1 censo
(
-
-
s
m
Cómputo estatístico dunha poboación ou de calquera ben moble ou inmoble, realizado sobre unha base territorial determinada e nun momento concreto con fins demográficos, fiscais, electorais ou como instrumento de planificación política (atribución de orzamentos, recursos e investimentos, execución de obras, etc).
Confrontacións: padrón, rexistro. -
censo de poboación
Reconto oficial e periódico da poboación dun territorio determinado. O seu principal obxectivo é coñecer o tamaño, a distribución e as características da poboación dese territorio nun momento concreto. Os resultados adoitan publicarse nun documento estatístico que constitúe a principal fonte de documentación para as análises demográficas, sociolóxicas e xeográficas, e para a elaboración de políticas de planificación. A Organización das Nacións Unidas, interesada na homoxeneización das informacións que os censos proporcionan, define o censo como o “conxunto de operacións que consisten en recoller, recompilar, avaliar, analizar e publicar ou divulgar os datos demográficos, económicos e sociais relativos a todos os habitantes dun país e das súas divisións administrativas nun momento ou período dado” (ONU, 1958).
Características técnicas dos censos de poboación
As características comúns que deben ter todos os censos son a enumeración individual, que abranga todos os habitantes do espazo no que se realiza, e a súa realización simultánea. Os datos ofrecidos por este tipo de fonte de información modificáronse, tanto no que se refire á súa estrutura como aos contidos estatísticos proporcionados. Nun principio, os censos eran simples enumeracións dos cabezas de familia ou veciños; despois, polos avances nas técnicas de cálculo e de recollida de información, melloraron a súa calidade ata proporcionar unha detallada información sobre o conxunto da poboación. Normalmente realízanse cada cinco ou dez anos, pero non todos recollen os mesmos datos nin teñen a mesma periodicidade e fiabilidade en todos os lugares. Malia as diferencias que existen entre uns e outros, hai unha serie de características comúns desde a implantación dos censos modernos: realízaos un organismo oficial estatal, lévanse a cabo na totalidade dun territorio ben definido, incluíndo a todas as persoas que viven nel, realízase nun momento determinado de tempo (as respostas deben referirse á situación da poboación nun día concreto), recolle informacións individuais e tamén as referidas a familias, son obxecto dunha publicación de resultados e deben ter unha periodicidade. Para a súa confección prepáranse uns cuestionarios, determínanse as áreas de empadroamento, fanse probas e adóptase o método do entrevistador directo ou distribución dos documentos de preguntas en cada fogar coas instrucións correspondentes. Nestes cuestionarios recóllese a información que logo se baleira para a súa clasificación e análise. O censo tamén facilita información sobre as características sociodemográficas e de vivenda para as análises de poboación, polo que se converte na principal fonte de información demográfica. É importante a rapidez coa que se ofrecen os resultados xa que, a medida que transcorre o tempo, a información vai perdendo valor. Algunhas das súas limitacións son: en primeiro lugar, o excesivo tempo que transcorre entre un e outro censo (na maioría dos países, dez anos), problema difícil de solucionar polos altos custos da súa realización, feito que os converte nunha fonte estática que non reflicte os cambios da sociedade coa rapidez desexable; en segundo lugar, a mobilidade da poboación, non só relacionada cos pobos nómades senón tamén coas migracións temporais, movementos pendulares, etc, dificulta os recontos da poboación; por último, cómpre sinalar as limitacións derivadas da propia recompilación, os erros na manipulación das respostas, no cómputo ou mesmo na publicación.
