castrismo

castrismo

(< antropónimo Fidel Castro)

s m [POLÍT]

Ideoloxía e práctica política desenvolvida en América Latina a partir de 1959. Tomou como modelo a revolución cubana e os seus principais teóricos foron Ernesto Che Guevara, Fidel Castro, Régis Debray e Douglas Bravo. Sostiña que, para levar adiante as reformas socioeconómicas que liberasen as masas latinoamericanas da explotación e da miseria, era necesario o derrocamento, mediante a revolución popular e nacional armada, dos réximes oligárquicos aliados do imperialismo norteamericano. O castrismo adoptou a guerrilla, tanto a urbana como a rural, como sinónimo de guerra revolucionaria polo poder e non como simple táctica defensiva. Para os seus teóricos constituía a correcta aplicación do marxismo-leninismo ás condicións específicas de América Latina, sen embargo, non consideraban necesaria a existencia previa dun partido de masas organizado e estruturado como vangarda revolucionaria. O partido, movemento ou organización xurdiría da mesma práctica revolucionaria do núcleo guerrilleiro inicial e configuraría a súa ideoloxía de acordo coas súas necesidades. Experiencias de carácter castrista desenvolvéronse en todos os países de América Latina desde o ano 1959, aínda que a maioría fracasaron a causa dunha planificación táctica equivocada ou víctimas da represión. Ao final da década dos setenta, estes fracasos, especialmente o do Che Guevara en Bolivia, provocaron unha orientación da política exterior cubana cara a posicións pro-soviéticas e, finalmente, coa disolución do bloque comunista e a conseguinte crise cubana, a perda absoluta da influencia nos movementos populares de América Latina.