checo -ca
(< fr tchèque)
-
adx
Relativo ou pertencente á República Checa, aos seus habitantes, aos checos ou á súa lingua.
-
s
Natural ou habitante da República Checa.
-
s
[HIST]
Individuo dunha tribo eslava occidental que se instalou en Bohemia (s VI), onde constituíu a base da poboación e que máis tarde (s IX) formou, xunto cos moravos, o reino da Gran Moravia. Deste xeito o nome de checo estendeuse ao conxunto dos habitantes de Bohemia e Moravia que constitúen a actual República Checa.
-
s
m
[LING]
Lingua pertencente á rama occidental das linguas eslavas, do subgrupo da familia indoeuropea, falada en Bohemia e Moravia. Ten algunhas formas dialectais diferenciadas gramaticalmente (bohemio, moravo central, moravo oriental ou moravo eslovaco, e silesio), pero a forma oficial e normativa baséase no dialecto da Bohemia central. Escríbese en caracteres latinos, pero compleméntase con signos diacríticos. Entre estes, cómpre observar que (‘) significa alongamento da vogal sobre a que se coloca, independentemente da acentuación. Na fonética, cómpre salientar que a primeira sílaba de cada palabra leva acento tónico e que non conserva as nasais do vello eslavo. Na morfosintaxe destaca a conservación da declinación con sete casos (que inclúen, como noutras linguas eslavas, o prepositivo e o instrumental); non posúe artigo e conserva o xénero neutro, ao que pertencen os nomes de nenos e de crías de animais (o feminino e o masculino resérvanse para os adultos). Os adxectivos son fortes (con tres terminacións) ou febles (cunha terminación). A conxugación ten seis clases de tempos, ademais dos verbos atemáticos (cunha conxugación especial). Os primeiros testemuños de checo escrito apareceron en xiros peculiares ou en glosas de textos de eslavo antigo (ss IX-XII). Formado durante o s XIII, no século seguinte acadou un nivel moi elevado. Jan Hus (1373-1415) introduciu, coa súa obra Orthographia bohemica (Ortografía bohemia, 1410), a ortografía diacrítica e simplificou a gramática. No s XVI, interviñeron na cuestión lingüística os Irmáns Bohemios, un grupo de escritores protestantes, e rexistrouse un gran desenvolvemento do checo que culminou co texto da denominada Biblia de Kralice e cos escritos de J. A. Comenius. A lingua literaria moderna baseada na lingua do s XVI, desenvolveuse a finais do s XVIII e durante o século seguinte, sobre todo coa obra de Josef Dobrovský (1753-1829), fundador da eslavística e reformador da ortografía checa que redactou a primeira gramática moderna do checo, e de Josef Jungmann (1773-1847), autor dun dicionario e creador da terminoloxía científica. Despois de 1918, o checo penetrou en todas as esferas da vida pública e continuou a ser obxecto dunha atención sistemática e dunha investigación científica. O centro que recolle todos os problemas arredor da lingua é o Instituto para a lingua checa, en Praga, pertencente á Academia Checoslovaca de Ciencias.