Evolución histórica
A súa orixe, aínda incerta, é en calquera caso moi antiga; en principio, tiñan unha finalidade fiscal ou militar (como instrumento fundamental para o recrutamento das levas) polo que se trataba de simples listaxes de poboación, moi lonxe do significado moderno. Así, tense coñecemento da existencia dos primeiros recontos xa no ano 3800 a C, en Babilonia, porque se atoparon unhas táboas de arxila que tiñan a finalidade de calcular os ingresos para a recadación de impostos. Este non foi o único imperio antigo que estableceu un censo deste tipo; tamén hai testemuños de pobos (exipcios, gregos, chineses ou persas) que fixeron recontos de poboación. Pero foron os romanos os que, por vez primeira, estableceron unha periodicidade á hora de levar a cabo a enumeración dos seus cidadáns, socios e escravos; realizábanse cada cinco anos, primeiro só na urbe e posteriormente se estenderon por todo o Imperio. Na Idade Media europea non se coñecen recontos globais de poboación deste tipo, debido á crise da administración pública e á súa substitución polo réxime señorial feudal; só os hai nos territorios baixo administración musulmá do S do continente. Foi no s XVII, unha vez recuperados os aparatos burocráticos estatais, cando de novo se xeneralizou a realización dos censos de poboación. Un precedente fundamental foi a recomendación e a posterior obriga eclesiástica (a partir do Concilio de Trento) de realizar o control dos bautismos, defuncións e matrimonios que se celebraban dentro dos límites de cada parroquia, feito que permite coñecer dun xeito bastante aproximado, case que exacto, a natalidade, mortalidade e nupcialidade desa comunidade parroquial. O que se considera o primeiro censo da Idade Moderna é o que se levou a cabo na colonia francesa de Québec, en 1665. A partir de entón este tipo de enumeracións comezaron a xeneralizarse, aínda que sen unha información pública dos resultados; a exposición de datos dun censo produciuse por primeira vez no 1790 nos EE UU. Ao longo do s XIX e na primeira metade do s XX, a realización dos censos estendeuse por todo o mundo e adoptou unha configuración distinta, xa que empezou a recompilar a información a partir de datos individuais e non por familias ou veciños; a partir desta transformación é cando se comeza a falar do censo moderno. O primeiro dos estados que adoptou e aplicou ininterrompidamente este sistema foi Bélxica en 1846, a continuación EE UU en 1850, España en 1857 e, sucesivamente, incorporáronse os demais países europeos e do resto do mundo; sen embargo, algúns países realizaron o seu primeiro censo a finais do s XX.
Os censos en España e Galicia
En España, aínda que se teñen noticias de que se realizaron esporadicamente algúns recontos de poboación na época do califato de Córdoba (Al-Hakam II) ou durante o reinado dos Reis Católicos, de Filipe II e de Carlos III, foi a partir de 1802 cando o estado se preocupou por introducir os avances que en estatística demográfica existían noutros países. En 1856 creouse a Comisión de Estadística, encargada de ditar normas e crear institucións para recoller, unificar e analizar os datos demográficos de acordo coas características dun censo moderno; o resultado foi o censo de 1857. Era a primeira vez que en España persoal especializado confeccionaba un censo de xeito simultáneo en todos os núcleos de poboación da coroa. Malia as súas deficiencias, foi unha base para que, posteriormente, se mellorase tanto a súa estrutura como os seus contidos. Dende entón, os censos españois tiveron bastante regularidade: elaboráronse en 1860, 1877, 1887, 1897 e, a partir de aquí, ata 1981 todos os anos rematados en cero; dende 1981 os censos realízanse nos anos rematados en un, segundo as recomendacións das Nacións Unidas; neste ano tamén se decidiu cambiar o mes de elaboración de decembro a marzo, xa que decembro é un mes no que a poboación adoita estar fóra do seu lugar de residencia, especialmente os emigrantes interiores. A realización dos censos en España encargóuselle dende 1945 ao Instituto Nacional de Estatística (INE) que, dende a instauración do estado das autonomías, traballa en coordinación cos correspondentes servicios de estatística das distintas comunidades (en Galicia co Instituto Galego de Estatística). Os diversos censos modificáronse e ampliaron os seus contidos co tempo. Na maioría deles distínguense unha serie de apartados: poboación de feito ou poboación de dereito; distribución por idade, sexo e estado civil; grao de instrución; poboación activa; fecundidade; características familiares da poboación; status migratorio e característica da vivenda. O censo abrangue todo o territorio español e ofrece resultados globais por comunidades autonómas, provincias e municipios; nalgúns casos pódense atopar outro tipo de unidades administrativas como as capitais principais ou divisións