Carral, fusilamentos de
Execucións que tiveron lugar no serán do 26 de abril de 1846 no adro da igrexa de San Estevo de Paleo (Carral), nas que morreron os militares procesados pola súa participación no levantamento de 1846. O tribunal militar, que estaba constituído nun mesón da vila, non tiña o mandato de xulgar os responsables do levantamento, senón que estaba predisposto polas ordes do capitán xeneral Villalonga para fusilar os reos en tres horas. No transcurso do proceso xudicial, que comezara ás 6 da mañá dese mesmo día, o tribunal foi apremiado para que axilizase os trámites: había necesidade dunha acción exemplar diante do resto dos sublevados de Galicia. Os fusilados, que pasaron a ser coñecidos pola historiografía galega como Mártires de Carral, foron os comandantes Miguel Solís Cuetos, Juan Sánchez e Víctor Velasco; os capitáns de infantería Manuel Ferrer, Jacinto Dabán e Fermín Mariné; e os capitáns Ramón José Lloréns, Santiago de la Llave, Francisco Márquez, José Martínez, Felipe Valero e Ignacio de la Infanta.