-
cine checo
[IMAX]
Arte propia de Bohemia e Moravia. Sen mencionar descubrimentos arqueolóxicos prehistóricos e restos do Reino da Gran Moravia, a arte en Bohemia comezou co Románico, período no que sobresae a ilustración de libros: o códice de Vyšehrad (1085) e os Salmos de Ostrov (finais do s XII). A mellor pintura mural consérvase na capela de Santa Catarina de Znojmo (Moravia, 1131). En Praga localízanse mostras do románico en igrexas de planta circular e na basílica de San Xurxo. O gótico tamén deu froitos importantes na iluminación das construcións, e situouse ao mesmo nivel que Europa como a Biblia de Velislav (posterior a 1340) e o pasionario da abadesa Kunhuta, cun gran sentido da plasticidade. O mestre de Vyšši Brod realizou nas súas obras unha fusión de elementos italianos e locais. A robustez e o realismo dos tipos populares e a luminosidade das roupaxes son característicos do mestre Teodorico (terceiro cuarto do s XIV), pintor imperial de Carlos IV (capela da Santa Cruz do castelo de Karštejn). Ao final do s XIV destacou o mestre de Třeboň, incomparable dentro de Europa central pola composición e o xeito de caracterizar os seus personaxes. O denominado belo estilo, especialmente escultórico, foi a culminación do esforzo artístico bohemio arredor dos ss XIV e XV. A este estilo pertencen as catedrais de Kolín, Kutná Hora e Praga (Svatý Vít), obra de Mathieu de Arras (? - 1353), e continuada por Peter Parler (1330-1399), de orixe alemana, e de planta francesa. O desenvolvemento artístico demorouse por mor das guerras husitas, despois continuou o gótico coñecido como Ladislao; o seu nome provén da Sala Ladislao do castelo de Praga, que contén obras de Benedikt Reijt (1454?-1534) e Matyáš Rejsek (1445-1506). O renacemento italiano só se introduciu en casos excepcionais. O manierismo da corte do Emperador Rodolfo II (1576-1611) foi moi importante, non obstante foi supranacional e sincrético, con artistas italianos, flamengos e austríacos. O Barroco comezou coa pintura de Karel Škréta (1610-1674) e Petr Brande levouno ata o extremo, Jan Kupecky (1667-1740) e Václav Vavrinec Reiner ata principios do s XVIII, cando se creou unha forte tradición barroca local. Na escultura destacan Ferdinand Maximiliam Brokof (1688-1731) e Mathias Braun (1684-1738). Na arquitectura sobresae Kilian-Ignaz Dientzenhofer (1689-1751), membro dunha prolífica familia de arquitectos de gran calidade; tamén traballaron en Praga numerosos artistas italianos. O estancamento posbarroco non se superou ata que chegou a pintura do segundo rococó de Josef Navrátil (1798-1852). Considérase a Josef Mánes (1820-1871) fundador da moderna pintura checa, tanto pola temática como pola execución. Destacan tamén o paisaxista Adolf Kosárek, revalorizado posteriormente, e Karel Purkyně (1834-1868), retratista e pintor de naturezas mortas. O impresionismo tivo o seu máximo representante no pintor Antonin Slavíček (1870-1910), o simbolismo no pintor Jan Preisler e o modernismo no deseñador Alphons Maria Mucha (1860-1939) e no escultor František Bílek. O escultor de tendencia realista máis destacado foi Josef V. Myslbek (1848-1922), mentres que na denominada Xeración do Teatro Nacional, que dominou a segunda metade do s XIX, sobresaíu Míkuláš Aleš (1852-1913). Baixo a influencia do noruegués Edward Munch, que expuxo en Praga no 1905, formouse unha xeración expresionista que non tardou en tornarse cubista: Emil Filla (1882-1953), Bohumil Kubišta, Antonin Procházka (1882-1945) e Josep Čapek (1887-1945). Un caso único en Europa foi a representación da escultura cubista de Otto Guttfreund, mentres que na arquitectura, tamén sen comparación en Europa, figuraron arquitectos como Kotěva, Gočar e Janák. Nos anos vinte viviuse baixo o signo da pintura social e nos trinta baixo o da surrealista, ligada a París con Marie Toyen, Josef Šíma (1891-1971) e Jindřich Štyrky (1899-1942). Desarraigado da súa terra materna, František Kupka (1871-1957), abstracto, orgánico e xeométrico, traballou en París. Os alemáns, durante a Segunda Guerra Mundial (1939-1945), prohibiron a arte moderna; non obstante o Grupo 42, que o impulsaba, tivo unha grande influencia co seu civismo e grazas a que os seus membros (Karel Souček, Kamil Lhoták, etc) exerceron como profesores da Academia, puido manterse. Dende 1948 ata 1960, baixo o pretexto dun realismo socialista, floreceu un certo academicismo; sen embargo, algúns artistas seguiron a investigación de tendencias abstractas, como Mikuláš Medek, Josef Istler, etc. A finais de 1970, estableceuse de novo oficialmente o realismo socialista, e apareceron practicamente todas as tendencias da arte contemporánea; a nova figuración (Ronovský, Jiří Sopko, etc), o novo surrealismo (Vožniak e Dlouný), combinado con outras tendencias, a abstracción xeométrica (Malich, Kratina, Sýkora e Demartini) e a pop-art (Balcar, Krejčí e Kulhánek), ademais doutros moitos artistas de difícil clasificación. Jiří Kolár caracterízase polos seus obxectos-poesías. Entre os máis novos destacan, cun estilo moi persoal, Aleš Lamr e Ivan Ouhel.
