chancelería
(< chanceler)
-
s
f
Cargo ou oficio de chanceler.
-
s
f
[HIST]
Oficina encargada de expedir ou copiar documentos reais, de dignatarios nobres ou eclesiásticos e dirixida por un chanceler. A chancelería organizouse por vez primeira no Imperio Romano, durante o mandato de Claudio (41 d C-54 d C). Dirixida por libertos, dividíase en catro despachos ou oficinas segundo os asuntos a tratar. Este modelo modificouno o Emperador Adriano, que empregou equites en lugar de libertos. Documentada a súa presenza na curia papal dende o s V, no s IV converteuse no órgano esencial de goberno. Os monarcas carolinxios reconstruíron as chancelerías segundo o modelo romano, pasaron a organización estatal a mans dos membros eclesiásticos da corte. Constituídas por notarios e escribáns, ocupábanse da elaboración de actas da autoridade pública e da recepción e envío de documentos. A chancelería pontificia que organizou Urbano II no s XI serviu de modelo ás novas chancelerías que apareceron nos estados europeos, agás no caso da francesa, organizada por Filipe Augusto (1180-1223), que seguiu o modelo administrativo carolinxio. A monarquía castelá organizou a chancelería durante o reinado de Afonso VII pola incapacidade da Curia Regia de solventar as funcións administrativas. No Reino de Navarra organizouse no s XII, e no Reino de Aragón no s XIII. A chancelería real castelá estaba dirixida polo chanceler, ou xefe da chancelería, que tiña varios notarios, escribáns e seladores ás súas ordes. Levaban un rexistro no que se anotaban as entradas e saídas dos documentos e un estracto do seu contido, e cobraban dereitos pola súa expedición. A escribanía real aragonesa organizábase arredor do chanceler, o vicechanceler e un notario posuídor dos selos. Os cargos da chancelería escollíanse entre especialistas en teoloxía ou dereito. Fernando o Católico creou o Consello de Aragón (1494) e vinculouno á Chancelería Real. As funcións da chancelería aragonesa absorbéronas, desde finais do s XVI, os diversos consellos xerais da monarquía hispánica, ata a supresión do Consello de Aragón a comezos do s XVIII.
-
s
f
[DER]
Centro diplomático desde onde se dirixe a política exterior dun estado.
-
chancelería apostólica
[RELIX]
Oficina ou tribunal da curia romana, encargado de expedir as letras apostólicas e as bulas, e da custodia do selo de chumbo e do anel do Pescador. Foi modificada varias veces ata que Pío X a reorganizou coa constitución Sapienti Consilio (1908), e posteriormente coa constitución apostólica Regimini Ecclesiae Universae (1967) e co motu propio Quo aptius (1973).
-
escritura de chancelería
[PALEOG]
Tipo de escritura empregado por unha chancelería. Caracterízase polo uso de formas ornamentais, que lle dan distinción e elegancia, e o desexo de perdurar, afastado da evolución normal das escrituras coetáneas. Destacou a escritura reservada á chancelería imperial romana nos ss IV e V, derivada da cursiva común clásica, coñecida co nome de litterae caelestes, longariae ou syrmatae. No 367 prohibiuse o seu uso nas chancelerías provinciais do Imperio, que adoptaron entón a cursiva común nova, pero alongada, para obter un aspecto decorativo similar ao das litterae caelestes imperiais. Das chancelerías do Baixo Imperio pasou ás dos reinos xermánicos, cunha considerable degradación das formas. Os soberanos carolinxios continuaron usando a escritura da chancelería merovinxia para a primeira liña dos seus diplomas ata finais do s X.