castro
(< lat castru ‘campamento’)
Poboados en altura fortificados durante a Idade do Ferro na Península Ibérica, sobre todo no seu extremo noroccidental, onde definen a cultura castrexa (s XI a C - s IV d C). O aspecto máis visible dun castro galaico é o seu perímetro, rodeado dunhas obras arquitectónicas de carácter defensivo de maior ou menor entidade e dimensións, pero sempre ben perceptibles. Esta relación entre os castros e os elementos defensivos fixo que se popularizase a imaxe dun modelo de sociedade de base esencialmente guerreira, que a investigación arqueolóxica moderna non confirma. Os estudios arqueolóxicos obxectivos demostran que, independentemente da existencia das tensións concretas entre as comunidades castrexas veciñas, as estruturas arquitectónicas de tipo defensivo dos castros galaicos non teñen por qué estar manifestando a presenza de compoñentes guerreiros no seo da sociedade castrexa. Pola contra, a construción de estruturas arquitectónicas defensivas ten un carácter común a todos os procesos de sedentarización e cumpre unhas funcións tanto ou máis importantes ca as da estrita defensa: contrarrestar as posibles tendencias disgregadoras da comunidade que ocupaba o poboado servíndolle de elemento de cohexión; converter cada poboado nun elemento facilmente visible na paisaxe e nun marcador territorial fronte ás outras comunidades veciñas; actuar como elementos definidores do status da comunidade, da súa importancia, riqueza ou prestixio social, incluso da súa perigosidade, ao proxectar unha disuasión de tipo pasivo non só en tempos de perigo. Por outra banda, unha sociedade cun compoñente guerreiro básico no seo da súa organización social tendería a ser, por definición, expansionista, feito non demostrado no mundo castrexo.
Sistemas defensivos dos castros galaicos
Dende finais do Bronce, as comunidades campesiñas castrexas escolleron para establecer os seus poboados lugares de doada defensa natural e relativa proximidade física, que permitise o control visual das terras de labor, das que dependía a subsistencia da poboación do castro. Os esforzos por levantar a obra defensiva artificial concentráronse nos lugares onde a orografía natural do terreo ofrecía peores condicións e adoptaron as solucións tecnoloxicamente máis sinxelas, racionais e económicas. Neste sentido, o elemento máis común na arquitectura defensiva castrexa foron os terrapléns de terra xerados polas obras de aplanamento do terreo, anteriores á edificación da parte habitacional do poboado. Estes terrapléns, que aparecen en castros arcaicos dos ss VIII ou VII a C, como os de Torroso (Mos) ou O Neixón (Boiro) e que perviven ao longo de toda a época castrexa, en ocasións aparecen reforzados con muros na base para dificultar os desprendementos e outras veces coroados por liñas de valados ou por outra barreira feita en materiais orgánicos perecedoiros. Ocasionalmente, polo exterior dos terrapléns, xeralmente nos lugares máis vulnerables, trazáronse novos elementos defensivos de reforzo de concepción e realización máis complexas: os fosos ou os parapetos. Os fosos aparecen escavados tanto na terra como na rocha viva, e presentan unhas dimensións variables; os parapetos, normalmente, están formados polo amoreamento das terras sacadas da apertura do foso. Terrapléns, parapetos e fosos formarían a liña defensiva perimetral máis avanzada, en número variable dependendo das necesidades e do nivel do poboado; son moi comúns no espazo de enlace coa terra firme nos castros marítimos. As murallas, sen embargo, foron os elementos arquitectónicos máis espectaculares dentro do sistema defensivo de certos castros e os que mellor reflicten os niveis de desenvolvemento económico, técnico e social da comunidade que os habitaba. Aínda que hai certos indicios da probable existencia de valados en poboados moi antigos, a norma xeral foi a construción en cachotería aproveitando os materiais locais máis a man. Malia a diversidade formal derivada da morfoloxía e das irregularidades do terreo (que evitaban os inconvenientes técnicos que suporían as esquinas, moi pouco presentes na arquitectura castrexa), as murallas dos castros galaicos podían delimitar todo o espazo habitacional ou tan só zonas moi concretas que quedaban pouco protexidas pola orografía natural do terreo. Así mesmo, podían formar varios recintos xustapostos, sen adoptar formas concéntricas. Para o axeitado asentamento das murallas, procurouse buscar a