-
literatura checa
[LIT]
Arte cinematográfica producida na República Checa. Os primeiros filmes checos realizounos Jan Křížnecky e presentáronse na Exposición de Praga en 1898. Outros experimentos illados foron os de Max Urban, que tivo como protagonista das súas películas a súa muller, Anna Sedláčkova. Ao remate da Primeira Guerra Mundial, Praga retomou as actividades cinematográficas; o cine checo alcanzou un nivel extraordinario e creouse unha Federación para o Comercio e a Industria do Cine, cunha produción media duns 30 filmes anuais, ata converterse, despois do cine alemán, na segunda potencia cinematográfica centroeuropea con nomes tan destacados como K. Lamac, G. Machatý, realizador de Erotikon (1927) e Extase (1933), película que deu a coñecer a Hedy Lamarr e que foi premiada na Bienal de Venecia de 1934. Outros directores importantes daquela época foron Jan Kollar; J. Rovensky, que dirixiu Reka (O río, 1933), tamén premiada en Venecia en 1934; K. Junghans, con Tavoky je zivot (Así é a vida, 1929); K. Anton con Toniška (1930); os documentais de K. Plicka como Poháda máje (Fábula de maio, 1942) e O. Vráva. Durante a Segunda Guerra Mundial, Praga serviu de centro de coproducións alemanas; posteriormente a produción nacional descendeu e non se recuperou ata a nacionalización do cine checo coa chegada da liberalización (1945). Produciuse entón un rexurdimento, que tivo como unha das manifestacións máis interesantes o cine de monicreques articulados, con figuras como Jiří Trnka, autor de Špalícek (O esbozo, 1948), Cisauruv Slavic (O reiseñor do emperador, 1949), e K. Zeman, entre outros. Máis filmes destacados desta época foron Siréna (Serea, 1947) e Dobrý voják Švejk (O bo soldado Švejk, 1957) de K. Steklý. A ideoloxía comunista deixou a súa pegada no cine e durante uns anos as películas recollían na súa temática esta influencia. Posteriormente, asistiuse a unha certa independencia, e arredor de 1957 apareceu unha nova xeración de directores, entre os que cómpre citar os nomes de V. Jasný con Az pridje kocour (Cando vén o gato, 1964), E. Hoffann ou B. Pojar. Durante os anos sesenta, o cine checo acadou un posto importante en Europa, no que destacan filmes e directores coñecidos en festivais con numerosos premios internacionais. Cómpre salientar, entre outros, A. Radok, creador da famosa Lanterna Máxica de Praga, espectáculo que combina o cine, o mimo, etc, Dedeček automobili (O automóbil do meu avó, 1957), Romeo, Julie a tma (Romeo, Xulieta e as tebras, 1960), de J. Weiss ou Demanti noci (Os diamantes da noite, 1964), de J. Nemec. Da escola cinematográfica de Praga saíu un grupo renovador, do que destaca sobre todo Miloš Forman, con películas como Cerny Petr (Pedro o Negro, 1963), Lásky jedné plavovlásky (Os amores dunha rosa, 1965) e, xa nos EEUU, Taking Off (1971) e One flew over the Cuckoo’s Nest (Alguén voou sobre o niño do cuco, 1976) coa que acadou o Oscar á mellor dirección. Destacan, ademais, Věra Chytilová, con Sedmikrásky (As margaridas, 1966); E. Schorm; a parella formada por J. Kadár e E. Klos, con Obchod na korze (A botica da rúa maior, 1965), que obtivo o Oscar á mellor película estranxeira; J. Sequens, I. Passer; e J. Menzel con Ostře sladovane vlaky (Trens rigorosamente controlados, 1967), premiada cun Oscar. Na cidade de Karlovy-Vary celébrase anualmente un Festival Internacional de Cine.
