Carral
Carral
-
[ONOM]
Apelido de orixe toponímica. O topónimo Carral (derivado do lat vulgar carrale ‘relativo ao carro’) fai referencia á existencia no lugar dun carral ‘camiño polo que pasa o carro’. Documéntase no século XIII: “Joham Carral” (doc ano 1266 en Ángel Rodríguez González/José Ángel Rey Caiña “Tumbo de Lorenzana”, Estudios Mindonienses 8, 1992, p 173).
-
[HIST/HERÁLD]
Liñaxe orixinaria de Espinosa de los Monteros, en Burgos, que se espallou por Santander, Asturias e Galicia. As súas armas levan, en campo de goles, unha corneta de ouro e, no oco que forma a asa, un luceiro de prata. Outra variante leva o mesmo brasón pero coas pezas en posición alternante: en campo de goles, unha corneta de ouro e no xefe unha estrela do mesmo metal.