2 cal

2 cal

(< lat calce)

  1. [QUÍM]
    1. s m

      Óxido de calcio impuro, obtido por quentamento de rochas calcarias a temperaturas superiores a 1.000 ou 1.200°C nunha reacción endotérmica da forma CaCO 3 →CaO + CO 2 -42.500 cal; desta reacción deriva o concepto de calcinación. A obtención do cal efectúase en diversos tipos de fornos, con frecuencia verticais; para producións dalgúns centenares de toneladas ao día empréganse fornos rotatorios, semellantes aos da fabricación de cemento, aínda que consomen máis combustible e presentan máis limitacións no que respecta á natureza e granulometría da calcaria utilizada. O cal é un sólido branco, cun punto de fusión moi elevado (uns 2.600°C), que se volatiliza no forno eléctrico; ten unha grande afinidade pola auga, que a transforma en hidróxido con desprendemento de gran cantidade de calor. Emprégase na construción, para preparar bases alcalinas, vidro e cloruro de cal e para depurar augas duras, nas fábricas de curtidos para depilar peles, en agricultura para neutralizar os solos ácidos, e como material refractario no recubrimento de fornos de alta temperatura. Chámaselle tamén cal anhidro ou cal vivo, por oposición ao cal morto.

    2. cal hidráulico

      Pedra calcaria calcinada que, ademais de cal, contén ata un 17% de sílice, alumina e hidróxido férrico e que, unha vez pulverizada, non se comporta en contacto coa auga como o cal vivo, senón que solidifica e endurece dun xeito semellante ao cemento.

    3. cal sodado

      Mestura dos hidróxidos de calcio e de sodio que se prepara mesturando cal vivo cunha solución diluída de sosa cáustica. Emprégase na industria e nos laboratorios pola súa propiedade para absorber o dióxido de carbono.

    4. cal morto

      Hidróxido de calcio comercial que se obtén mesturando calcaria cocida con auga nuns dispositivos hidratadores, que poden traballar dunha maneira continua ou descontinua e que dan un produto homoxéneo e seco, que despois se pulveriza. Outras veces, na obtención de pequenas cantidades para uso inmediato ou a curto prazo, prepárase unha pasta máis ou menos espesa tratando a calcaria calcinada con auga en pequenos depósitos. Emprégase na industria química, na construción, na agricultura, como funxicida e fertilizante e na industria azucreira, entre outras. Tamén se utiliza como reactivo básico na obtención de cloruro de cal, óxido de etileno, colorantes azoicos e calcio metálico. Úsase nas perforacións petroleiras, no tratamento de augas duras e residuais e na absorción de dióxido de carbono. Mesturado con area ou pedra moída constitúe a argamasa, empregada na construción. En disolución lixeira, serve para branquear interiores e exteriores e como aglutinante de pigmentos e de colorantes. Tamén se denomina cal hidratado ou cal apagado.

    5. cloruro de cal

      Hidrato do sal dobre de hipoclorito e cloruro de calcio, CaCl(ClO). Chamado tamén pos de gas ou de branqueado, trátase dun material granuloso, branco agrisado, que cando está húmido cheira a cloro e que se obtén por reacción do cal morto e do cloro gasoso, a temperaturas por baixo de 40°C. A reacción é exotérmica, e procúrase disipar unha parte da calor desprendida mesturando o cloro con aire. O cloruro de cal pouco purificado emprégase como oxidante, branqueador e desinfectante. Serve tamén para preparar solucións relativamente diluídas de hipoclorito de sodio. A riqueza deste composto mídese pola cantidade de cloro que dá ao ser tratado cun ácido forte, e exprésase como contido de “cloro activo”. Este debe de ser do 35 ao 37% no produto de boa calidade. O uso do cloruro de calcio minguou moito en beneficio do hipoclorito de cal, produto máis estable e eficaz, que contén un 70% de cloro activo.

  2. cal e pedra [CONSTR]

    Obra de cachotería constituída por cal e pedras pequenas.

Palabras veciñas

cakchiquel | Cakile | 1 cal | 2 cal | 3 cal | Cal | 3 cal