Casa das Ciencias
Museo interactivo situado no parque de Santa Margarida, na cidade da Coruña, inaugurado no ano 1985. O seu obxectivo é potenciar a cultura científica na sociedade mediante a implicación dos visitantes no proceso de elaboración da ciencia a través da toma de contacto cos fenómenos naturais, cos principios físicos e coas novas tecnoloxías. Posúe, na planta de acceso, un péndulo de Foucault, un triángulo de Penrose e unha aula de informática; na primeira planta, módulos experimentais interactivos sobre fenómenos físicos; na segunda planta, exposicións temporais con carácter monográfico sobre diferentes temas científicos; a terceira planta está dedicada á natureza e á exposición dunha parte da colección do naturalista galego Víctor López Seoane; e na cuarta planta está o Planetario que conta cun proxector principal e máis de 30 proxectores especiais cos que se poden reproducir os movementos celestes. Dispón, ademais, de biblioteca e salón de actos. Organiza ciclos de conferencias sobre temas científicos e edita obras de carácter divulgativo sobre a natureza.