casamenteira, A
Primeira obra dramática impresa do teatro galego, escrita polo xornalista liberal Antonio Benito Fandiño Martínez en 1812 na prisión de Santiago de Compostela, onde cumpría condena polas súas actividades de carácter político. Foi escrita a requirimento de Xoán María Pazos, quen lle indicou o asunto (o dos matrimonios amañados) e os personaxes (Tía Goras, Xan Rouco, Técola e Perucho), o que fai pensar na súa posible representación. A obra publicouse en 1849, tal e como consta no seu título real: Sainete en gallego para cuatro personas, del célebre literato D. Antonio Benito Fandiño. Juguete inédito hallado entre los papeles de un curioso amigo del autor, y se da á luz para honrar su memoria. Es propiedad particular. Nadie debe reimprimirle. Orense 1849. Oficina de D. Juan María de Pazos, donde se hallará. A peza, escrita en galego e castelán -con predominio da primeira lingua-, ten unha extensión de 457 versos octosílabos agrupados en redondillas, con rima asonante e consonante. Estruturalmente, divídese en tres cadros. O texto, que ten unha intención didáctica e moralizante, intenta desenmascarar o engano que hai detrás das casamenteiras e criticar o poder da ambición e da mentira fronte á dignidade humana. A peza conta a historia dos amores de Perucho e Técola, separados polas artimañas da Tía Goras, a casamenteira que amaña a voda do mozo coa ama do crego da aldea.