-
música checa
[MÚS]
A misión evanxelizadora dos monxes xermánicos Ciril de Tesalónica e Metodi no estado da Gran Moravia orixinou unha literatura escrita en eslavo (lendas sobre estes santos, sobre san Ludmila, san Venceslao, etc). Cando o centro do estado se trasladou a Bohemia, localizáronse alí as culturas eslava e latina, con obras como a Chronica Bohemorum, de Cosme de Praga (1074-1125), ademais de diversas lendas. O himno máis antigo composto en eslavónico e checo, Hospodine pomiluj ny (Señor, ten piedade de nós), é do s XI, mentres que o primeiro canto checo a san Venceslao data do s XII. A partir do século seguinte, o checo ocupou un lugar destacado na literatura espiritual e profana (Alexandriada, Crónica Troiana, Crónica de Dalimil, cara ao 1315). Nos tempos do Rei Carlos IV diferenciouse entre os distintos tipos de xéneros: lendas, lírica, sátiras, escenas dramáticas, etc. A finais do s XIV comezou a época crítica e fértil, marcada ao mesmo tempo polas críticas sociais e eclesiásticas do reformador Jan Hus. A súa influencia foi decisiva durante o período posterior á súa morte, época das loitas husitas, no que a propia literatura se divide entre os seus seguidores. Ademais da súa obra en latín e de elevar o dialecto de Praga a lingua literaria, escribiu outras obras en checo como Výklad, Dcerka (A filla), O svatokupectví (O contorno da simonía) e Postila, especie de testamento espiritual. A actitude cara á literatura como medio de influencia directa sobre a vida culminou máis tarde en cancións, unha delas un himno de batalla composto polo xeneral Jan Žižka, Ktož jsú boží bojovníci (Os que son guerreiros de Deus), epístolas, polémicas, poesía e tratados do movemento husita. A obra do filósofo Petr Chelčický, pai espiritual dos xermanos bohemios, tende cara a unha solución radical do problema. O humanismo, establecido sobre todo por Petrarca (residiu en Praga en 1356), tivo un numeroso grupo de eruditos que exaltou o latín por riba da súa propia lingua (algúns chegaron a escribir exclusivamente en latín), como o xesuíta Viktorin Kornel (?1460-1520), autor de O práviech, o súdiech i o dskách země české knyhy devateri (Nove libros sobre os dereitos, os tribunais e as táboas da terra bohemia); Řehoř Hrubý, chamado Gelenius, tradutor de Petrarca, Erasmo e Cicerón; o seu fillo Segimon, filólogo, comentador dos clásicos latinos; e Daniel Adam de Veleslavina (1545-1599), tradutor de latín e alemán e autor de tratados léxicos. A Unión dos Xermanos Bohemios, fundada en 1461, foi codificada por Lucas de Praga -da súa actividade xurdiu a Biblia de Kralice (1593)-; o seu representante máis destacado foi Jan Amos Komenský (1592-1670), máis coñecido en Europa por J. A. Comenius, autor de numerosas obras, a maioría en latín, entre as que destaca o Labyrint světa a ráj srdce (Labirinto do mundo e paraíso do corazón), de carácter alegórico. A Batalla da Montaña branca (1620), seguida da persecución da maioría da nación checa, interrompeu o desenvolvemento cultural. Non obstante , mantívose a continuidade en lecturas populares, cancións de mercado e na actividade dun grupo de eruditos que recordaban os valores culturais do pasado nacional, como Bohuslav Balbín (1621-1688). Só os xesuítas durante o s XVIII se serviron do checo nas obras de devoción para o pobo, posto que a nobreza falaba alemán. Un novo renacemento tivo lugar a finais deste século, cando os checos