2 bufo
(
-
s
m
[ANIMAL/ORNIT]
Rapaz nocturna da familia dos estríxidos de gran tamaño que adoita presentar penachos na parte superior da cabeza semellantes ás orellas. A plumaxe é de cores crípticas, ocres ou castañas, e cun deseño riscado que, en conxunto, fai que a ave se confunda coa cortiza das árbores ou penedías, onde permanecen repousando durante o día. O voo é silandeiro e pousado. Non fan niño de seu, senón que acomodan grandes niños abandonados por outras aves, situados en cavidades rochosas ou en árbores de gran tamaño. Aliméntanse xeralmente de presas grandes e non realizan desprazamentos migratorios.
Confrontacións: avenoiteira, curuxa. -
bufo americano
[ANIMAL/ORNIT]
Bufo de ata 55 cm de lonxitude que presenta formas de tonalidades distintas, que van dende a cor da area ata o marrón escuro, dependendo do ambiente onde viven. Distribuído por toda América, ocupa dende o deserto rochoso ata os bosques de coníferas.
-
bufo grande
[ANIMAL/ORNIT]
Bufo de ata 70 cm de lonxitude e aproximadamente 2 m de envergadura, que constitúe a maior das rapaces nocturnas europeas. Está presente en Eurasia e norte de África, asociado á dispoñibilidade de coellos, que constitúen a presa fundamental, e de paredes rochosas onde aniña, aínda que tamén pode facelo en árbores. En Galicia estas condicións ofrécenselle principalmente no sueste do país.
-
bufo nival
[ANIMAL/ORNIT]
Bufo de ata 58 cm de lonxitude, que se distingue pola plumaxe mesta e branca e pola ausencia de orellas. Habita na tundra ártica e aliméntase principalmente de lemmings e lebres, que caza tanto de día como de noite. En anos de escaseza de presas fan desprazamentos a latitudes máis meridionais.
-
bufo pequeno
[ANIMAL/ORNIT]
Bufo de 39 cm de lonxitude que vive en zonas arboradas con claros e prados de gran parte de Europa, parte central de Norteamérica, Asia central e norte de África. Aliméntase principalmente de roedores.
-
bufo pescador
[ANIMAL/ORNIT]
Bufo de 42 cm de lonxitude de patas espidas de penuxe e longas uñas. Na parte inferior das garras presenta unhas escamas afiadas que facilitan a captura das presas esvaradías das que se alimenta. Os peixes constitúen o groso da dieta xunto con anfibios e caranguexos. Vive nos bosques da ribeira do sueste asiático dende Birmania e Borneo ata Xava e hai unha pequena poboación en Oriente Medio.