Cancioneiro Geral

Cancioneiro Geral
[LIT]

Compilación de poesía portuguesa cortesá de mediados do s XV a 1516, publicada polo humanista portugués García de Resende en 1516. Foi composto por Almeirim e Lisboa na imprenta de Hermão de Campos, impresor de Manuel I. Dos 286 poetas que están representados, 29 compuxeron en castelán. Consta de 232 folios con tres columnas por páxina e caracteres góticos nunha edición de calidade con escasos erros. Desta edición existen de 11 a 16 exemplares. Considerado como réplica do Cancionero General (1511), de Hernando del Castillo, abrangue gran parte da actividade literaria das cortes de Afonso V, Xoán II e don Manuel. A temática amorosa complétase con exemplos das novas tendencias italianizantes dos poemas petrarquistas. Abondan as pezas didáctico-morais, as composicións case teatrais, e os poemas satíricos, relixiosos ou mesmo circunstanciais. A influencia alegórico-dantesca reflíctese nos poemas de Juan de Mena e do Marqués de Santillana. En canto á forma, contén cantigas, vilancetes, esparsas, glosas con regras fixas, trobas, pé quebrado e composicións de forma libre e arte maior. Entre os trobadores desta compilación destacan João Roiz de Castel Branco, Duarte de Brito, Diogo Brandão, Francisco de Sousa, Anrique da Mota, Sa de Miranda ou Bernardim Ribeiro e, en castelán, Juan de Meneses e Don Juan Manuel. Aínda que prevalece o portugués como lingua establecida, percíbese claramente a poderosa pegada castelá, xa que case un 10% das composicións rexistradas escribíronse en castelán (ben en composicións autónomas, ben na glosa de motes e cancións casteláns), e na abundancia de cancións e evocacións de heroes da cortesía amorosa ou poetas españois, presentando, asemade, os mesmos xéneros, formas temas e motivos. Este tipo de lírica denomínase palaciana porque estaba ligada á vida e costumes de palacio e tiña como fin o entretemento dos cortesáns describindo as súas artes no cortexo das damas. Predomina, xa que logo, a temática amorosa baseada no código do “amor cortés” -tan coñecido polos antigos trobadores- e nos tópicos da coita do amor, desexo, saudade, etc, empregando unha linguaxe abstracta. Censurado no XVI, non volveu ser reeditado ata 1846-1851 en Alemaña, e en tres volumes, da man de A.V. Kausler.