Cancioneiro popular galego
Obra publicada entre os anos 1984 e 1995, da autoría de Dorothé Schubarth e Antón Santamarina, que conforma un dos cancioneiros populares máis completos da tradición musical galega. Contén ao redor de 4.400 textos de cantigas e 900 melodías, coas súas variantes, recollidas directamente de informantes do territorio galego e concellos lindeiros con Galicia entre os anos 1979 e 1982. Estruturalmente, divídese en sete volumes titulados: Oficios e labores; Festas anuais; Romances tradicionais; Romances novos, cantos narrativos, sucesos e coplas locais; Cantos dialogados; Coplas diversas, cantos enumerativos e estróficos e Táboas sinópticas, índices. Os comentarios que acompañan os textos aparecen en galego, castelán e alemán, e a obra vai acompañada dunha recompilación musical en casete.