Broadway
Avenida na cidade de Nova York que dá nome a un barrio onde se asenta, desde finais do s XIX, unha boa parte dos teatros máis importantes da metrópole que, no seu conxunto, definen unha maneira de entender a produción, a realización teatral e a escolla de repertorios na procura de público e beneficios económicos. Pero xunto ao teatro máis comercial, representado por obras como Oklahoma, e das xa tradicionais comedias musicais como Hair ou A Chorus Line, os teatros de Broadway tamén teñen aberto as súas portas a dramaturgos tan salientables como Arthur Miller, Tennessee Williams, Edward Albee ou David Mamet. A partir de mediados dos anos cincuenta, comeza a utilizarse a expresión Off-Broadway para designar un novo espazo de exhibición configurado por unha serie de teatros cunha capacidade media de 150 butacas nos que se presentaban propostas escénicas que non tiñan cabida nos grandes teatros, quer polo seu carácter anovador quer por estaren baseadas en textos de autores novos ou dramaturgos europeos. Esas pequenas salas permitiron que grupos como o Living Theatre, a Negro Ensemble Company ou o Group Theatre de Nova York presentasen os seus espectáculos na capital americana do teatro ou que dramaturgos como Samuel Beckett, Jean Paul Sartre, Jean Genet ou Joe Orton comezasen a ser coñecidos polo gran público. Actores, actrices, directores e directoras, ben coñecidos, como Geraldine Page, Dustin Hoffman, George C. Scott, José Quintero, Meryl Streep ou Al Pacino principiaron a súa carreira nese grupo de pequenos teatros que acadaría un recoñecemento artístico de tal magnitude que lle permitiría integrarse na rede comercial. Esa transformación provocou que a principios dos anos setenta se comezase a falar dun novo espazo que tamén configurou un movemento heteroxéneo e anovador que se denominaría Off-Off Broadway, para distinguilo do teatro comercial e profesional representado polas denominacións Broadway e Off-Broadway. Trátase dun conxunto de espacios teatrais alternativos creados en salas comunitarias, almacéns, igrexas ou mesmo cafeterías onde presentarían as súas propostas unha nova xeira de creadores, moito máis experimentais e vangardistas, entre os que destacan colectivos como Café La Mamma, Performance Group, Open Theatre ou Bread and Puppet Theatre, directores como Richard Schechner, Bob Wilson e Richard Foreman, e dramaturgos como Sam Shepard, Terrence McNally ou Rosalyn Drexler.