabada a Primeira Guerra Mundial, a invasión de produtos norteamericanos de comercialización dificilmente superable arruinou a incipiente industria británica. A situación pasou a ser estacionaria ata o 1927, cando foi votada no Parlamento unha lei proteccionista. Pero á situación financeira da época uníuselle o trauma estético e técnico producido pola introdución do son; así no bienio 1931-1932 os únicos filmes dignos de mención foron de Hitchcock ou de Anthony Asquith; no ano seguinte, establecéronse xa tres correntes diferenciadas e complementarias: ficción autóctona, Escola Documental e Big Prodution. A máis orixinal e universal foi a segunda, que representou unha toma de posición realista. A Segunda Guerra Mundial deu unha oportunidade á concentración de forzas. Todo estaba dedicado ao esforzo bélico: propaganda intelixente, referencias á épica nacionalista ou adaptacións de pezas literarias. O esforzo de unión e de consolidación sufriu ao acabar a guerra, debido ao monopolismo imposto por Joseph Arthur Rank e a crise económica xeral, xurdida do conflito. O nacionalismo liberal burgués dos ingleses continuou cunha ideoloxía case única. As clases populares soamente se presentaron dende o punto de vista paternalista dos acomodados. No 1956, conxuntamente cos Angry Young Men e, baixo o agoiro do British Film Institute, naceu o free cinema, intento antivitorioso de proxección social avanzada e de respecto á pluralidade, que era, ao mesmo tempo, novo formalmente. Cara a mediados dos anos sesenta desapareceu definitivamente o free cinema pola dispersión dos principais compoñentes do grupo. Como alternativa, nun país colonizado cinematograficamente pola industria norteamericana, só sobresaíron nos últimos anos as producións do British Film Institute, única fonte de protección paraestatal do cine británico. Neste contexto, destacan nomes como Peter Greenaway, Stephen Frears, Chris Petit, Neil Jordan, James Ivory e Kenneth Branagh. De entre as xeracións de cineastas máis recentes destacan Chris Menges, Jim Sheridan, Pat O’Connor, Derek Jarman, Terence Davis e Anthony Minghella. A pesar desta situación de relativa bonanza, Hollywood aínda pesa no cine británico: dunha banda, son numerosas as producións británicas que se benefician de capital americano; e doutra, moitos cineastas británicos trasládanse a Hollywood tan pronto como comezan a triunfar.