Cecilia

Cecilia

Familia romana de orixe plebea que destacou na política. A súa parte máis ilustre é a dos Cecilio Metelo, militares e políticos desde mediados do s III a C ao servizo da república romana. O primeiro membro destacado foi Lucio Cecilio Metelo (? - 221 a C), que exerceu o consulado nos anos 251 e 247 a C, foi pontífice soberano desde o 243 ata a súa morte e ditador no 224 a C. Quinto Cecilio Metelo (? - 175 a C), fillo do anterior, foi pontífice no ano 209 a C, cónsul no 206 a C, e participou nas campañas contra Aníbal. O seu fillo, Quinto Cecilio Metelo , coñecido como o Macedónico (? - 115 a C), destacou como pretor no ano 148 a C e converteu a Macedonia en provincia romana no 146 a C. Nomeado cónsul no 143 a C, pasou á Hispania Citerior como procónsul, onde someteu os celtiberos, vacceos e arevacos. Censor no 131 a C, propuxo unha lei de apoio ao matrimonio con fins procreadores. Quinto Cecilio Metelo , coñecido como o Numídico (? - 91 a C) e fillo do Macedónico, chegou a cónsul no 109 a C e dirixiu a guerra contra Iugurta, ao que derrotou en Muthul, pero foi substituído por Mario. Volveu a Roma e loitou contra o partido popular. Foi expulsado do Senado e desterrado. O seu irmán, Lucio Cecilio Metelo, chamado o Dalmático (? - 104 a C), venceu os dálmatas no 119 a C no seu consulado e obtivo o triunfo. Desempeñou os cargos de censor no 115 e de soberano pontífice no 114 a C. O fillo do Numídico, Quinto Cecilio Metelo , coñecido como Pío (130 - 64 a C), destacou na guerra social no 87 a C. Expulsado de Roma polos seguidores de Mario, volveu con Sila e compartiron o consulado no ano 80 a C. Gobernou a Bética durante os anos seguintes pero non conseguiu vencer a Sertorio ata a intervención de Pompeio. Foi soberano pontífice ata a súa morte. Cecilia Metela, filla de Metelo o Dalmático, casou con Sila despois da morte do seu primeiro esposo, Marco Emilio Escauro, e influíu na súa política. Quinto Cecilio Metelo , chamado Celer (? - 59 a C), loitou en Asia ás ordes de Pompeio e no 63 a C, sendo pretor, apoiou a Cicerón contra Catilina. Gobernou a Galia Cisalpina no ano 62 a C e chegou ao consulado no 60 a C.

Palabras veciñas

Cecil, William | cecilia | Cecilia | Cecilia | Cecilia Renata | cecimbre | Cecioni, Adriano