procedentes do campo se introduciron nas cidades xermanizadas e se formou unha intelectualidade progresista. Crearon as bases do rexurdimento nacional checo os eruditos que aclararan o concepto da historia, da lingua e da literatura do país, como o filólogo Josef Dobrovský (1753-1789), Josef Jungmann (1773-1847), que escribiu unha historia da literatura checa, o historiador František Palacký ou o arqueólogo Pavel Josef Šafařík (1795-1861). A ideoloxía nacional abandonouse pola exaltación do pasado, o interese pola creación popular e a idea do paneslavismo, como se reflicte nos poemas de Jan Kollár e de F. L. Čelakovský (1799-1852), que escribiu, entre outras obras, Ohlasy (Ecos). Cómpre recordar a figura do poeta romántico Karel Hynek Mácha (1810-1836), autor do poema épico Máj (Maio). No que respecta ao teatro, destaca V. K. Klicpera (1792-1859) e J. K. Tyl (1808-1856) e no xornalismo Karel Havliček-Borovský. O interese pola vida nacional reflíctese na obra da escritora Božena Němcová. Despois de 1860 a literatura checa recibiu a influencia francesa. Na poesía sobresae Vítězlav Hálek e Jan Neruda. Outros autores notables foron o poeta Adolf Heyduk (1835-1923) e a escritora Karolina Světlà. A obra de Svatopluk Čech (1846-1908) foi de tendencia fortemente patriótica, como se reflicte en Písně otroka (Cantos de escravo, 1895). Houbo autores que tentaron incorporar as novas correntes europeas, como Jaroslav Vrchlický, J. V. Sládek e Julius Zeyer. Dentro da corrente realista, de ambiente folclorista e campestre, destacaron Karel Rais, Josef Holeček (1853-1929), autor de Nasi (A nosa xente), doce volumes sobre a vida dos campesiños da Bohemia meridional, Tereza Nováková (1853-1912), J. S. Baar (1869-1925), autor de Jan Cimbura (1908). A corrente impresionista representárona, entre outros, Antonin Sova (1864-1928), autor de Zlomená duše (A ánima esnaquizada, 1896). Cómpre mencionar o simbolista Otokar Březina. A comezos do s XX apareceu unha literatura próxima ao anarquismo, con nomes como Karel Toman (1877-1946), autor de Stoletý kalendář (Calendario escolar, 1926), Fráňa Šrámek e, sobre todo, Jaroslav Hašek (1883-1923), con Osudy dobrého vojáka Švejka za světové války (As aventuras do bo soldado Šveik durante a Primeira Guerra Mundial). Co nacemento da República Checoslovaca independente (1918), a literatura recolleu o ideal da liberación social con autores como Ivan Olbracht, Jiři Wolker, Marie Majerová, Stanislav Kostka Neumann ou Josef Hora. Neste contexto literario salientou Franz Kafka (1883-1924), autor en lingua alemá de obras fundamentais na literatura europea como Die Verwandlung (A metamorfose, 1915), e Der Prozess (O proceso, 1925).O poetismo e o surrealismo tiveron o seu representante no poeta Vitezslav Nezval. A ocupación alemá uniu ideoloxicamente a maioría dos escritores checos; manifestaron as súas protestas antibélicas Karel Čapek, o seu irmán Josef (1888-1945) e Julius Fucík (1903-1943). Despois de 1945, a literatura retornou aos temas da guerra e da liberación con Jan Drda, František Hrubín (1910) e Vladimir Holan (1905), e a partir de 1948 iniciouse un complicado proceso de desenvolvemento da literatura socialmente comprometida, que se manifestou nunha actitude contra os problemas sociais do momento. En prosa destacan autores como Karel Ptáčník (1921), Jan Otčenášek (1924), autor do relato Romeo, Julie a tma (Romeo, Xulieta e as tebras, 1958) e Zdeněk