Carlos V, porta de
Situada en Viveiro, a única de estilo renacentista en Galicia tamén coñecida como Castelo da Ponte, foi construída en 1554 polo mestre Pedro Poderoso despois do incendio que destruíu a vila en 1540. O Emperador Carlos V, como agradecemento aos servicios prestados pola vila, concedeu a exención de tributos para acelerar a súa reconstrución. A porta ten forma de arco triunfal e está articulada en tres corpos separados por impostas; no inferior está situado o arco de medio punto cos escudos do Reino de Galicia e de Viveiro no muro; no segundo corpo hai un grande escudo do emperador inserido nunha ventá cega que remata nun frontón triangular co busto de Carlos V. O muro está decorado por catro bustos non identificados e o derradeiro corpo ten ameas e pináculos. Foi declarada Ben de Interese Cultural en 1942.