cancro
(
-
s
m
[PAT]
Crecemento tumoral dos tecidos descoordinado coas necesidades do organismo e que perturba as funcións biolóxicas normais, tamén chamado tumor. Pode afectar a todos os tecidos, órganos e sistemas de numerosas especies animais. A denominación dos tumores específicos baséase no tipo histolóxico das células afectadas, na malignidade da afección e na súa localización. Distínguense dous grandes grupos de tumores malignos: os carcinomas, do tecido epitelial, e os sarcomas, dos tecidos conxuntivo e de sostemento. Hai tamén tumores mixtos, os carcinosarcomas, pero son raros. A miúdo as leucemias, os linfomas e os cancros dos tecidos hematopoéticos clasifícanse á parte, pero estritamente cómpre incluílos como sarcomas. O concepto de malignidade do cancro depende da irregularidade, do crecemento e da estruturación das células afectadas. Canto máis pronunciada é a irregularidade, máis maligno é o tumor, en termos xerais. Os tumores malignos, a diferenza dos benignos, non están encapsulados nin localizados: poden infiltrarse por diseminación directa nos tecidos veciños, ou ben poden espallarse a distancia a través do sistema vascular (linfático, venoso ou arterial) e dar lugar á metástase. As células están indiferenciadas (anaplásicas) con núcleos grosos, hipercromáticos e nucléolos prominentes. A estrutura do tecido orixinario está marcadamente alterada. O crecemento é relativamente rápido e presenta mitose en número variable e en formas anormais. Ata o inicio do s XX non se coñecían as causas xerais do cancro. Actualmente, grazas á cancerixénese experimental, descubriuse que son tan numerosos os factores relacionados coa aparición do cancro que desaparece a noción de causa unitaria. Os axentes canceríxenos poden ser intrínsecos (endóxenos) e extrínsecos (ambientais, profesionais, etc) e non provocan efectos inmediatamente. Son habituais os períodos de latencia prolongados (ata 10 e 20 anos) durante os que se poden presentar alteracións precancerosas. En 1915 conseguiuse provocar o cancro experimental pintando a pel con alcatrán. Outros grupos de substancias quimicamente inconexas provocan o cancro como o níquel, o cromo, o asbesto, o berilo, as aminas aromáticas e as películas de plástico. Estudiáronse diversos carcinóxenos químicos ambientais: o aire contaminado, os aditivos alimenticios, os cosméticos, os insecticidas e o fume do tabaco. Destaca como canceríxena a luz excesiva do Sol. As radiacións ionizantes da industria nuclear, da guerra nuclear e da radioloxía médica son carcinóxenas. Algúns tumores mostran definidas disposicións hereditarias. Certas alteracións xenéticas son determinantes na incidencia dalgúns cancros. Desde 1910 identificáronse diversos virus como factores causais de cancros animais; Francesc Duran i Reynals está recoñecido internacionalmente como pioneiro desta rama de investigación, e a teoría vírica do cancro experimentou ultimamente un interese renovado. Actualmente, os avances en xenética e bioloxía molecular permiten establecer un modelo que explica por qué unha célula normal se converte en cancerosa. Trátase dun modelo oncoxénico, no que os oncóxenos ou xenes capaces de inducir un proceso canceríxeno están inactivos no material xenético (o ADN) normal da maioría dos organismos; pero un cambio químico na estrutura dun dos oncóxenos, provocado por unha substancia química, unha radiación ionizante ou un virus, pode ocasionar a súa activación e, polo tanto, alterar a síntese da proteína da que é o xene codificador (expresión do oncóxeno); estes cambios desencadean un continuo de reaccións moleculares que poden orixinar o inicio dun proceso canceríxeno. A clínica e as exploracións analíticas permiten chegar ao diagnóstico do cancro por unha combinación de signos, entre eles o patognomónico. Pero o diagnóstico non se completa ata que se coñece a morfoloxía macroscópica e microscópica da lesión. O tratamento radical require a extirpación cirúrxica ou a esterilización radiolóxica de toda a tumoración. Os dous procedementos radicais non se exclúen e poden combinarse. Non obstante , non sempre son practicables nin eficaces: o tumor pode estar moi avanzado ou o paciente pode non estar en condicións de soportar o radicalismo, pero neste caso aínda é posible conseguir longas e boas expectativas de vida coa aplicación de terapias físicas e mesmo cirúrxicas de tipo paliativo. Disponse ademais de axentes químicos anticancerosos que hai que sumar e combinar cos tratamentos clásicos. Entre os tratamentos experimentais actuais máis notorios destacan os métodos que inclúen axentes inmunoterapéuticos, que parece que estimulan o sistema inmunolóxico do paciente, o interferón e a hipertermia. A incidencia dalgúns cancros está aumentando obxectivamente. Nos homes aumentan os cancros de pulmón, larinxe, próstata, esófago, intestino, páncreas e os hemolinfáticos. Nas mulleres, o cancro de mama continúa a ser o máis frecuente, mentres que outros diminuíron en diferentes ambientes. O cancro constitúe a segunda causa de morte entre os adultos e, entre os nenos, a morte por cancro supera a producida por calquera outra enfermidade. A intervención preventiva é moi importante; cómpre chegar ao diagnóstico precoz e ao tratamento rápido máis axeitado.
-
s
m
[BOT]
Proliferacións vexetais, voluminosas e informes, que poden aparecer nos distintos órganos das plantas e que obedecen a un crecemento excesivo de células meristemáticas, causado pola presenza de patóxenos, principalmente bacterias e fungos.
-
s
m
Aquilo que prolifera dunha maneira perigosa.
Ex: O cancro da violencia estase deixando sentir na nosa sociedade.