celtibero -ra
(< lat celtiberu)
-
adx
Relativo ou pertencente á Celtiberia ou aos celtiberos.
-
s
[HIST]
Individuo deste pobo.
-
s
m pl
[HIST]
Grupo de pobos prerromanos establecidos na Celtiberia. Neste territorio distinguíanse dúas grandes rexións: a Ulterior, onde se situaban, entre outros, os territorios dos arevacos e dos pelendóns, e a Citerior, ocupada por numerosos pobos, entre os que destacaban os belos, titios e lusóns. As súas orixes están nos grupos de pobos indoeuropeos (hallstáticos), que chegaron á Península Ibérica na Primeira Idade de Ferro, que dominaron a metalurxia deste material. Pola súa parte, os celtas chegaron posteriormente, durante o período de La Tène, feito polo que os celtiberos non se poden considerar celtas. A súa cultura desenvolveuse durante a Segunda Idade de Ferro, entre o 500 a C e a conquista romana. Establecían os poboados en lugares estratéxicos de fácil defensa e de difícil acceso. A súa economía dependía fundamentalmente da gandería, aínda que nos pobos da zona do Ebro existiu unha importante agricultura cerealista. A poboación agrupábase ao redor de grandes núcleos de poboación, tales como Numancia, Segeda, Contrebia Belaisca e Contrebia Leukade, vilas que presentan unha incipiente organización urbanística, e provistas dunha serie de elementos de carácter defensivo como murallas e fosos. A base desta sociedade está nas agrupacións suprafamiliares, como as gentilitates. Nas rexións situadas no N e no O da meseta norte, implantouse un sistema de goberno no que o poder residía nun xefe militar. No resto da Celtiberia, unha asemblea de cidadáns destacados e anciáns, similar a un senado, dirixía as cidades-estado. Nunha etapa posterior, durante os enfrontamentos militares do s II a C, evolucionaron cara á creación de pequenos estados ou confederacións de cidades con certa unidade política. A pobreza dos territorios celtibéricos, unida aos problemas derivados dun mal reparto das terras, levounos a participar como mercenarios en ambos os bandos durante as Guerras Púnicas. A guerra no mundo celtibero caracterizábase polo sentido individualista e pola procura da gloria que contrastou coas estratexias máis prácticas dos romanos. A Celtiberia foi invadida por primeira vez por Catón entre o 195 e o 194 a C, pero non a someteron ata despois de tres guerras sucesivas. Durante a primeira (181-179 a C), os romanos conquistaron o altiplano setentrional. Novas rebelións dos pobos celtiberos, entre os anos 153 e 151 a C, e desde o 143, provocaron que Cornelio Escipión Emiliano tomara Numancia durante a terceira das guerras, no 133 a C. Nas guerras civís, durante o 77 a C, loitaron no bando de Sertorio, e Pompeio tivo que conquistar as cidades celtibéricas individualmente. A relixión dos celtiberos era naturalista, e nela desempeñaron un papel esencial os animais, como o touro ou o cabalo. Consérvanse algúns nomes das súas divindades, tales como Epona, Derxetio e Buradonis.
-
s
m
[LING]
Lingua pertencente ao grupo céltico, da familia indoeuropea. As primeiras documentacións (ss II-I a C), tanto en alfabeto ibérico coma latino, localizáronse no territorio dos cursos altos dos ríos Ebro, Duero e Tajo (lugares nos que os escritores antigos situaban a Celtiberia). Algunhas inscricións máis temperás, como a que procede de Botorrita (ó redor do 100 a C), leva un texto xurídico de 114 palabras en 11 liñas e unha lista de antropónimos de 60 palabras en 9 liñas. Están en escritura ibérica epicórica que non distinguía oclusivas sonoras e xordas, e engadía a ambiguedade de usar caracteres silábicos para estes sons (Pa, Ca, Ta, Pe, etc); por exemplo, o símbolo Ti podía denotar /ti/, /di/, /t/ ou /d/. Outras inscricións máis tardías están en alfabeto latino, como a de Peñalba de Villastar (s I ou II d C). Fronte ás características tradicionalmente atribuídas ao celta, o celtibero presenta como trazo propio a desinencia de xenitivo singular temático -o (lubos...aualo ‘lubos (fillo) de Avalos), que nas demais linguas, coma no latín, é en -ī (galo Martialis Dannotali ‘Martialis (fillo) de Dannotalos’). Tamén se denomina celtibero.
-
arte celtibera
[ARTE]
Arte desenvolvida no ámbito cultural da Celtiberia. A súa arquitectura empregou a pedra e o adobe. As casas, de planta rectangular, presentaban unha división do espazo interior en estancias separadas por tabiques de adobe, como as do poboado de Los Castellares. Outro tipo de construcións eran as casas escavadas en roca branda, como as da cidade de Contrebia Leukade (Aguilar del Río Alhama, La Rioja). A defensa dos poboados realizábase por medio de murallas (castro de la Mesa de Miranda, en Chamartín de la Sierra, Ávila), fosos e liñas de pedras chantadas. Non se conservan restos de edificios de carácter relixioso, aínda que parece ser que os cultos se realizaban ao aire libre. Na arquitectura funeraria destacan as estelas, que sinalaban o lugar de enterramento e, ás veces, formaban rúas (necrópole de Luzaga) e outras cubertas en forma de túmulo. Entre as construcións tumulares destacan as situadas en La Osera (Chamartín de la Sierra). Das representacións escultóricas cómpre salientar a denominada cultura dos verróns: figuras zoomórficas labradas en granito dun xeito moi rudo nas que só se distinguen algúns aspectos anatómicos característicos da especie e do sexo masculino. Representan touros, porcos e algún xabaril en posición de acometida ou repouso. Esténdense pola área cultural dos vetóns e pénsase que os exemplares da época prerromana (ss V-II a C) puideron ter unha finalidade máxico-protectora, e os da época romana (ss II-II d C), funeraria. O maior número de exemplares atopados proceden de Salamanca e de Ávila, entre eles destacan o xabaril de Las Cogotas, o touro de San Miguel de la Serrezuela e os touros de Guisando (El Tiemblo). No val do Ebro e na provincia de Burgos localizáronse unha serie de estelas con remate circular, e ás veces rectangular, con decoración xeométrica, símbolos astrais e representacións de figuras de animais, soldados e xinetes, que poden tratarse de representacións de carácter funerario. Tamén se conservan figuras humanas e de animais feitas en arxila e, en Numancia, descubriuse unha figura de muller que representa un exvoto ou unha deusa protectora da casa. En Illescas (Toledo) consérvase un pequeno baixorrelevo cunha escena de carácter procesional. No campo da ourivería, fabricaron brazais, colgantes, broches, fíbulas, etc. As pezas de cerámica están decoradas con motivos xeométricos; entre os restos conservados sobresaen os vasos torneados de Numancia que, ademais de figuras xeométricas, presentan temas figurativos, zoomórficos e antropomórficos.