Casiña da Moura
Casiña da Moura
Anta situada no concello de Maus de Salas, que forma, xunto coa Casola do Foxo, a necrópole de Maus de Salas. Durante a construción da presa trasladouse da súa localización orixinal. Carece de mámoa e a cámara ten planta poligonal. Está formada por sete chantas, todas elas imbricadas, e a tampa. A cámara ten unhas dimensións aproximadas de 2,85 m no eixe maior e 2,60 m no menor. Conserva dúas laxes do corredor, apoiadas no interior da cámara, dispostas ao longo de 0,75 m. No transcurso das escavacións, dirixidas pola arqueóloga Eguileta Franco, atopouse un enxoval composto por dúas pezas cerámicas de fondo plano, unha delas cunha lixeira carena e a segunda de forma globular co beizo saínte. Cronoloxicamente, pertence ao Megalitismo pleno.