Cancioneiro Galego
Cancioneiro Galego
[EDUC]
Pequeno volume escolar, editado en 1972 polo Centro de Estudios Fingoy de Lugo, que recollía corenta e catro cantigas seleccionadas polo mestre Vicente Devesa Jul, a partir de numerosos cadernos escolares escritos polos nenos que participaban na recollida de material folclórico das escolas lucenses de orientación agropecuaria. Estas escolas, impulsadas polo empresario Antonio Fernández López e polo profesor Avelino Pousa Antelo, xurdiron a partir da primeira experiencia da Escola Agrícola da Granxa Barreiros de Sarria. Anteriormente, en 1963, xa se procedera á edición do libro Contos populares da provincia de Lugo, unha escolma de 228 narracións realizada por Bernardino Graña, baixo a guía de Ricardo Carballo Calero.