Pluhar (1913); en poesía Hrubín, Holan, Josef Kainar, Oldřich Mikulášek, Jiří Šotola (1924), autor de Za život (Pola vida) e Červený květ (As flores vermellas, 1955). Ademais, destaca Jaroslav Seifert (1901-1986), que recibiu o Premio Nobel de Literatura en 1984. Os anos sesenta representan unha data importante na historia da literatura checa. Coa apertura política e a liberdade de expresión, os escritores reexaminaron o papel da literatura e a actitude do individuo contra a sociedade e a historia; deste xeito xurdiron importantes experimentos estilísticos. Na poesía destacaron Miroslav Florian, Karel Šiktanc, Milan Kundera e Ivan Wernisch; en narrativa, Ludvík Vaculík, Milan Kundera, Josef Škovorecký, Bohumil Hrabal, Jindřiška Smetanová, Aleksandr Kliment e Alena Vostrá; e no teatro Václav Havel, Pavel Kohour, František Hrubín, Josep Topol e Milan Uhde. Acabada a denominada Primavera de Praga coa intervención soviética, iniciouse unha época de endurecemento en todos os campos. Perseguidos no seu país, moitos escritores optaron por emigrar e continuar coa súa obra creativa no estranxeiro.
-
teatro checo
[ESPECT]
Zona de contacto do mundo latino e eslavo, a música medieval checa oscila entre as dúas concepcións litúrxicas, a latina e a eslava, con períodos de predominio desta última, orixinada probablemente na abadía de Sazáva (s XI). Na época de Carlos IV (1346-1378) houbo un centro de música litúrxica ambrosiana dunha influencia notable; tamén apareceu música profana de ambiente cortesán. Pouco despois penetrou a Ars Nova francesa, con Guillaume de Machault, residente durante anos na corte real checa. A súa influencia plásmase na obra de Záviš e de Jan de Jenštejn. Nestes anos, o teatro litúrxico tamén tiña influencia francesa e un desenvolvemento considerable. Nos séculos seguintes, as loitas relixiosas orixinaron movementos como os dos Xermanos Bohemios, dos que quedan valiosas coleccións de cánticos cunha influencia que traspasou os límites de Bohemia. A polifonía holandesa influíu na música relixiosa checa e Praga converteuse nun centro onde traballaron músicos estranxeiros importantes como Jacob Regnart e Jacob Hassler. Posteriormente, chegaron as correntes madrigalistas florentinas (1600?) e a monodia. O autor máis destacado desta época é Kryštof Harant de Polžice. O territorio checo converteuse nun país extremadamente musical na época barroca: nos ss XVII e XVIII os testemuños contemporáneos revelan a importancia da música nas escolas primarias a todos os niveis sociais, tanto no rural como nas cidades. As institucións eclesiásticas impulsaban a música litúrxica e os oratorios italianizantes, con autores como Adam Václav Michna de Otradovič, Jan Dismas Zelenka, B. M. Černohorský ou F. I. Anton Tuma. Os bispos, nobres e algunhas institucións civís sostiveron orquestras privadas; a música instrumental cultivábana diversos autores checos (a miúdo xermanizados) e alemáns residentes en Bohemia, como Heinrich Ignaz Franz Biber, Frantisek Václav Mica (destacado precursor da sonata) e Ignaz Holzbauer, incorporado máis tarde á escola de Mannheim á que pertenceron moitos compositores checos como os Stamitz, Antonín Fils, František e Jan Jirí Brenda, František (ou Franz) Xaver Richter ou Jiří Cart. Outros compositores checos establecéronse en Berlín ou noutras cidades alemanas e do Imperio Austríaco. A ópera cultivouna Joseph Mysleveček, que triunfou en Italia