Cancionero musical de Galicia
Obra da autoría do avogado e musicólogo redondelán Casto Sampedro Folgar (1848-1937), galardoada no concurso convocado en 1909 pola Academia de Bellas Artes de San Fernando para premiar unha “colección de cantos y bailes populares de una provincia española”. En 1942 Xosé Filgueira Valverde fixo unha edición da obra, que resultou ser unha das fontes de información musical máis destacadas do folclore galego e que achega ao redor de 500 documentos musicais de 74 concellos de Galicia. Estruturalmente se divide en “Cantos”, “Bailes”, “Danzas e Farsas” e “Varia”, con “Tocatas varias” e “Curiosidades”. Inclúe unha descrición rigorosa das melodías, danzas e instrumentos, índice de localidades onde se fixo a recollida do material e un índice onomástico das persoas que aparecen ao longo da obra. Nas súas follas documéntanse alalás, regueifas, cantares de berce, aradas, alboradas, romances, carballesas, muiñeiras, pasacorredoiras, e outras formas musicais de Galicia. Posteriormente, en 1982, a Fundación Barrié de la Maza editou a reimpresión facsimilar da edición de 1942.