Castriño da Rocha

Castriño da Rocha

Conxunto de gravados rupestres localizados debaixo dun dos parapetos do xacemento castrexo do Castriño de Conxo, preto da ponte da Rocha, na parroquia de Santa María de Conxo (Santiago de Compostela). Neste conxunto identificáronse varias figuras de armas (espadas curtas e alabardas) e tres figuras de deseño triangular interpretadas como escutiformes, aínda que tamén se interpretaron como machados de dobre anel e mesmo como deseños antropomorfos. É o único gravado con representacións de armas que aparece fóra do val do Lérez e das rías de Pontevedra e Vigo, e constitúe un dos máis importantes exemplos deste tipo. Está gravado sobre un longo bloque de granito de gran medio que non está completamente descuberto. O conxunto está formado por vinte e tres motivos dos que nove pertencen a espadas de folla triangular, catro a alabardas e tres a escudos. Debido aos tipos representados, espadas curtas de cobre elaboradas e empregadas na transición entre o III e o II milenio a C e alabardas do II milenio a C, pódese establecer a súa cronoloxía no Bronce.

Palabras veciñas

Castrillón | Castrillón | Castrillón, Medorra de | Castriño da Rocha | castrismo | Castriz | castro