onde foi coñecido como il divino Bohemo. Destacaron no estranxeiro, Jan Ladislav Dussek, František Xaver Dussek e un gran número de compositores establecidos en Viena, onde seguiron o clasicismo de Haydn e Mozart, como V. Pichl, L. Hoželuch, Jan Vaňhal, Pavel Vranichý ou Hugo Vořišek. En Bohemia traballaron nesta época J. F. N. Seger, František Xaver Brixi, autor de misas con elementos populares, e J. J. Ryba. En París destacou Antonín Rejcha, que exerceu unha fértil mestría. A extraordinaria floración de compositores do s XVIII mantívose ata o s XX coa aparición do nacionalismo musical, insinuado nas obras musicais e vocais de F. Škroup e na obra de V. J. Tomášek, J. A. Vitášek e P. Kříškovský. Todos eles foron precursores do gran Bedrich Smetana, verdadeiro abandeirado do nacionalismo checo en todos os seus campos, que tivo os seus mellores seguidores, entre outros, en Antonín Dvořák, Zdeněk Fibich, Josef B. Förster, Karel Weiss. Entre os discípulos de Dvořák, Josef Suk e Vitězslav Novák souberon achegar novas aspiracións á linguaxe musical checa, renovada no s XX por Leoš Janáček, Bohuslav Martinů, Vitězslava Kaprálová, Eugen Suchoň, Jan Cikker e Alexaner Moyzes. A vida musical checa, malia os avatares políticos do s XX, mantivo unha vitalidade que non ten practicamente equivalente en Europa, cun gran número de teatros de ópera (tres en Praga: Nacional, Smetana e Jan Tyl; tres en Brno e outros en distintas cidades como Ostrava, Olomouc, Bratislava ou Plzeň) e un gran número de orquestras sinfónicas de fama internacional, como a Sinfónica e a Filharmónica de Praga ou a Sinfónica FOK. O alto nivel de música checa está patente na importancia das institucións de ensino musical, das edicións discográficas (Supraphon) e da musicoloxía.
-
Arte teatral desenvolvida na República Checa. O teatro de bonecos é o que máis destacou e despois da Guerra dos Trinta Anos (1618-1648) fíxose moi popular en Bohemia, onde o introduciran compañías de cómicos itinerantes procedentes de Inglaterra, Alemaña e Italia, reemprazados a mediados do s XVIII por compañías familiares que contribuíron a recuperar a lingua checa e a convertela nun instrumento de expresión e creación cultural durante o Rexurdimento nacional, un período transcendental durante o que se deixaron sentir as achegas de artistas tan destacados como Matěj Kopecky (1775-1847), Mikoláš Aleš (1852-1913), Josef Váchal (1884-1969), Josef Skupa (1892-1957) ou Jaroslav Šváb. Entre finais do s XIX e finais dos setenta enmárcase a época dourada desta manifestación teatral na que se produciron notables espectáculos que van desde pezas cunha manifesta raigame popular ata producións baseadas en textos clásicos como Dr. Faustus, de Christopher Marlowe; Noite de Reis de William Shakespeare; e Don Quixote, de Miguel de Cervantes, sen esquecer as importantes propostas escénicas que, vinculadas ás vangardas históricas, se presentan nos anos vinte e trinta. A riqueza e a diversidade desta tradición teatral, unha das máis importantes en toda Europa, pode admirarse no Museo da Marioneta de Chrudim, creado en 1972 a partir dunha idea concibida no V Congreso da Asociación de Titiriteiros, celebrado en Praga en 1929, ano no que se promoveu a creación da Asociación Internacional da Marioneta (UNIMA). O museo acolle arredor de 6.000 marionetas procedentes de máis de 40 países e conta cunha biblioteca especializada con máis de 15.000 volumes.