catalizador -ra
(< catalizar)
-
adx e s
m
[QUÍM]
Aplícase á substancia que modifica a velocidade dunha reacción química sen aparecer nos produtos finais da reacción. Os catalizadores poden ser elementos, compostos ou mesturas, e pódense presentar en forma sólida, líquida ou gasosa. Ás veces, cando unha substancia pode dar simultaneamente diferentes reaccións, o catalizador, ao favorecer especialmente unha delas, pode chegar a determinar a natureza dos principais produtos obtidos. Co tempo, a perda de actividade dos catalizadores pode estar causada por alteracións na súa estrutura física ou por absorcións de reactivos ou de contaminantes na súa superficie. Neste último caso, dise que o catalizador está envelenado.
Sinónimos: acelerante. -
s
m
[TECNOL]
Aparello que se emprega para reducir a emisión de substancias tóxicas dos gases de escape dos motores de automóbil ata uns límites mínimos, fixados por lei, e baseado na combustión catalítica destes gases. Empregado nos automóbiles modernos, é de uso obrigatorio para todos os vehículos saídos ao mercado a partir do 1 de xaneiro de 1993, que teñen que levalo incorporado de fábrica. Os valores baixos de gases tóxicos residuais son imposibles de acadar cos motores de combustión correntes, por iso cómpre recorrer á incorporación dun convertedor catalítico colocado no escape. Entre os diferentes tipos de catalizadores, o máis corrente para os vehículos de turismo é o de tres vías, chamado así porque elimina tres tipos de gases: CO (monóxido de carbono), HC (hidrocarburos residuais) e NOx (óxidos de nitróxeno). Para os motores diesel emprégase o catalizador de dúas vías, de simple oxidación. A mestura aire/gasolina ten que aproximarse á ideal, cuns valores de lambda entre 0,99 e 1,00; por iso, cómpre dispor dunha sonda lambda que transmite información sobre a composición dos gases e favorece o control da catalización. O catalizador actúa como un forno de gases onde se queiman todos aqueles que non se eliminaron plenamente no motor; traballa a uns 800°C e utiliza un soporte interior cerámico, o monolito (que pode ser de aceiro inoxidable), recuberto por unha capa coas substancias minerais que permiten a oxidación e a redución dos gases. Entre estas substancias está o platino, o rodio e o paladio, metais preciosos que encarecen o catalizador. O fluxo de gases de escape atravesa o monolito, ben lonxitudinalmente ou ben lateralmente, e choca radialmente contra el; os máis eficaces son os radiais. Co fin de evitar a destrución do catalizador cómpre empregar exclusivamente gasolina sen chumbo.
-
adx e s
Que ou quen agrupa un conxunto de forzas e as impulsa cara a unha determinada orientación.
Ex: Actúa de catalizador do movemento estudiantil.