rocha base, que en ocasións se traballaba para colocar mellor os alicerces, pero sempre valéndose da forma máis simple dende o punto de vista técnico, ben sexa nos castros máis primitivos, ben nos grandes poboados da fase castrexo-romana. Tanto as murallas exentas, con dúas caras vistas, como as que ao mesmo tempo cumprían unha función de formación de terrazas para habilitar o espazo habitacional do castro, parecen estar presentes no mundo castrexo dende un momento moi temperán, cando menos cara ao s VI a C, como revelan as murallas do castro das Croas (Pontevedra), que corresponden ao tipo exento, e as do castro de Penalba (Campo Lameiro), do tipo das terrazas. As melloras técnicas que se observan nas murallas dos poboados máis tardíos débense, fundamentalmente, á introdución e emprego cada vez máis frecuente dun instrumental de cantería máis axeitado, grazas sobre todo á xeneralización do uso do ferro dende polo menos os tempos de contacto co mundo romano. Tecnicamente, as murallas castrexas son dunha gran simplicidade, aínda que existe unha certa correlación entre a execución técnica e o momento e as características socioeconómicas do poboado. Tratábase de paramentos edificados cunha ou con dúas caras vistas de cachotería en seco, máis ou menos coidada -en ocasións empregando perpiaños dispostos horizontalmente ou en espiña de peixe- e un recheo interior de cachotería máis ou menos homoxéneo; en conxunto, conformaban unha espesura variable que oscilaba entre os dous e os catro metros. O perímetro das murallas interrompíase normalmente unha vez -aínda que nos grandes castros podían ser máis veces-, para abrir un acceso á área residencial. Estas entradas podían ser simples aberturas no muro cunha sinxela porta, pero nos poboados de época tardía o esquema adquiría maior complexidade: xurdiron os “torreóns”, engrosando o muro á altura das entradas, e unha serie de dependencias anexas, interpretadas tradicionalmente como “corpos de garda”. Nalgúns poboados, como o de Santa Tegra (A Guarda) ou Baroña (Porto do Son), o acceso á entrada principal faise mediante unha rampla en escalinata; noutros castros tardíos destacan, tamén, certos accesos interiores ás murallas en rampla ou escaleira. Segundo os datos arqueolóxicos dispoñibles, parece que a maior complexidade e aparatosidade dos sistemas defensivos do mundo castrexo coincide, basicamente, cos tempos de contacto e/ou de dominio romano, o que indica que as maiores e mellores murallas as edificaron comunidades castrexas integradas no imperio romano.
Urbanismo e arquitectura doméstica dos castros galaicos
No relativo a urbanismo e arquitectura doméstica castrexa, existen unha serie de imaxes estereotipadas que a investigación arqueolóxica obxectiva nega: o evolucionismo nun sentido petrificador da arquitectura doméstica castrexa; o carácter céltico ou hallstático da estrutura habitacional básica, a cabana circular; e o carácter caótico, desordenado, do urbanismo castrexo. O arquetipo da arquitectura doméstica castrexa son as pequenas cabanas de cachotería local e planta circular de reducidas dimensións (só existen dúas ou tres construcións de gran tamaño). De todas formas, dentro desta aparente uniformidade, detéctanse certas diferencias na arquitectura doméstica castrexa ao longo do tempo e do espacio. Nos castros máis antigos, dos ss VIII-VII a C, xa aparecen os trazos básicos desta arquitectura; unicamente se detectan as lóxicas indefinicións técnicas no aspecto construtivo, propias dos comezos de todo fenómeno histórico. Así, mentres certos poboados ofrecen construcións feitas con materiais perecedoiros, noutros como o de Penalba (Campo Lameiro) ou A Graña (Toques), xa aparecen cabanas levantadas con zócolos de pedra, en tanto que no de Torroso (Mos) ou no das Croas (Pontevedra), a construción doméstica xa se fai con verdadeiros muros de cachotería, algo que se xeneralizou dende ese momento por todo o mundo castrexo. Nestes primeiros séculos do desenvolvemento dos castros galaicos, a convivencia de solucións técnicas diferentes anula certas teorías evolucionistas formuladas nos anos setenta que defendían un proceso lineal e ininterrompido de petrificación da arquitectura castrexa, que non se completaría ata pouco tempo antes da fin do milenio, practicamente xa baixo dominio romano; fronte a iso, a adopción da cachotería na arquitectura doméstica castrexa non responde necesariamente a limitacións técnicas -se sabían facer