burro -rra
(< lat burricu ‘cabalopequeno’)
-
s
[ANIMAL]
Mamífero ungulado de ata 160 cm de altura na cruz, pelame gris ou gris acastañado, orellas longas, cabeza grande, pescozo case horizontal con crinas curtas e rizadas, pezuños finos e cola longa rematada nun pincel de pelos. Procede da domesticación da especie salvaxe Equus africanus, propia do norte de África. Emprégase como animal de carga, monta e tiro principalmente no sur de Europa. Na tradición oral son abondos os refráns que aluden a este animal: “Ben burro é quen burro ten; pero inda é máis burro quen podendo non o ten. Máis fácele é ao burro preguntar que ao sabio responder. O burro diante para que a recua non se espante. O burro que máis traballa, máis axiña se cansa. Onde vai o burro vai a albarda. O burro que vai a Roma, burro vén á volta. Ao que o burro gaba tal fillo lle naza. Orneos de burro non chegan ao ceo. Pra boca do burro non se fixo o mel. Quen ten burro e non vai nel inda máis burro é el”.
Ex: Carrexou todas as patacas no burro.
Sinónimos: asno. -
adx e s
Que posúe pouca intelixencia e ten dificultades para a comprensión.
Ex: Sempre foi un burro para as materias de letras.
Sinónimos: ignorante, torpe. Antónimos: intelixente. -
adx e s
Que non mostra delicadeza nos seus actos.
Ex: É moi burro e non ten tacto ningún coas mulleres.
-
s
Quen traballa en exceso.
Ex: Es un burro, non paras de traballar en todo o día.
-
s
[ANIMAL]
Nome que reciben algúns moluscos bivalvos de cuncha grosa e dura, como son os ameixóns, os berberechos e os carneiros de cuncha grosa e dura.
-
s
m
[ANIMAL/ICT]
Nome que reciben os gobios e os lorchos.
-
s
[ETN]
Armazón xiratoria de madeira, que se emprega nalgunhas cociñas da casa rural, da que vai pendurada a gramalleira e logo o pote ou a caldeira.
Ex: Non tires tanto da gramalleira que pode romper o burro.
Sinónimos: andante, asneira, asnelo, asneta, cabalete. -
s
[ETN]
Estrutura xiratoria de madeira formada por dous madeiros en ángulo recto, que se usa nos muíños para erguer a moa.
Sinónimos: andante, cabalete. -
s
[ETN]
Aparello utilizado polos serrachíns para serrar a madeira.
Sinónimos: cabalete, cabalo. -
s
m
[MAR]
Os dous cabos utilizados como enxarcia para manexar a verga de mesana e suxeitar cada un dos paos da vela á percha dunha embarcación.
-
s
m
[TÉXT]
Roda dentada de madeira que move as demais rodas do torno da seda e que serve para torcela.
-
s
m
[XOGO]
-
Xogo de cartas no que se dan tres naipes a cada xogador e cada baza feita ten como premio a terceira parte da suma das postas. No caso de que un dos xogadores non faga ningunha baza, dise que fixo burro e ten que pagar aos gañadores das bazas. Outra das variedades de xogo máis habitual en Galicia é aquela na que se xoga sen un cabalo da baralla. Os xogadores descartan aquelas cartas que teñen emparelladas e logo uns van ripando as cartas aos outros co fin de conseguir novos descartes e desfacerse delas; perde o que quede co cabalo.
-
No xogo do burro o que perde a xogada.
-
Frases feitas
-
Burro de carga. Persoa que fai traballos pesados ou que traballa en exceso.
-
Caer do burro. Acabar de entender algo.
-
Non poder dar no burro e dar na albarda. Facer pagar a culpa ao inocente ao non se atrever co culpable por ser demasiado forte ou poderoso.
-
Non ver un burro a tres pasos. Ver mal.
-
Pór a caer dun burro. Insultar a alguén.
Refráns
- Á burra axeonllada dobrarlle a carga.
- A burra preñada, cargala ata que para; e, despois de parida, cargala cada día.
- Á burra que é tarda ponlle a peor albarda.
- A burro pardo, arrieiro arroutado.
- Ave de albarda, anque non voe, ben se garda.
- Cando a burra está morta, está a pelexa á porta.
- Cando un burro omea, sempre hai outro que escoucea.
- De burro abaixo non hai peor besta.
- O burro non anda senón coa albarda e a carga.
- O burro pequeniño sempre é borriquiño.
- Onde cae o burro, dánselle os pauso
- Onde os burros andan, alí escoucean.
- Polo san Pedro o burro quedo.
- Se tódolos burros trouxeran albarda, os albardeiros moito gañaban.
- Vale máis burro ser, que con burros debater.