bronce

bronce

(

  1. [TECNOL]
    1. s m

      Aliaxe de cobre e estaño que contén dun 8 a un 40% deste último, normalmente con pequenas proporcións doutros elementos. O bronce emprégase dende tempos prehistóricos. De obtención, preparación e elaboración fáciles, de natureza pouco afectada pola corrosión, dunha gran sonoridade e bo puimento, cunhas características tecnolóxicas que o fan moi adecuado para realizar moldes en fundición, empregouse para substituír a pedra, o óso ou a madeira naqueles utensilios que tiñan que ser resistentes. Pouco a pouco, empregouse para ferramentas de carácter industrial, como por exemplo engras, tenaces, etc, ademais de pezas de ornamentación, fabricación de coirazas, estatuas, recipientes, etc. Superado polo ferro como materia prima para ferramentas e armas de corte, mantivo os seus usos ornamentais e chegou a ser insubstituíble para a construción de campás (bronce de campás, de elevado contido de estaño e propiedades sonoras características). Durante a Idade Media empregouse moito na construción de canóns (bronce de canóns, con zinc, moi pouco poroso). Antigamente parece ser que o bronce se preparaba por redución directa de mesturas de minerais de cobre e estaño, polo xeral obtense por fundición conxunta de metais, o máis puros posible, e en proporcións e condicións predeterminadas que permiten controlar as características da aliaxe que se pretende conseguir. Obtense en fornos de crisol, de reverberación e de cuba e, sobre todo, en fornos eléctricos. A adición de estaño no cobre ten efectos desoxidantes, pero, para acadar unha desoxidación e unha purificación maior, empréganse antioxidantes, como o carburo de calcio, o cloruro de magnesio ou o carbón, que actúan sobre a superficie do metal, ou como o fósforo, o zinc, o silicio, o aluminio e outros, que actúan en toda a masa fundida. A eliminación dos óxidos incluídos na masa metálica fundida acádase mediante a súa conversión en escouras coa adición de substancias como o bórax, a criolita, a sosa, o vidro, a area, etc. O bronce preséntase industrialmente en lingotes e en forma laminada e fiada. Os bronces ordinarios teñen características moi diversas segundo a súa riqueza en estaño; os que conteñen ata o 8% empréganse en chapas e fíos para cuñar moedas; os que conteñen entre o 8 e o 12% serven para a fabricación de engrenaxes; os que conteñen do 13 ao 20% están indicados para chumaceiras de alta resistencia; e os que conteñen entre o 20 e o 30% empréganse na construción de campás e címbalos. Os bronces especiais, que inclúen outros elementos que lle confiren propiedades específicas, coñécense en xeral polo nome do terceiro elemento que conteñen. No s XVII o bronce comezou a ser un elemento decorativo imprescindible; no s XVIII chegou a ser completamente ornamental en mobles, entre outros obxectos. As obras de Rodin e dos escultores contemporáneos devolvéronlle unha parte da súa calidade artística, practicamente inexistente no s XIX.

    2. bronce de chumbo

      Bronce especial que contén chumbo en moi pequenas cantidades (0,5-1%), que fan a aliaxe facilmente mecanizable; entre o 2 e o 10% fano, ademais, resistente (bronce plástico); e entre o 20 e o 25% convérteno nun bronce antifrición.

    3. bronce de fósforo

      Bronce especial cun 5-10% de estaño e un pequeno tanto por cento de fósforo, que actúa como antioxidante, que aumenta a dutilidade e permite que poida ser fiado moi fino e tecido. É unha aliaxe bastante elástica, empregada na fabricación de resortes, mallas metálicas, etc.

    4. bronce de silicio

      Bronce especial, cun 3-4% de silicio, que ten unha alta resistencia á ruptura e unha gran plasticidade, empregado en fundición.

  2. [TECNOL]
    1. s m

      Nome aplicado a diversas aliaxes de cobre e doutros elementos (berilio, aluminio, antimonio, etc), ata latóns (aliaxes de cobre e zinc), por razón do seu parecido co bronce propiamente dito.

    2. bronce de aluminio

      Aliaxe de cobre (85-96%) e de aluminio (15-4%) que pode conter pequenas cantidades de níquel, de estaño ou de ferro, moi resistente, duro, maleable e dúctil, que se emprega en fundición, na industria química e, en forma de chapas, no revestimento de iates.

    3. bronce de berilio

      Aliaxe de cobre e berilio (2%) que, despois de temperado a 800-820°C e recocido a 300-350°C, presenta unha gran resistencia á ruptura, unha gran dureza e unha boa plasticidade. Ten a propiedade de non producir faíscas, polo que se emprega para fabricar ferramentas que teñen que ser utilizadas en lugares de aire contaminado por gases que forman mesturas explosivas.

    4. bronce de manganeso

      Metal de Muntz cun 0,8-2% de estaño e un 5% de manganeso, de boa resistencia mecánica e notable resistencia á corrosión. Trabállase dificilmente en frío e facilmente en quente.

    5. bronce de Tobin

      Metal de Muntz cun 1% de estaño, que resiste a acción corrosiva da auga mariña. É un latón co 40% de zinc.

  3. lei de bronce do salario [ECON]

    Teoría referente ao salario nunha economía capitalista, formulada no 1869 polo socialista alemán Ferdinand Lassalle. Baseouse en que o nivel do soldo non pode sobrepasar o nivel de subsistencia necesario para a manutención do traballador e asegurar a súa produción. A teoría de Lassalle coincidiu coas formulacións de Adam Smith e de David Ricardo, que recollían a teoría da poboación de Malthus. Os soldos tendían a coincidir co nivel de subsistencia, aínda que nalgún momento podían estar por arriba ou por abaixo. Se se atopan por riba deste nivel, a oferta de traballo aumentará, por razón da diminución da mortalidade infantil e do incremento da taxa de natalidade; se se atopan por debaixo, o aumento da mortalidade e a restrición dos nacementos provocará a diminución da oferta de traballo. En ambos os dous casos téndese a facer coincidir o soldo co nivel de subsistencia.

Palabras veciñas

bromuco | bromuro | Bromus | bronce | Bronce | bronceado -da | bronceador -ra