Checoslovaquia

Checoslovaquia

Estado histórico da Europa central, que comprendía Bohemia, Moravia, parte de Silesia e Eslovaquia, formado o 14 de novembro de 1918 tralo desmembramento do Imperio Austro-Húngaro. Dende 1938, trala ocupación nazi dos Sudety, a cesión de Silesia a Polonia e doutros territorios a Hungría, Checoslovaquia deixou de existir como unidade estatal. En 1939, os nazis entraron en Praga e crearon o protectorado de Bohemia e Moravia, baixo o control do reichsprotektor Von Neurath, e promoveron a declaración de independencia de Eslovaquia, que constituíu un goberno pronazi encabezado polo bispo católico Jozef Tiso. Checoslovaquia recuperou a súa unidade territorial grazas aos progresos do exército soviético que permitiron organizar un goberno provisional en Košice (Eslovaquia) o 3 de abril de 1945, posteriormente trasladado a Praga o 16 de maio. Durante o período socialista, a República Socialista de Checoslovaquia recoñecía a existencia de dúas nacións eslavas no seo da República e organizouse en dous gobernos rexionais que tiñan os mesmos dereitos. Trala Revolución de Veludo (1989) aprobouse un ordenamento federal no que os checos e os eslovacos estaban representados por cadanseu Parlamento; sen embargo, a división entre ambos os dous pobos, levou á disolución por consenso do Estado o 1 de xaneiro de 1993, o que deu lugar á República Checa e a Eslovaquia.