de tipo comarcal; nos arquipélagos canario e balear ofrece resumos por illas. O nivel de desagregación presenta algúns problemas para casos de entidades de poboación dispersas en varios núcleos, como sucede en Galicia, estruturada en parroquias e aldeas aínda que presenta as mesmas características que no resto de España. As primeiras informacións coñecidas sobre un reconto da poboación galega datan de 1541 e pertencen a un censo realizado a través da enumeración de fogares: en total contabilizáronse 85.347 veciños que, sometidos ás ponderacións aceptadas polos estudiosos da demografía histórica (multiplicados por un coeficiente), resultan máis de 530.000 h en total. Este tipo de censo tiña unha finalidade fiscal, polo que se supón que no proceso de elaboración debeu haber ocultacións e polo que tampouco se incluíron os estamentos sociais exentos de tributación, como os eclesiásticos, os nobres ou os funcionarios; por todo isto, a cifra global de poboación de Galicia neste ano seguramente sería maior do que esta fonte sinala. Outro reconto da poboación de Galicia, do que non se coñece a súa orixe, corresponde ao ano 1557; nel infórmase de que en total habería en Galicia máis de 121.000 veciños, que corresponderían a un total de 729.000 h. Filipe II mandou facer un novo reconto da poboación de todas as terras que comprendía a Coroa de Castela en 1587, entre as que se inclúen tamén as provincias do Reino de Galicia (Astorga, Lugo, Mondoñedo, Ourense, Santiago e Tui). Descoñécese a súa finalidade pero ao encargarse del o estamento eclesiástico (feito polo que se denomina “censo dos bispos”), non parece que fose nin fiscal nin militar, polo que a súa fiabilidade nos resultados pode ser maior. En total suman 131.471 veciños que corresponden a 788.826 h. A seguinte noticia documentada sobre a poboación de Galicia é do ano 1590, cando as cortes ofreceron unha doazón ás 18 provincias que comprendían a Coroa de Castela, e levouno a cabo a Facenda Real. Para a súa repartición, houbo que coñecer detalladamente a poboación de cada unha destas circunscricións administrativas e facer un novo reconto, rematado en 1594, onde se constata unha diminución do número de habitantes a 745.308. Estes exemplos de recontos teñen unha fiabilidade moi baixa, como se pode apreciar nas diferencias entre uns e outros, pero son as únicas referencias da poboación de Galicia no s XVI. Do século seguinte hai un baleiro de fontes históricas que confirman que se realizase algún reconto malia que se atopasen referencias de que si se fixeron. No s XVIII destaca a nova “veciñanza” de Campoflorido (1717) no reinado de Filipe V e a enumeración do Catastro do Marqués de la Ensenada (1749), con 118.680 e 325.122 veciños de rexistro, respectivamente. As diferencias entre ambos os dous reflicten a súa escasa fiabilidade. As seguintes enumeracións das que se dispón información sobre Galicia son o censo do Conde de Aranda (1769) e o censo de Floridablanca (1787); este último ten unha maior transcendencia por ser no que por primeira vez se fai unha referencia a un reconto por habitantes e non por veciños; será a partir de aquí cando a información ofrecida sexa máis concreta, aínda que a súa fiabilidade tampouco parece moi alta debido ás frecuentes ocultacións por temor aos impostos. No s XIX, os recontos van ser máis numerosos pero non aumentarán a súa fiabilidade. Houbo que esperar, ao igual que no resto de España, a que se incorporase o novo sistema de censo moderno, con recontos oficiais dos individuos de todo o territorio, para que aumentase a súa fiabilidade, sen ser completa pois seguía presentando algunhas limitacións importantes. Para a realización dos censos modernos partiuse da división provincial de 1833. Os distintos recontos que ao longo dese século se fixeron en Galicia coincidiron cos realizados para o resto do territorio español, nos anos rematados en sete (1857, 1877, 1887, 1897), ademais do elaborado en 1860. Ao finalizar o século o censo de 1897 daba unha poboación en Galicia de 1.941.023 h e permitiu coñecer a importancia de fenómenos tan significativos como as migracións, que en determinadas datas marcaron fortes diminucións da poboación. En 1981, a través de Real Decreto, adoptouse como data censual o 1 de maio dos anos rematados en un; deste xeito realizáronse censos en 1981, 1991 e 2001, aínda que a súa publicación foi sempre posterior. A transmisión de competencias ás comunidades autónomas ocasionou a creación do Instituto Galego de Estatística (IGE), encargado da preparación e publicación dos últimos resultados censuais desagregados por concellos e parroquias para a Comunidade Autónoma de Galicia. -
censo de vivendas
Conxunto de operacións tendentes a compilar e publicar os datos relativos a todos os recintos dun determinado territorio destinados á habitación humana, xa se conciban como tales ou non.
