caravilla

caravilla

(

  1. s f
    1. Pecho que consiste nun gancho metálico curvo ou recto, ás veces fixo e outras movible, que encaixa nunha argola ou nunha peza de madeira unida á porta cun cravo, arredor da que xira, para fechar portas, cancelas e, en ocasións, ventás.

      Ex: Fecha as contras coas caravillas que se están batendo co vento.

      Sinónimos: cavilla. Confrontacións: tranca.
    2. Pechadura constituída por un taco de madeira cravado nos marcos das portas ou ventás que, ao fechar, xira sobre el mesmo.

      Ex: O porco rompeu a caravilla da porta da corte.

      Sinónimos: martabela.
  2. s f
    1. Pasador de madeira ou de metal que se introduce nun furado, nunha peza ou en calquera outro obxecto para suxeitar ou unir algo.

      Ex: Tiñan unha caravilla no extremo do eixe pero xa rompeu.

    2. Cada un dos pasadores do eixe do carro que fan que as rodas queden suxeitas.

      Ex: Non nos decatamos de que rompera a caravilla e saíu a roda do carro.

      Sinónimos: chavellón.
  3. s f [MÚS]
    1. Peza cilindrocónica dos instrumentos de corda, feita de madeira (ébano, palisandro ou buxo), de metal ou de marfil, na que se aparafusan as cordas, co fin de estiralas ou de afrouxalas e de deixalas suxeitas na afinación desexada.

      Ex: Tiven que cambiarlle os dous xogos de caravillas á guitarra porque un deles estaba roto e non topei outro igual en ningures.

    2. Chave de madeira ou doutro material para tensar as cordas dos instrumentos musicais.

      Ex: Axustamos ben as cordas do piano coa caravilla e coa axuda dun afinador porque estaban pouco tensas.

  4. s f [TECNOL]

    Peza cilíndrica ou lixeiramente cónica, de aliaxe de aceiro e de superficie rectificada e puída, que se emprega en moitos dispositivos ou montaxes de mecánica fina para inmobilizar en sentido transversal dúas ou máis pezas superpostas.

  5. s f [FÍS]

    Peza illante amovible, cun ou máis contactos metálicos que se poden introducir nas cavidades dunha toma de corrente co fin de establecer unha conexión eléctrica. Hainas de varios tipos: macho, femia, bipolares, tripolares, múltiples, telefónicas, etc.

Frases feitas

  • Apertarlle unha persoa as caravillas a alguén.

  • 1 Presionar a unha persoa para conseguir algunha cousa dela ou pórse rigoroso con ela.

  • 2 Meter a algunha persoa en apuros.