catálise

catálise

(

    1. s f [QUÍM]

      Proceso que orixina un cambio de velocidade das reaccións químicas pola acción dunha substancia que se mantén quimicamente inalterada coñecida como catalizador. Un proceso de catálise pode cambiar a velocidade dunha reacción ou provocar reaccións que non se iniciaron, pero non pode modificar o rendemento da reacción; é dicir, non pode afectar ao valor da constante de equilibrio. Se o catalizador aumenta a velocidade de reacción, fálase de catálise positiva e, se a diminúe, de catálise negativa. Cando a velocidade da reacción varía pola acción dos mesmos produtos de reacción chámase autocatálise. A catálise clasifícase en catálise homoxénea, cando o catalizador está na mesma fase ca as substancias reaccionantes, e catálise heteroxénea, de contacto ou de superficie, cando o catalizador está nunha fase diferente á dos reactivos. A homoxénea limítase a sistemas gasosos e sistemas líquidos; nestes últimos, os exemplos máis importantes corresponden á catálise ácido-base, como a inversión da sacarosa para dar glicosa e frutosa que está catalizada polo ión hidróxeno, de xeito que a velocidade da reacción está en función da forza do ácido e da súa concentración. Na heteroxénea, o catalizador está nun estado físico diferente do sistema reaccionante, en consecuencia, a reacción química terá que se realizar na superficie de separación de xeito que o proceso non só dependa da natureza química do catalizador, senón tamén das características físicas da súa superficie que poden contribuír á retención de moléculas de reactivo. Este tipo de catálise presenta amplísimas aplicacións industriais e de laboratorio, xa que moitas das reaccións empregadas teñen lugar en fase gasosa e se catalizan grazas a un metal ou a un óxido metálico. Nos sistemas biolóxicos hai uns catalizadores, chamados enzimas, sintetizados polas células vivas. Estes fan que as reaccións químicas vitais teñan lugar á temperatura fisiolóxica con velocidades adecuadas.

    2. catálise enzimática [BIOQ]

      Acción pola que un enzima produce unha catálise. Algúns enzimas necesitan, para actuar, a colaboración doutras substancias ou coenzimas. O substrato fíxase no centro activo do enzima formando o complexo enzima-substrato, que despois se disocia no enzima non transformado e mais nos produtos da reacción.

  1. s f [LING]

    Termo da escola glosemática que indica a función de restablecer un funtivo non expresado no texto para facelo analizable. Por exemplo se un texto latino se interrompe trala preposición ad, debe repoñerse, mediante a catálise, o caso acusativo, xa que ambas as dúas magnitudes se relacionan por cohesión.