murallas, non ignorarían cómo levantar un muro de pedra para unha construción doméstica-, senón que na maior parte dos casos primarían cuestións económicas. Neste sentido, comprobouse que moitos restos de estruturas feitas de materiais perecedoiros detectados nos presuntos niveis antigos dalgúns castros, xeráranse ao tempo que se traballaba na edificación do sistema defensivo do poboado e na habilitación do espazo habitacional, polo que non serían niveis ocupacionais no estricto sentido senón niveis de obra; terminadas estas obras, sobre os restos das cabanas precarias e eventuais edificábanse as construcións definitivas, xa feitas con materiais duradeiros. O segundo dos mitos historiográficos está relacionado cun carácter peculiar e paradigmático da arquitectura doméstica galega: a absoluta preferencia polas plantas circulares -ás veces ovadas ou elípticas- dende as súas orixes. A historiografía máis tradicional tentou relacionar este feito cos mundos céltico, hallstático, atlántico ou mediterráneo, nun proceso difusionista. Fronte a iso, demostrouse que este tipo tan sinxelo de arquitectura non ten por qué relacionarse coas culturas “célticas”, “celtizadas” ou hallstáticas, nin con outras culturas da área atlántica ou mediterránea para encontrar presuntas filiacións. A investigación arqueolóxica mostra que na área galaica, as cabanas propias dos procesos culturais anteriores ao mundo castrexo (Megalitismo e Bronce) presentan sempre plantas circulares. Este feito revela unha continuidade dos modelos tradicionais propios das comunidades campesiñas de economía itinerante da Prehistoria recente galaica, que tamén se mantén na ausencia de paredes medianeiras e na forma de organizar o poboado, outro dos trazos de identidade do mundo castrexo e mostra clara do seu alto grao de autoctonismo e de fondo entroncamento coas etapas anteriores. Tecnoloxicamente, igual que acontecía coas murallas, os muros das cabanas de cachotería aproveitaban sempre os materiais do medio xeolóxico inmediato e buscaban a rocha base para asentar os alicerces. Nas zonas graníticas hai muros feitos de dúas capas, mellor rematada a situada cara ao exterior, e se cadra cun recheo entre elas de cachotería, co que acadaban unha espesura total de 40 cm aproximadamente. Nas fases máis recentes, en contacto ou xa baixo dominio romano, na metade meridional do territorio castrexo desenvolveuse unha arquitectura doméstica con diferentes innovacións, tanto ornamentais (elementos de temática xeométrica) como técnicas (muros de perpiaños regulares ou lucido con morteiro de cal, pintado de cor branca, ocre, azul ou vermella en boa parte das paredes das construcións de cachotería irregular). Este lucido exterior, ao tempo que servía de protección das vivendas fronte ás humidades, dáballe ao conxunto urbano un aspecto cromático diferente da imaxe habitual de pedra, que se conserva. Outros elementos arquitectónicos como as entradas e outras posibles aperturas nas paredes apenas se coñecen. As entradas detéctanse pola interrupción dos restos dos muros e, ás veces, consérvanse as lousas do limiar cos furados dos gonzos e o peche, o que permite imaxinar o tipo de porta empregado en cada caso. Dispuñan de padieiras de madeira ou pedra, en ocasións decoradas con relevos xeométricos que lembran os labores de cestería, e a porta quizais fose unha sinxela folla de madeira cun sistema de xiro e peche sumamente simple. Da posible existencia de ventás ou vans semellantes nos muros apenas hai información por mor da escasa altura conservada dos mesmos. En época castrexo-romana, nas terras meridionais do territorio galaico e, curiosamente, no extremo nororiental do mesmo, levantábase diante das entradas de moitas vivendas unha especie de vestíbulo de controvertida función, que cando menos servía para ampliar o espazo doméstico. O cóbado interior dun dos brazos deste vestíbulo, polo xeral o esquerdo, adoitábase aproveitar para situar un sinxelo forno de planta cadrada. Os pavimentos interiores das cabanas son, agás casos moi puntuais, de terra pisada. No seu centro é onde se detectan os restos dos fogares, polo xeral simples lareiras formadas por unha base de barro compactado protexida por lousas fincadas, aínda que se dan casos de construcións feitas con certo coidado, con base de forma rectangular e cunha das lousas de protección (a orientada cara á entrada) máis alta, para defender o lume das correntes de aire. Outras veces, a lareira