-
censo electoral
[POLÍT]
Documento público no que constan os electores con dereito a sufraxio. Contén a inscrición das persoas que reúnen os requisitos para ser elector e non estean privados, definitiva ou temporalmente, do seu dereito a sufraxio; comprende o censo dos electores residentes no país e o censo dos electores residentes-ausentes que viven no estranxeiro. O censo electoral é único para toda clase de eleccións e ten que se adaptar ás eleccións ao Parlamento Europeo e ás eleccións municipais, nas que poden votar cidadáns doutros estados. O cidadán ten a obriga de inscribirse e de comprobar os seus datos periodicamente, sen prexuízo da revisión anual que fan os poderes públicos. Os datos que figuran nel son o nome e apelidos e o número do Documento Nacional de Identidade. A súa orixe atópase na eclosión dos sistemas parlamentarios representativos xurdidos das revolucións democrático-burguesas do s XIX, daquela configurado como o importe do imposto necesario para ser considerado elector. O constitucionalismo do s XX, pola súa parte, estendeu o seu ámbito de aplicación ata facelo universal para todos os maiores de idade. En España, o sufraxio universal estendeuse en 1868 aos varóns e en 1931, ás mulleres.
-
s
m
-
[DER]
-
s
m
Imposición ou prestación periódica, en cartos ou en especie, que afecta tanto á orde tributaria ou fiscal como á contractual.
-
s
m
Contrato agrario de carácter perpetuo ou temporal polo que se concedía o dominio máis ou menos pleno dunha propiedade ou da explotación dun ben inmoble a cambio dunha renda en diñeiro ou en especie. A súa orixe está nunha decisión do señor que cede as súas terras ao campesiño, en concepto de posesión. A cambio do dereito do campesiño a cultivalas en beneficio propio, o señor percibía rendas fixas, prestacións en traballo e a obriga de mellorar a propiedade. A lei española de 1990 recoñece dúas clases de censos: un perpetuo, denominado censo enfitéutico, e un temporal denominado censo vitalicio.
-
censo consignativo/perpetuo
Contrato no que o propietario dun inmoble impón sobre este un gravame de pensión perpetua ou por tempo indefinido, en compensación polo capital que recibiu en cartos.
-
censo enfitéutico
Pagamento periódico, xeralmente anual, dunha cantidade en metálico ou en especie (cabezas de gando ou froitas), ou mestura de cartos e produtos que o censatario lle fai ao censualista en recoñecemento do dereito señorial. Polo pago deste canon, o censatario adquire o dominio útil do inmoble xunto coa posibilidade de redimir o censo, pero o censualista conserva o dominio directo. O carácter da prestación é reverencial e de recoñecemento do señorío. Considéranse variedades do censo enfitéutico o censo con dominio, polo que o señor directo do predio establecido en enfiteuse percibe, segundo o contrato, todos os dereitos incluídos o de laudemio e o de tenteado; e o censo sen dominio, que lle dá dereito ao señor unicamente a unha pensión periódica.
Sinónimos: enfiteuse. -
censo estéril
Censo que se paga nunha percepción sen dereito de laudemio.
-
censo frumentario
Acordo polo que o propietario dunha propiedade a vendía por unha cantidade en metálico, pero a conservaba no seu poder a cambio do pagamento ao comprador dunha prestación en especie. É similar ao censo consignativo.
-
censo ó quitar
enda dunha determinada renda, en especie ou en diñeiro, a cambio dunha cantidade en metálico. O vendedor asegura o pagamento da renda cuns bens que permanecen hipotecados ata que o comprador perciba a cantidade debida xunto cos xuros. Este modelo de censo ou venda aparente, que aparece no s XVI, oculta un préstamo hipotecario con xuros. En Galicia empregouse con profusión durante os ss XVI e XVII por parte da universidade e doutras institucións oficiais e relixiosas con algúns debedores privilexiados ao esixir hipotecas numerosas e firmes.
-
censo reservativo
Dereito polo que unha persoa lle cede a outra o dominio pleno dunha propiedade reservándose o dereito a percibir, con carácter indefinido ou perpetuo, unha pensión anual sobre o predio que terá que abonar o censatario. A pensión podería pagarse en froitos, pero neste caso debería existir un acordo entre ambas as partes sobre o produto, a cantidade e a calidade. En ningún caso a pensión podería ser unha parte alicuota da produción da propiedade.
-
censo vitalicio
Censo temporal pero irredimible por algunha das partes que o acorden.
-
s
m
-
censo de mostraxe
[MAT]
Enumeración dunha subpoboación.