católico -ca

católico -ca

(< lat catholĭcu < gr καϴολικός ‘universal’)

  1. [RELIX]
    1. adx

      Relativo ou pertencente á antiga Igrexa cristiá e, na actualidade, á Igrexa que recoñece como cabeza visible ao Papa. No s III aplicóuselle o termo á gran Igrexa como unha característica para indicar que está por riba das igrexas locais. Desde os tempos da Ilustración xeneralizouse en Europa Occidental o seu uso como exclusivo da Igrexa Romana. Co movemento ecuménico xurdiu a tendencia a cualificar como católicas a aquelas confesións cristiás nas que se consideran de dereito divino unha serie de elementos institucionais: a xerarquía, os sete sacramentos e a tradición apostólica de toda a Igrexa. Tamén fai referencia ao aspecto universal da Igrexa no espacio e no tempo.

    2. adx e s

      Que ou quen practica o catolicismo.

      Ex: Os católicos da parroquia xúntanse sempre no adro trala misa do domingo.

    3. adx e s

      Que ou quen segue os principios da Igrexa Católica na súa forma de obrar.

  2. adx [HIST]

    Aplícase ao título concedido no ano 1494 polo Papa Alexandre VI á Raíña Isabel I e ao seu home, Fernando II de Aragón. Este título recíbenno tamén os seus sucesores (Católicos Reis de España ou das Españas).

  3. epístolas/cartas católicas [RELIX]

    Cartas dos Apóstolos que non están dirixidas soamente a unha persoa ou comunidade determinada, senón a toda a Igrexa universal. Están incluídas no canon bíblico e son: a de Santiago, a primeira e a segunda de Pedro, a primeira, a segunda e a terceira de Xoán, e a de Xudas.

  4. vello católico [RELIX]

    vello católico.

Frases feitas

  • Non estar/andar católico. Non ter boa saúde.

Palabras veciñas

Catoira, Manuel | catolicidade | catolicismo | católico -ca | Católico, El | catolicón | catolicós