Cancionero de Baena
Colección de poesías compiladas por Juan Alfonso de Baena arredor de 1430, dedicada ao rei de Castela Xoán II e á súa muller María. O manuscrito conservado gárdase na Bibliothèque Nationale de París. Contén 576 composicións de 56 autores, agrupadas por xéneros. O cancioneiro recolle a produción poética da corte de Xoán II de Castela e presenta desde pezas de louvanza e de baixo ton ata producións de gran categoría poética; escasea o xénero amoroso e domina a poesía teolóxica, moral, ascética e política. Foi editado por Pedro José Pidal (1851), H. R. Lang (1926) e José M. Azáceta. Nun principio, de acordo co índice, contiña a obra de Alfonso Álvarez de Villasandino (con máis de 200 poemas), Francisco Imperial, Fr. Diego de Valencia, Fernán Sánchez de Talavera, Fernando Pérez de Guzmán, Fernán Manuel de Lando, Ruy Páez de Ribera, Pero Ferrús, Macías o Namorado, Arcediago de Toro, Pero Vélez de Guevara, Diego Martínez de Medina, Gonzalo Martínez de Medina, Pero González de Uceda, Fr. Lope, Gómez Pérez Patiño e o mesmo Juan Alfonso de Baena, entre outros. Trátase da primeira colección de poesía peninsular postrobadoresca, que actúa de ponte entre a cantiga de amor e a canción catrocentista e que constitúe unha nova maneira de facer e de entender poesía, diferente nas formas á trobadoresca, aínda que continuadora daquela nalgúns aspectos como a idea do “amor cortés”, a lingua poética ou algúns recursos estilísticos. Se ben o castelán comeza xa a substituír o galego como lingua da lírica, aínda se localizan composicións en galego ou fortemente contaminadas, constituíndo a fonte principal de autores e poemas que conforman a denominada escola lírica galego-castelá. Experiméntanse no cancioneiro novas composicións, xeralmente de forma fixa (canción, vilancico, preguntas e repostas, e outras) e de tema amoroso; aínda así é escasa a presenza nesta compilación da canción cortés, substituída por preguntas e respostas de cariz moral, filosófico e teolóxico, e polos dezires, xénero novo en verso de arte maior con estrofas amplas, narrativas e alegóricas creado no período que vai de Alfonso Álvarez de Villasandino ao Marqués de Santillana, coa participación de Francisco Imperial, e que culminaría nas Trescientas de Juan de Mena, longos poemas narrativos, de carácter didáctico-moralizante e alegórico; ao lado, atópanse poemas de circunstancias ou de asuntos vans. Sen embargo, a partir de 1430 a lírica estaba dominada polo Marqués de Santillana, Juan de Mena e Gómez Manrique. En canto á metrica, emprégase nestas composicións tanto o verso curto como o verso de arte maior. A temática amorosa é, en parte, debedora da trobadoresca: cántase o amor cortés, o eloxio da dama, a dor que produce a paixón, a compracencia nesa dor, etc. Nalgúns autores apréciase xa a influencia italianizante dos poemas petrarquistas, inda que predominan os poemas con referentes históricos e as composicións alegóricas. Juan Alfonso de Baena seguiu, na elaboración do seu cancioneiro, a moda provenzal de anteceder as composicións con textos en prosa, que, a xeito de razóns ou vidas, inclúen datos da biografía do autor ou das circunstancias nas que se compuxo. O problema da súa datación débese a que ao orixinal fóronselle incorporando sucesivamente novas composicións nas partes en branco ou no final, de feito nas follas de garda do manuscrito copiáronse as Coplas a la muerte de su padre de Jorge Manrique. Se ben a obra está dedicada á raíña, falecida en 1445, e contén un poema de Juan de Mena alusivo á Batalla de Olmedo dese mesmo ano; tamén hai textos dun tempo máis tardío, e o papel no que está copiado é posterior a 1461. Outros textos perdéronse con respecto ao orixinal como os Dezires de los Reyes de Juan Alfonso de Baena; tamén falta a obra de poetas do reinado de Xoán II e os poemas que noutros cancioneiros se lle atribúen ao propio rei e ao valido Álvaro de Luna. Maniféstase, non obstante, a escola poética da corte castelá na época dos primeiros Trastámara: Enrique II, Xoán I, Enrique III e Xoán II, que daquela se substituíra pola nova poesía centrada nos xéneros menores, como a canción, e nos temas amorosos, máis atenta á erudición clásica ca a escolástica, e marcada polo inicial desenvolvemento dos dezires.