Cebreiro, Santa María a Real do
Antigo mosteiro situado no Cebreiro do que só se conserva a igrexa. A súa orixe está na fundación dun hospital para peregrinos e dun pequeno templo no s IX, fundados posiblemente por Xerardo, conde de Aurillac, despois de percorrer o Camiño de Santiago. O mosteiro noméase nun documento de doazón de Afonso III ao bispo de Iria no 833. Estas dependencias substituíronse por outras en 1072, cando Afonso VI lles cedeu o control do hospital aos monxes franceses da abadía de Saint-Geraud d’Aurillac, máis tarde anexionada á de Cluny. O mosteiro recibiu privilexios e doazóns de Afonso VI, Afonso VII e Fernando II. En 1487, os Reis Católicos, peregrinos a Compostela, ampliaron o primitivo hospital e separárono, grazas á bula de Inocencio III, de Aurillac. En 1496 pasou a depender da congregación de san Benito el Real de Valladolid ata a súa exclaustración en 1835. O deterioro que sufriu o conxunto monástico alongouse ata que no ano 1962 se iniciou a rehabilitación do hospital, convertido na Hospedería de San Xerardo de Aurillac, e da igrexa, reconstruída seguindo as trazas do edificio do s XI. A igrexa ten planta basilical, con tres naves cubertas con bóveda de canón, tres ábsidas rectangulares e unha torre-campanario nos pés. No interior consérvase unha talla románica da Virxe sedente, un cáliz, unha patena do s XII e un relicario doado polos Reis Católicos. A tradición xacobea sitúa nesta igrexa o milagre do Cebreiro, acontecido a comezos do s XIII, cando un pastor dunha aldea próxima entrou na igrexa a escoitar misa nun día de forte temporal. O monxe que celebraba ese día o culto pensou que non pagaba a pena facer aquel camiño por un pouco de pan e viño. Nese momento, os que alí se atopaban foron testemuñas da encarnación do corpo e do sangue de Cristo. O milagre estendeuse por toda a Europa cristiá como a aparición do Santo Graal, o cáliz onde se recollía o sangue de Cristo. En memoria deste milagre celébrase os días 8 e 9 de setembro unha romaría.