desprazábase cara ao muro, polo que o centro da estancia o ocupaba un burato no que se encaixaba un poste vertical que sostiña un teito feito de elementos vexetais, protexido por unha especie de rede de cordas que se mantiña tensa grazas a unhas pedras furadas que penduraban polo exterior da cuberta. Noutros casos, a posición central do fogar e a ausencia de restos do poste indicaría a presenza dunha cuberta -cónica ou non- asentada directamente nos muros. Aínda que as plantas de muros rectos se coñecen en certos castros prerromanos como A Lanzada (Sanxenxo), parece incuestionable que a súa propagación -aínda que sempre minoritaria fronte ás construcións circulares- produciuse xa na fase castrexo-romana. Agás no relativo á morfoloxía da planta, as diferencias coas circulares son mínimas e as dificultades técnicas que tiñan os castrexos para articular as esquinas dos muros solucionáronse facendo os enlaces en arco. Para as cubertas, planas e a unha ou dúas augas, utilizábanse as tégulas (‘tellas planas’) romanas. Certas cabanas de planta circular ou ovada, polo xeral de menores dimensións e con pavimentos de peor calidade, sen lareira e con lousa de limiar emprazada a certa altura do chan -sen dúbida para impedir ou polo menos dificultar o acceso ao interior dos ratos e doutros animais-, posiblemente teñan unha funcionalidade non só de vivenda senón tamén de almacén. Normalmente, a cada vivenda propiamente dita vincúlase especialmente unha construción deste tipo. Por último, nalgúns castros nos que o espazo escavado é o suficientemente amplo, principalmente no sur e nos tempos tardíos, é salientable a presenza dunhas normas de ordenación urbanística moi peculiares pero baseadas na organización da área habitacional en función de “células” ou “unidades” -seguramente de carácter familiar- compostas por unha ou varias vivendas cos seus respectivos almacéns, que abren as súas entradas a un patio común con laxes ao que se accede por un único e frecuentemente angosto acceso. Estas unidades, que por outra banda poñen de relevo datos de certo interese para a análise da sociedade castrexa, compleméntanse con traballos de acondicionamento do terreo tales como socalcos, muros de peche, canles de captación e evacuación de pluviais, etc. Este feito mostra certos conceptos de carácter urbanístico na organización arquitectónica dos poboados castrexos, cando menos nos máis tardíos.
Arquitectura non doméstica dos castros galaicos
Fóra dos elementos defensivos, existen poucas estruturas no mundo castrexo que poidan ser interpretadas como non domésticas. O tamaño excesivo de certas construcións como o curioso edificio de planta mixta do castro de Torroso (Mos) ou a enorme cabana de planta circular de Briteiros (Minho, Portugal), posiblemente aludan a un uso colectivo desas construcións, paradoxicamente afastadas no tempo por máis de medio milenio. Tampouco se coñecen restos de edificios de culto, se ben en San Cibrán de Lás (Punxín) existe unha construción que semella a base para unha estatua ou un altar, e no Monte Mozinho (Penafiel, Portugal) outra que pode ser un templo, aínda que as dúas se construíron en plena romanización. Menos dúbidas ofrecen as chamadas construcións con forno, propias da fase catrexo-romana do convento xurídico bracarense e do extremo nororiental do territorio galaico. Trátase de edificacións semisoterradas e provistas dun forno de planta ultrasemicircular (ocasionalmente cadrada) con cheminea ao que se lle engade unha cámara rectangular e unha antecámara, tamén de planta rectangular, á que chega unha canle con auga; separando ambas cámaras, con cobertas a dúas augas, érguese unha lousa monolítica cunha pequena abertura inferior, pola que apenas pasa unha persoa, que en moitas ocasións aparecen cubertas de decoracións xeométricas (gravadas ou en relevo). Este feito serviu para designar estes monumentos co nome de pedras fermosas, tradicionalmente interpretadas como lugares de sacrificios, templos, fornos, crematorios ou obradoiros de ferreiros; a evidencia arqueolóxica demostra a súa funcionalidade como baños ou saunas de uso talvez colectivo e de datación relativamente tardía. Os referentes arquitectónicos comunitarios no mundo castrexo, agás as obras defensivas e o caso da construción mixta do castro de Torroso (Mos), proceden da fase máis recente do fenómeno castrexo, xa en contacto co mundo romano ou plenamente integrado nel, e fundamentalmente do territorio meridional.
