Cándido/Cándida
Prenome procedente do latín candidus ‘branco, luminoso’ e, metaforicamente, ‘sereno, sincero, puro’. Era un cognome común na Roma imperial. Posúe os hipocorísticos Canducho, Ducho/Canducha, Ducha, Dotas. San Cándido (s III) era oficial da lexión tebana, lugartenente de san Mauricio, xunto ao que foi decapitado no Valais suízo, en tempos do Emperador Maximiano. Santa Cándida (s IV) foi unha virxe e mártir de orixe romana ou milanesa. Outra santa do mesmo nome foi unha das compañeiras de santa Úrsula e as Once Mil Virxes. Na iconografía, san Cándido leva vestiduras de militar romano, mentres que santa Cándida viste túnica e manto como o das doncelas romanas, sostendo na man a palma do martirio. Documéntanse distintas celebracións, pero non ten parroquia nin romaría propia en Galicia.