Celta films
Produtora cinematográfica fundada en agosto de 1922 por Antonio Méndez Laserna xunto con Higinio Troncoso, Carlos Reguenga e Antonio Rey Soto. A empresa comezou as súas actividades coa rodaxe da cinta Los defensores de la patria retornan, aproveitando a chegada ao porto de Vigo do rexemento de Murcia. Esta primeira produción estreouse no mes de outubro nos cines Ideal e Royalty, as salas viguesas de Méndez Laserna. A partir desta presentación, Celta Films comezou decontado a filmación dunha serie documental titulada Viaje a través de Galicia y Asturias (ou, segundo as fontes, Un viaje por Asturias y Galicia), na que traballou como operador Luis R. Alonso, que recolleu diversas paisaxes e lugares das dúas comunidades co fin de ilustrar unha serie de conferencias que un dos fundadores da firma, Antonio Rey Soto, ía impartir en Hispanoamérica. O material filmado non se conserva, aínda que se pode supoñer unha boa calidade, de acordo coa acollida que algúns comentaristas dos medios escritos lle dispensaron logo da súa proxección nalgúns pases privados. As loanzas enfocáronse sobre todo á capacidade amosada polos responsables da cinta para expoñer en imaxes os problemas máis importantes que naquel momento tiña o país, mostrando ao mesmo tempo paisaxes das catro provincias. Malia esta positiva recepción inicial, o obxectivo principal do proxecto, a exhibición da película en terras americanas nunha xira que había levar os seus autores nos últimos meses de 1923 por diversos países cun forte asentamento galego (Cuba, Puerto Rico, México, Panamá, Colombia, Venezuela, Perú, Chile, Arxentina e Uruguay), saldouse cun frustrante resultado, dado o desinterese dos seus teóricos destinatarios. A verdadeira pretensión de Celta Films foi enfocar a súa actividade cara á produción dun cine ficional, no que se pode considerar o primeiro intento serio neste sentido no noso contexto. A esta vontade respondeu a posta en marcha, en asociación co produtor madrileño Ernesto González, do filme Maruxa (1923), que dirixiu o francés Henry Vorins. A súa concepción inseriuse nunha corrente moi de moda no cine español da época, a adaptación de zarzuelas á pantalla cinematográfica, o que respondía á necesidade de gañar un público propio. Malia os medios postos por Celta Films no proxecto, que incluíron o envío da película á casa Éclair de París para a tiraxe de copias, o certo foi que a súa rodaxe estivo marcada por unha serie de contratempos, nos que á falla de entendemento entre produtores e director uníronse unhas condicións climatolóxicas desfavorables. Quizais por isto, o filme, do que non se conservan copias, non callou entre crítica e público. A súa carreira comercial fracasou finalmente coa longametraxe documental Galicia (1924).