Análise sociolóxica dos castros galaicos
Do estudo da arquitectura castrexa derívanse unha serie de elementos de gran valor para a análise e discusión de certos aspectos da socioloxía galaica, así como do proceso de formación, desenvolvemento e disolución do mundo castrexo. O primeiro aspecto salientable é a constatación do carácter claramente autóctono do fenómeno, libre de influencias exteriores e resultado da evolución lóxica das comunidades campesiñas galaicas ao longo dunha fase de relativo illamento. Cando Roma integrou estas terras no seu Imperio, asistiuse á introdución e adopción de melloras tecnolóxicas dentro dun ambiente de maior pulo económico e de certo desenvolvemento social, pero sempre cun extraordinario conservadurismo nas liñas básicas. Outro aspecto a subliñar son as marcadas diferencias zonais; así na fase castrexo-romana os castros das terras meridionais amosan sinais dunha superioridade técnica na súa arquitectura e na introdución de certas novidades construtivas e urbanísticas, traducidas na aparición de novos poboados, a ampliación doutros xa existentes, na maior espectacularidade dos elementos defensivos e nunha arquitectura doméstica máis elaborada. O feito de que Roma fixese unha división de tipo administrativo entre o norte e o sur pode interpretarse como a evidencia de que algúns trazos diferenciadores xa estaban presentes no momento da conquista; sen embargo, fixéronse máis visibles coa romanización. Así mesmo, o feito de que o momento de dominio romano se corresponda co máximo esplendor do mundo castrexo -cando menos nos seus aspectos máis aparentes- indica que o proceso de integración da poboación galaica no Imperio non foi demasiado traumático e probablemente supuxo un beneficio material para as dúas partes. Neste sentido, a evidencia arqueolóxica é máis propia dun pobo aliado ca dun pobo sometido. En definitiva, a arquitectura castrexa, adaptouse a un medio pouco favorable e a unha sociedade campesiña relativamente pouco estruturada, non demasiado aberta ao exterior, de escasos recursos económicos e sumamente conservadora. Así mesmo, os elementos individualizados da arquitectura castrexa non son moi orixinais; sen embargo, a conxunción de todos eses atributos conforman un mundo peculiar e moi diferente dos fenómenos culturais coetáneos. Esta singularidade destaca o autoctonismo e o relativo illamento no que xorde e se desenvolve o mundo castrexo galaico. Cómpre, ademais, insistir no feito procesual: a imaxe estereotipada que hai en xeral do castrexo, correspóndese temporalmente cun momento de plenitude coincidente en boa medida co seu aparente máximo desenvolvemento xa baixo o dominio romano; sen embargo, esta imaxe é o resultado dun proceso iniciado a finais do Bronce por certas comunidades campesiñas galaicas que acadaron un grao de desenvolvemento económico e social que lles permitiu edificar os seus primeiros poboados estables. Seguramente, durante a primeira metade do último milenio a C, o castro como asentamento peculiar das poboacións galaicas impúxose nun lento pero sistemático proceso tanto máis temperán canto máis ao sur e ao litoral; a impresión actual é que a mediados do mesmo milenio, o novo modelo de asentamento parece ocupar xa a totalidade do espazo que lle é propio. Neste proceso o nivel de desenvolvemento económico e social de cada comunidade determinaba o grao de adopción e emprego das novidades tecnolóxicas; en termos xerais, constátase un maior dinamismo nas terras meridionais e do litoral, sen dúbida pola súa maior permeabilidade aos efectos dos contactos marítimos e terrestres co exterior.