burro -rra

burro -rra

(< lat burricu ‘cabalopequeno’)

  1. s [ANIMAL]

    Mamífero ungulado de ata 160 cm de altura na cruz, pelame gris ou gris acastañado, orellas longas, cabeza grande, pescozo case horizontal con crinas curtas e rizadas, pezuños finos e cola longa rematada nun pincel de pelos. Procede da domesticación da especie salvaxe Equus africanus, propia do norte de África. Emprégase como animal de carga, monta e tiro principalmente no sur de Europa. Na tradición oral son abondos os refráns que aluden a este animal: “Ben burro é quen burro ten; pero inda é máis burro quen podendo non o ten. Máis fácele é ao burro preguntar que ao sabio responder. O burro diante para que a recua non se espante. O burro que máis traballa, máis axiña se cansa. Onde vai o burro vai a albarda. O burro que vai a Roma, burro vén á volta. Ao que o burro gaba tal fillo lle naza. Orneos de burro non chegan ao ceo. Pra boca do burro non se fixo o mel. Quen ten burro e non vai nel inda máis burro é el”.

    Ex: Carrexou todas as patacas no burro.

    Sinónimos: asno.
  2. adx e s

    Que posúe pouca intelixencia e ten dificultades para a comprensión.

    Ex: Sempre foi un burro para as materias de letras.

    Sinónimos: ignorante, torpe. Antónimos: intelixente.
  3. adx e s

    Que non mostra delicadeza nos seus actos.

    Ex: É moi burro e non ten tacto ningún coas mulleres.

  4. s

    Quen traballa en exceso.

    Ex: Es un burro, non paras de traballar en todo o día.

  5. s [ANIMAL]

    Nome que reciben algúns moluscos bivalvos de cuncha grosa e dura, como son os ameixóns, os berberechos e os carneiros de cuncha grosa e dura.

  6. s m [ANIMAL/ICT]

    Nome que reciben os gobios e os lorchos.

  7. s [ETN]

    Armazón xiratoria de madeira, que se emprega nalgunhas cociñas da casa rural, da que vai pendurada a gramalleira e logo o pote ou a caldeira.

    Ex: Non tires tanto da gramalleira que pode romper o burro.

    Sinónimos: andante, asneira, asnelo, asneta, cabalete.
  8. s [ETN]

    Estrutura xiratoria de madeira formada por dous madeiros en ángulo recto, que se usa nos muíños para erguer a moa.

    Sinónimos: andante, cabalete.
  9. s [ETN]

    Aparello utilizado polos serrachíns para serrar a madeira.

    Sinónimos: cabalete, cabalo.
  10. s m [MAR]

    Os dous cabos utilizados como enxarcia para manexar a verga de mesana e suxeitar cada un dos paos da vela á percha dunha embarcación.

  11. s m [TÉXT]

    Roda dentada de madeira que move as demais rodas do torno da seda e que serve para torcela.

  12. s m [XOGO]
    1. Xogo de cartas no que se dan tres naipes a cada xogador e cada baza feita ten como premio a terceira parte da suma das postas. No caso de que un dos xogadores non faga ningunha baza, dise que fixo burro e ten que pagar aos gañadores das bazas. Outra das variedades de xogo máis habitual en Galicia é aquela na que se xoga sen un cabalo da baralla. Os xogadores descartan aquelas cartas que teñen emparelladas e logo uns van ripando as cartas aos outros co fin de conseguir novos descartes e desfacerse delas; perde o que quede co cabalo.

    2. No xogo do burro o que perde a xogada.

Frases feitas

  • Burro de carga. Persoa que fai traballos pesados ou que traballa en exceso.

  • Caer do burro. Acabar de entender algo.

  • Non poder dar no burro e dar na albarda. Facer pagar a culpa ao inocente ao non se atrever co culpable por ser demasiado forte ou poderoso.

  • Non ver un burro a tres pasos. Ver mal.

  • Pór a caer dun burro. Insultar a alguén.

Refráns

  • Á burra axeonllada dobrarlle a carga.
  • A burra preñada, cargala ata que para; e, despois de parida, cargala cada día.
  • Á burra que é tarda ponlle a peor albarda.
  • A burro pardo, arrieiro arroutado.
  • Ave de albarda, anque non voe, ben se garda.
  • Cando a burra está morta, está a pelexa á porta.
  • Cando un burro omea, sempre hai outro que escoucea.
  • De burro abaixo non hai peor besta.
  • O burro non anda senón coa albarda e a carga.
  • O burro pequeniño sempre é borriquiño.
  • Onde cae o burro, dánselle os pauso
  • Onde os burros andan, alí escoucean.
  • Polo san Pedro o burro quedo.
  • Se tódolos burros trouxeran albarda, os albardeiros moito gañaban.
  • Vale máis burro ser, que con burros debater.